Xoves 2 Maio 2024

Sanidade estende as restricións a outros seis concellos por mor da Covid-19

A presenza do coronavirus leva a tomar novas medidas nos municipios de Laxe, Lalín, A Guarda, O Rosal, Vilaboa e Poio

Dous días despois de establecer novas medidas en concellos como Pontevedra e Ponteceso por mor da incidencia da Covid-19, a Consellería de Sanidade, decidiu este venres estender aos concellos de Laxe, Lalín, A Guarda, O Rosal, Vilaboa e Poio as limitacións de capacidade nos locais de hostalaría e comerciais ao 50%, así como dun máximo de 10 persoas nas reunións públicas e privadas e a redución da capacidade máxima en celebracións, velorios e lugares de culto. As medidas establécense despois da reunión do comité clínico, ao constatar o aumento da transmisión nestas zonas.

A intención da Consellería, explica Sanidade nunha nota de prensa, “é poder actuar de xeito más selectivo e con maior rapidez ante a aparición de casos nunha zona concreta”, polo cal “fronte ás medidas adoptadas para toda a comunidade autónoma dende o principio da pandemia, procura agora acoutar ao máximo a expansión do virus, restrinxindo e regulando determinadas actividades xa non por áreas sanitarias, senón por concellos, cidades ou mesmo barrios”.

Publicidade

Na actualidade, alén dos concellos mencionados nas liñas anteriores, mantéñense limitacións en Carballo, A Laracha, Ponteceso, Arteixo, parte da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense e Pontevedra. Neste caso, o vindeiro mércores revisarase a situación para ampliar ou reducir ditas medidas.

As actuacións concretas que se tomarán nos novos concellos afectados vanse publicar no Diario Oficial de Galicia ao longo da tarde do venres e entrarán en vigor a partir da medianoite e serán revisadas no prazo máximo dunha semana en función de como evolucione a situación epidemiolóxica. No caso de celebracións como vodas, bautizos e comuñóns, non poderán superar o 50 % do total do salón de banquetes nin o número máximo de 50 persoas para lugares pechados e de 100 persoas no caso de celebrarse en espazos ao aire libre, se ben este apartado da norma non entrará en vigor até o vindeiro luns, polo que non afectará aos eventos previstos para esta fin de semana.

Así queda o mapa de restricións en Galicia:

 

No caso da Coruña, só unha parte do municipio se mantén con restricións. Son os barrios da Agra do Orzán, Ventorrillo, Sagrada Familia, Vioño, Sardiñeira, Os Mallos e Estación, cunhas rúas delimitadas na orde do DOG, nunha área que se corresponde, aproximadamente, co mapa baixo estas liñas.

Área aproximada na que se manteñen as limitacións na cidade da Coruña. Fonte: Google Maps / Elaboración propia cos datos da Consellería de Sanidade.
Área aproximada na que se manteñen as limitacións na cidade da Coruña. Fonte: Google Maps / Elaboración propia cos datos da Consellería de Sanidade.

A situación actual da Covid-19 en Galicia

Este mediodía, a Consellería de Sanidade difundiu a actualización diaria da pandemia. Respecto ao xoves sumáronse 243 casos á serie tras a realización de 4.732 probas PCR máis. Por outra banda, engadíronse 236 curacións e faleceron catro persoas nas últimas horas, unha delas usuaria dunha residencia de maiores. Desde o comezo da crise no mes de marzo, a Consellería de Sanidade reflicte 19.707 casos de Covid-19.

En canto aos casos activos, a cifra mantense semellante á do xoves, con 4.361 persoas baixo seguimento das autoridades sanitarias. Este indicador estabilízase debido ás altas concedidas nalgúns dos principais brotes das últimas semanas, como os da Coruña e Lugo, e ao aumento de positivos vinculados a novos brotes. aAsí é a evolución por áreas sanitarias:

Nos hospitais hai 26 persoas na UCI e 201 noutras unidades de hospitalización, o que sitúa a ocupación en niveis semellantes á segunda semana de maio, cando comezou a chamada “desescalada”.

No referente aos falecementos, a cifra de óbitos desde o 8 de agosto ascende a 57, das que 25 se corresponden con usuarios de residencias de maiores. Desde marzo faleceron 676 persoas en Galicia con coronavirus.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O cine familiar, a resistencia cultural das vilas galegas

Santiago Díaz e Concha Candán son propietarios do Cine Avenida en Caldas de Reis, a primeira multisala dun concello galego de menos de 10.000 habitantes

A primeira muiñeira con notación musical está datada en 1786

Unha tese da USC analiza a danza e composición musical tradicional como un "elemento identitario" da Galicia do século XIX

Gripe H5N1: a próxima pandemia?

Unha variante do virus, presente dende 2020, está a causar mortalidades nunca vistas en aves, tanto domésticas como silvestres

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico