Torusware: como converter os datos no ‘tesouro’ das organizacións

A empresa, nacida ao abeiro da Universidade da Coruña, consolida a súa traxectoria co Premio Nacional de Informática

“O que vemos agora son os froitos do traballo que se está facendo desde hai moito tempo na Facultade de Informática da Coruña”, explica Guillermo López Taboada, director xeral de Torusware, a empresa baseada na cidade coruñesa que acaba de recibir o Premio Nacional de Informática, que outorgan a Sociedad Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA. A modalidade na que se premiou a Torusware, co nome de Ramón Llull (patrón da enxeñaría informática), recoñece a “actividade empresarial dunha pequena e/ou mediana empresa (peme) no ámbito da enxeñaría informática, valorando o dinamismo e o impacto nacional e internacional da mesma e a súa aposta polo I+D+i”. E a compañía que dirixe Guillermo López cumpre á medida cos valores que recoñece o galardón.

Os datos no centro das decisións

Como se explica o traballo que desenvolve unha empresa especializada en informática á xente que non ten coñecementos na materia? “O que nós intentamos é que as organizacións se convertan en ‘datacéntricas‘. Hoxe en día, todas as organizacións dispoñen dunha cantidade de datos de diversas fontes: clientes, traballadores, sistemas de información, procedementos e políticas internas, dispositivos, sensores, redes sociais”, explica López Taboada. Coñecer a importancia que o chamado BigData e o seu bo aproveitamento pode ter no desenvolvemento dunha compañía é un dos camiños que Torusware marca aos seus clientes.

Publicidade

Desde que en 2010 presentara a súa tese doutoral, dirixida por Ramón Doallo e Juan Touriño, os outros dous socios promotores de Torusware e investigadores no Centro de Investigación das TIC (CiTIC) da Universidade da Coruña, Guillermo López desenvolveu unha liña de investigación arredor da Arquitectura de Computadores que espertou o interese de grandes compañías internacionais do sector. Finalmente, a idea tomou forma de empresa cun proxecto que, sete anos despois da súa fundación, xa ten 18 traballadores e está en constante crecemento.

Guillermo López, Juan Touriño e Ramón Doallo. Foto: CiTIC.
Guillermo López, Juan Touriño e Ramón Doallo. Foto: CiTIC.

Nestes anos, no que a ‘febre’ pola análise de datos se espallou polo planeta, incorporando á linguaxe cotiá termos como BigData ou o Internet das Cousas (IoT) Torusware atopou numerosas liñas de traballo para ofrecer os seus servizos. Durante a conversa, Guillermo López salienta varios exemplos que explican a relevancia de manexar datos de calidade, de forma eficiente e integrados do mellor xeito posible nas organizacións. “Por exemplo, un cliente dedicado a actividades deportivas quería saber cal era a zona máis acaída para instalarse e ofrecer propostas dedicadas ao público familiar; se xestionamos ben os datos e a información que hai dispoñible, podemos averiguar, por exemplo, que nos edificios de nova construción se van instalar familias que teñen fillos pequenos, ou van telos, e polo tanto son boas zonas para desenvolver este tipo de ofertas”, resume o director da empresa.

Publicidade

Neste sentido, Torusware ofrece tamén servizos baseados no desenvolvemento de aplicacións de altas prestacións para manexar estes datos, que se analizan e axudan a tomar decisións. Esta estratexia, baixo o nome de DevOps, axuda, segundo explica a compañía coruñesa no seu propio web, a coordinar as dúas áreas técnicas do despregamento de aplicacións (desenvolvemento e sistemas) e aos seus respectivos equipos humanos para entender e intepretar do mellor xeito posible todas as fases do ciclo de vida dunha aplicación.

O recoñecemento a Torusware co Premio Nacional supón para o seu director unha consolidación do proxecto, despois do impulso recibido durante os seus primeiros anos por diversas institucións e administracións. Ao pulo da Fundación Barrié, a través do seu Fondo de Ciencia, nas primeiras fases, sucedeuse a participación en iniciativas como Conecta Peme, Principia ou IFI Innova, da Axencia Galega de Innovación (Gain) da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Máis de 100 egresados en Silicon Valley

A traxectoria de Torusware salienta o traballo do que fala Guillermo López respecto á facultade coruñesa: outros dous egresados da mesma (Adrián Pérez e Daniel Valcarce) foron recoñecidos este ano na modalidade de Novos Investigadores. E hai dous anos, outro dos impulsores de Torusware, Ramón Doallo, e un mozo investigador da UDC, David Vilares, tamén recibiron o recoñecemento deste prestixioso certame.

A boa posición da escola coruñesa de informática constátase, segundo López, coas oportunidades e proxección da que dispoñen unha cantidade salientable dos seus egresados. Ademais dos postos de responsabilidade que acadan en empresas galegas, españolas e europeas, López Taboada achega a cifra de que nos últimos anos, “máis de 100 egresados” da Facultade de Informática da Coruña chegaron a Silicon Valley, o epicentro das grandes empresas tecnolóxicas do planeta.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A eclipse total de Sol xa está aquí: a guía definitiva sobre a cita astronómica do ano en Galicia

O territorio será protagonista máis dun século despois do último fenómeno, coa Coruña e Lugo na totalidade e as nubes como principal incógnita para a observación

Da cosmoloxía moderna á física solar: os congresos que marcarán a semana da eclipse na Coruña

A cidade reunirá durante catro días a investigadores de referencia internacional para abordar as grandes incógnitas do universo e os últimos avances da estrela

⁠⁠A Coruña, entre os puntos de repartición das lentes gratuítas do Goberno para a eclipse total

O Ministerio de Ciencia e o Grupo Social ONCE distribuirán dous millóns de dispositivos visuais certificados para observar con seguridade o fenómeno do 12 de agosto

Nace ConfIA, unha rede que aglutina dez universidades para impulsar unha IA confiable e responsable

O CITIC e o CiTIUS representarán a Galicia nesta iniciativa que reforzará a cooperación científica, a captación de talento e a transferencia de coñecemento