Cada vez que se abre un envase de comida, o plástico que o protexe da humidade, do osíxeno ou dos materiais oleosos está destinado a converterse nun residuo difícil de xestionar, en especial cando se trata dunha cuberta dun só uso. A resposta a esta problemática podería estar nunha capa feita a base de auga. Dende os laboratorios da empresa Actega Artística, a doutoranda Maylee Saavedra traballa no deseño de novos recubrimentos biodegradables que actúan como barreira protectora. A investigación busca xubilar o plástico convencional na alimentación e apostar, no seu lugar, por materiais sostibles e respectuosos co medio ambiente.
A tese da investigadora realízase no marco dun doutoramento industrial no que a empresa colabora coa Universidade de Santiago Compostela (USC) a través das axudas da Axencia Galega de Innovación dependente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP. Trátase dunha convocatoria destinada a empresas e centros de innovación e tecnoloxía de Galicia que buscan unir os seus esforzos científicos coas universidades do Sistema Universitario Galego (SUG).
A investigación de Saavedra leva por título Formulación de dispersións coloidais acuosas con polímeros biodegradables para producir recubrimentos con propiedades barreira, orientados a sustituír plásticos en envases alimentarios. É un proxecto que pode resultar clave para o sector alimentario a través da súa proposta de deseño e preparación de sistemas microscópicos estables en auga que protexan ingredientes coa mesma eficacia que os materiais sintéticos.
Aplicar caucho nos recubrimentos de envases
Este traballo naceu grazas a unha necesidade empresarial. “O titor do meu Traballo de Fin de Máster contoume que Actega Artística quería ampliar a súa liña de produtos. Ata ese momento, centrábanse tan só en recubrimentos con látex e sellantes para bebidas. Coa miña investigación, quero introducir na empresa o uso dunha base de caucho para aplicacións en papel”, indica Maylee Saavedra.
Na actualidade, gran parte dos envases de papel ou cartón empregados na industria alimentaria requiren unha lámina plástica interior para evitar que a graxa ou os líquidos traspasen o material. Ao substituír esa película sintética por unha dispersión acuosa biodegradable, o envase mantén intacta a súa resistencia fronte á humidade e o osíxeno á par que facilita a súa reciclaxe.
A enxeñeira química sinala que comezou o seu doutoramento industrial en abril de 2024 e prevé rematalo en abril do ano vindeiro. Realiza as súas pesquisas no departamento de I+D da empresa, onde comparte espazo de traballo con múltiples investigadores que profundan en cuestións como os casos de uso de cada proposta ou os materiais empregados. Saavedra resalta que a súa tese, financiada pola convocatoria da Axencia Galega de Investigación, está a supoñer unha experiencia moi beneficiosa para a súa formación e carreira: “Podo dedicarme por completo á miña investigación“.
O estudo das propiedades barreira do recubrimento
O obxectivo principal da iniciativa que desenvolve Maylee Saavedra é crear un produto novidoso de biopolímeros (macromoléculas obtidas de fontes biolóxicas que están formadas pola unión repetitiva de unidades químicas máis pequenas), en concreto de caucho natural. “Busco desenvolver un produto feito con materiais renovables para aplicalo ao papel dos envases alimentarios. Para lograr isto, preciso poder engadir aditivos naturais que manteñan as mesmas propiedades barreira que os sintéticos”, apunta a investigadora.
As propiedades barreira dun envase aluden a capacidade dos seus compoñentes para bloquear o paso de elementos externos —no caso desta iniciativa, ponse o foco na auga, o aceite e o vapor de auga— para garantir que se manteñen a calidade, a seguridade e a vida útil do produto. “É un parámetro especialmente relevante no caso dos envases de papel, cos que eu traballo. Son moi hidrofílicos [mestúranse ou disólvense con facilidade en auga], polo que permiten o paso de substancias cara ao alimento. Cos materiais que desenvolvemos, impedimos que iso aconteza”, conta a investigadora.
No centro da súa tese está o caucho natural, un material elástico e resistente que provén do látex vexetal. Maylee Saavedra explica: “Partimos dunha masa polimérica complexa de caucho e outros materiais. Empregamos unha tecnoloxía que está patentada pola empresa para facer unha dispersión coloidal acuosa”. Noutas palabras, busca elaborar unha mestura de partículas que se reparten na auga sen chegar a disolverse nela.
A enxeñeira bioquímica engade que unha vez se logra realizar esa disgregación, deixan pasar unhas 24 horas antes de continuar coa análise da mestura resultante. “En conxunto, estudar estes materiais é un proceso que se leva a cabo a través de entre tres e catro días de cada vez”, sinala.
A aplicación desta dispersión acuosa ten como obxectivo conseguir que o papel adquira a impermeabilidade necesaria para protexer un alimento. Trátase dunha meta á que busca chegar valéndose de materiais naturais —o caucho— para promocionar a súa sostibilidade ambiental. A diferenza dos recubrimentos plásticos convencionais, esta alternativa favorece a biodegradabilidade do conxunto. Deste xeito, a investigación non só busca igualar o rendemento técnico dos compostos plásticos na conservación dos alimentos, senón tamén ofrecer unha solución viable para a industria que reduza a pegada ecolóxica dos refugallos do envasado.
Do laboratorio á industria
Maylee Saavedra sinala que xa puideron realizar dúas probas industriais e están preto da terceira. “Logramos obter unha dispersión con materiais naturais que cumpre as propiedades barreira necesarias. Agora temos por diante o desafío de traducir estes resultados que acadamos en probas de laboratorio nun contexto de produción”, declara a investigadora.
Saavedra recoñece que aí se atopa o maior reto da iniciativa: a transferencia da investigación e as súas probas nunha contorna controlada á súa aplicación na industria. “O gran desafío é o cambio nas condicións de produción dun laboratorio fronte ás dunha cadea de produción”, asegura. Pon como exemplo o proceso de secado dos materiais: “No departamento de I+D empregamos estufas e esperamos 24 horas para medir a barreira. Na industria os tempos son máis acelerados; imprímese e sécase o papel en segundos”.
A enxeñeira bioquímica atribúe esta diferenza de ritmo aos requerimentos da inmediatez que presenta o mercado. “Son centros que traballan para moitas marcas e que, polo tanto, teñen que satisfacer a demanda de moitos clientes. Por iso as liñas de produción son maiores e van máis rápido“, apunta. Maylee Saavedra.
Superar ese salto entre a precisión pausada do laboratorio e a vertixe das cadeas de montaxe marcará os próximos pasos e necesidades desta investigación. De lograrse a adaptación aos tempos industriais, o desenvolvemento de Maylee Saavedra en Actega Artística non só resolverá un reto técnico, senón que abrirá a porta a unha nova xeración de envases alimentarios capaces de protexer o produto con eficacia e desaparecer sen deixar pegada unha vez cumprida a súa función.














