Cunchas de moluscos, as grandes aliadas do sector da bioconstrución

A empresa Extraco promove o emprego de materiais de orixe biolóxica para a fabricación de morteiros ou formigóns

O proxecto BIOBALVO é unha das múltiples propostas innovadoras de Extraco, unha empresa construtora xeneralista e de servizos relacionados fundada en Ourense en 1969. Este traballo persegue a valorización das cunchas de moluscos das rías galegas no ámbito da construción, co deseño e fabricación de morteiros, formigóns e mesturas bituminosas respectuosas co medio ambiente. É dicir, baséase no emprego de cunchas como árido de substitución en diferentes unidades de obra.

A empresa propón liñas de investigación enfocadas á bioconstrución con materiais elaborados con este elemento de orixe biolóxica. Os morteiros e formigóns deseñados no proxecto validáronse en prototipos reais, destacando un edificio experimental construído no Campus Universitario de Elviña (A Coruña), así como diversos tramos experimentais de estradas. BIOVALVO foi premiado pola Universidade da Coruña (UDC) e os materiais de construción obtiveron o segundo premio no I Certame de Materiais Innovadores de Galicia, convocado pola Axencia Galega de Inovación (GAIN) e a Materioteca de Galicia en novembro de 2021.

Publicidade

Un departamento de I+D+i propio

Extraco apostou por crear en 2008 un departamento de I+D+i propio, grazas ao que levaron a cabo múltiples proxectos que promoven a sustentabilidade ambiental. Como INNOBIORRESIDUOS, que aposta pola valorización de residuos agroindustriais para a obtención de bioprodutos de alto valor engadido: os bioasfaltos. Desta maneira, a partir de ourizos de castañas, podas de árbores ou taboleiros de madeira, poderíanse producir biosurfactantes.

Na mesma liña, CENICIENTA é un proxecto que pon en valor as cinzas das centrais térmicas mediante o desenvolvemento de materiais e produtos para ecoconstrución de obra civil e edificación. O seu obxectivo principal é o uso das cinzas de fondo que se producen nas centrais térmicas galegas para a fabricación de morteiros, formigóns, elementos prefabricados e mesturas bituminosas, para a súa posta en valor en casos reais de construción, validados a escala real.

Publicidade

Extraco presentou ademais no último período o proxecto KEOPS, cofinanciado polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI). Persegue o desenvolvemento e optimización de novos tipos de formigóns, integralmente sustentables e de alto valor engadido, baseados no uso de xeopolímeros. Desta maneira, implántanse estratexias de economía circular no sector da construción, a través da revalorización de residuos de alto impacto medioambiental.

Búscase substituír o cemento contaminante

Son Residuos de Construción e Demolición (RCD) e escorias de arco eléctrico procedentes da industria siderúrxica. Búscase substituír o cemento portland, de produción moi contaminante, en morteiros e formigóns, recorrendo a compoñentes de mellor desempeño medioambiental: xeopolímeros, materiais de base aluminosilicatos que dan lugar a materiais máis sustentables e eficientes. Por outra banda, o proxecto ALFILLER pretende empregar o filler de recuperación procedente das plantas de fabricación de asfalto de EXTRACO para o deseño e produción de novos materiais de construción de base de cemento, valorizando un refugallo que na actualidade vai ao vertedoiro ou a un xestor autorizado.

Dende a súa creación, o departamento de I+D+i de Extraco desenvolveu máis de 12 proxectos, cuxo obxectivo é mellorar o desempeño técnico, económico e medioambiental da compañía. Extraco permanece no grupo das 50 empresas construtoras con maior nivel de facturación e presenza en todo o territorio español, mantendo a sede social en Ourense e con capital 100% galego como marcas de identidade. O crecemento experimentado nos últimos anos motivou a súa consideración como “gran empresa”, explican dende a compañía: dacordo co último exercicio pechado (2021), a empresa contou con 336 empregados e tivo un volume de negocio superior aos 59 millóns de euros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tatuaxe para curar as uñas: a técnica galega para mellorar o tratamento das enfermidades ungueais

Un equipo da USC desenvolve un método minimamente invasivo que aumenta a eficacia terapéutica para patoloxías como a psoriase

Galicia será a primeira comunidade en contar cun centro de radioterapia de precisión no prazo dun ano

O Centro de Protonterapia de Santiago poderá atender anualmente ata 250 pacientes con cancros de especial complexidade

Ciencia e cooperación para unha alimentación sostible: os resultados de Net4Food

A rede de colaboración entre Galicia e Norte de Portugal continuará a través do Iberian Food Lab
00:08:53

Net4Food, a alianza que conecta a innovación alimentaria de Galicia e Portugal

A I International FoodTec Conference é un paso máis para mellorar a transferencia de coñecemento entre grupos de investigación e entidades produtoras