Malia que a Consellería de Sanidade ten por titular a unha muller, a realidade é que na Medicina tamén hai sexismo. Un estudo publicado en Gaceta Sanitaria analizou o avance das mulleres no seu recoñecemento profesional durante un período de 13 anos. As conclusións poñen de relevo que a feminización médica se ve drasticamente freada por unha falta de representación da muller nos postos de responsabilidade hospitalaria.
Existen aínda barreiras para a muller no ámbito médico? Nas últimas catro décadas, as mulleres pasaron de representar menos do 10% dos estudantes de medicina e do 15% de médicos en activo a ser maioría de licenciadas e máis do 40% de profesionais sanitarios nos países occidentais. Non obstante, o seu avance imparable no colectivo médico non se correspondeu cunha maior representación nos postos permanentes e de responsabilidade.
É o que constata polo menos un estudo publicado en Gaceta Sanitaria e realizado no Hospital Clínic de Barcelona por un equipo do Instituto de Investigacións Biomédicas August Pi i Sunyer(IDIBAPS), o primeiro que analizou en España o avance das mulleres no seu recoñecemento profesional durante un período de 13 anos.
As mulleres xa son maioría de licenciadas pero non chegan aos cargos directivos
Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística, a proporción de licenciadas españolas en medicina creceu un 93,4% entre 1994 e 2011, mentres que o incremento nos seus compañeiros masculinos foi de só o 12,6%. Un espectacular avance que tamén se deixou notar no Hospital Clínic. Así, dende o ano 2000 máis da metade de residentes son mulleres, como acontece tamén finalizado o período de formación: En 2008, a proporción de mulleres en posicións médicas temporais (96 postos) dobrou á dos homes (45).
Non obstante, tórnalas xíranse analizando o número de homes e mulleres que ocupan prazas permanentes. Ese mesmo ano, a proporción de homes con posto fixo no hospital (451) dobrou á das mulleres (229), de maneira que menos do 50% das facultativas alcanza posicións médicas estables, fronte ao 70% dos seus compañeiros masculinos.
A presenza da muller en cargos de responsabilidade é aínda máis desalentadora e así foise mantendo dende 1996 a 2008. No último ano de análise deste estudo, só o 8% das mulleres alcanzaba o posto de xefe de sección, de unidade, de departamento ou de instituto do Hospital Clínic de Barcelona, cifra idéntica á de 13 anos atrás. En cambio, durante o mesmo período, a porcentaxe de homes que logra un posto de responsabilidade neste centro hospitalario se mantivo por enriba do 20%.
En 2008, o último ano de investigación, un terzo das mulleres (o 10,9%) en comparación cos homes (o 29,5%) alcanzou o grao de consultor sénior no hospital, de maneira que máis do 65% dos consultores e máis do 85% dos consultores sénior seguen sendo homes.
Os datos do Hospital Clínic de Barcelona poñen de relevo que a feminización médica se ve drasticamente freada por unha falta de representación da muller nos postos de responsabilidade hospitalaria, de maneira que a súa opinión individual e colectiva queda desterrada dos procesos de decisión.
As medidas para frear as desigualdades de xénero, conclúen os autores deste estudo, deben provir da propia institución, cun compromiso visible, o apoio durante e despois da maternidade e o estímulo entre as mulleres para que soliciten nomeamentos e ascensos.
Para ler máis desta información
aquí tes o enlace da Gaceta Sanitaria