A arte contemporánea, por moi nova e moderna que sexa, non é allea ó deterioro das obras dos artistas. Por iso, o CiQUS —o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela— desenvolveu unhas técnicas para aplicar un lifting a obras artísticas modernas realizadas en plástico (máis concretamente, con polímeros sintéticos); en concreto, unhas pezas do artista plástico galego vivo máis internacional: o escultor Francisco Leiro.
A revista científica Polymer Degradation and Stability, nun número especial dedicado á utilización de materiais poliméricos no ámbito artístico, e o libro Science, Technology and Cultural Heritage, centrado na protección do patrimonio, recollen os resultados do traballo realizado integramente no CiQUS, en colaboración co CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), no que se tratou de identificar de antemán aquelas obras con maior risco de avellentamento precoz co obxectivo de previr a súa degradación prematura.
Tomando como modelo a escultura Nemeas Lion, de Leiro, os científicos abordaron o traballo de prevención identificando en primeiro lugar o material plástico utilizado polo artista: a resina epoxi. Posteriormente, o estudo das propiedades químicas desta resina industrial —de uso frecuente na reparación de embarcacións— permitiu predicir a súa degradación e, consecuentemente, a durabilidade da obra no seu conxunto. Como resultado destas análises, os investigadores demostraron que un dos principais defectos que presenta o material é o seu rápido amarelamento, algo que se puido constatar tanto durante o estudo do material usado por Leiro como, en menor medida, noutras obras da colección do CGAC.
Conservación preventiva
O obxectivo final deste traballo de investigación é facilitar a conservación preventiva de pezas de arte contemporánea mediante o apoio ó labor de preservación e restauración da colección do CGAC. No caso específico da obra de Leiro, o asesoramento científico consistiu en suxerir que se limitase a exposición da escultura a factores ambientais de risco que acelerarían o seu envellecemento e cambio de cor, como son a súa exhibición no exterior ou en interiores sen aire acondicionado; asemade, recomendouse tamén que a obra fose almacenada en condicións moi estables, con pouca humidade, e temperaturas próximas aos 0°C, informa o propio CiQUS.
O traballo non só ten valor científico e artístico, senón tamén económico e social
As conclusións deste traballo, no que participaron os investigadores Yolanda Rodriguez-Mella e Marina Nieto-Suárez, coa colaboración de Thaïs López-Morán (responsable do Departamento de Restauración e Conservación do CGAC), baixo a dirección do investigador principal do grupo de polímeros do CiQUS, Massimo Lazzari, non só teñen valor científico e artístico, senón tamén económico e social, xa que, segundo os propios investigadores, preservar o estado óptimo das obras supón tamén salvagardar o investimento económico que supón a súa adquisición, financiada en moitos casos con fondos públicos (como sucede no caso de Nemeas Lion, cuxos dereitos ostenta a Xunta de Galicia).
As obras de arte realizadas con plásticos representan unha parte moi importante das coleccións de arte contemporánea e moderna en todo o mundo. Durante moito tempo creuse que este tipo de obras eran moi estables, pero numerosas investigacións recentes confirmaron o seu avellentamento prematuro. Tanto é así, que en coleccións como as que se conservan en museos de arte moderna como o CGAC, algunhas obras empezaron o proceso de degradación moito antes do previsto, chegando case a desintegrarse, explican os investigadores.