Venres 19 Abril 2024

Xa non precisas estas 8 partes do corpo, e aquí explicamos por que

A evolución foi mudando o noso corpo, mais aínda fican algúns vestixios que, ao non dificultar a nosa vida diaria, mantéñense

Aínda que tiveran unha función no pasado evolutivo, hai algunhas partes do corpo humano que hoxe apenas teñen sentido e un papel determinado no organismo. Un dos máis coñecidos é o apéndice, ao final do intestino groso, do que se di, segundo algúns estudos, que era unha especie de almacén de bacterias boas.

Se se inflama, como acontece ás veces, o apéndice extírpase e a persoa pode seguir vivindo sen ver afectada a súa calidade de vida. Porén, hai outros “refugallos da evolución” que fican aínda connosco. A antropóloga evolutiva do Boston College Dorsa Amir expón que, en moitos casos, se estas partes quedan sen uso, pero tampouco son daniñas, adoitan ficar durante tempo na roda da evolución. Algunhas xa desapareceron, e outras seguen con nós. Aquí hai nove delas:

Publicidade

Apéndice

Posiblemente o máis coñecido, porque nalgunhas ocasións dá problemas e hai que extirpalo. No peor dos casos, de non tratarse a tempo, a apendicite pode derivar en peritonite e causar un fallo orgánico múltiple. Pero non é o habitual.

Crese que no pasado o apéndice podía axudar á dixestión en xente con dietas ricas en vexetales crus. Porén, cando os humanos empezaron a ter unha alimentación máis variada e incluíron a carne, a dixestión fíxose máis sinxela en moitos casos. Esta é unha das teorías. A outra é que actuaba almacenando flora intestinal beneficiosa para o corpo.

O palmaris longo

Un tendón que é un rastro da evolución.

É unha das probas da evolución que podemos ver no noso propio corpo aínda hoxe en día. Hai quen o ten, e hai quen non. A proba pode facerse estirando a palma da man, xuntando os dedos e levándoos cara ao pulso. É o tendón que engancha co palmaris longo, que no pasado axudaba aos homínidos, ao parecer, a escalar árbores, sobre todo cando aínda se desprazaban a catro patas. Entre 10 e o 15% dos humanos na Terra xa naceron sen esta característica.

O rabo

teoría recapitulación

Os bebés xa nacen sen el, pero durante a xestación hai un momento que a cola que aínda conservan moitos mamíferos aparece tamén nos humanos. Mais despois, cando avanca o embarazo, desaparece. A outros animais, e mesmo aos homínidos hai millóns de anos, a cola servía para facilitar a mobilidade e o equilibrio, pero perdeu sentido cando aprenderon a camiñar sobre dúas patas. Algunha mutación fixo persistir os rabos vertebrais ata hai pouco tempo, pero xa eran facilmente extirpables cunha cirurxía.

Músculos auriculares

A evolución fixo perder ao Homo sapiens algunhas capacidades que nos seguen sorprendendo nos animais. Unha delas é a dos músculos auriculares, que controlan a parte externa da orella para orientar e localizar o son que percibimos, detectar presas ou depredadores, así como para expresar emocións en determinadas situacións.

Algúns humanos aínda poden mover voluntariamente estes músculos, pero sen ningún tipo de implicacións acústicas.

O músculo piramidal

No baixo abdome hai un músculo, situado diante do recto, que é plano e de forma triangular. Pero só o ten o 80% da xente. Non ten función coñecida, aínda que parece que a súa orixe está no pube e axuda a manter en tensión​ as partes da línea alba.

Os pezóns (nos homes)

Ao principio todos os fetos desenvolven os primeiros pasos dos órganos sexuais masculinos e femininos. Porén, as hormonas acaban determinando a formación dun ou doutros. Pero no caso dos pezóns, cando as hormonas comezan a actuar, xa están formados, así que fican aí.

En circunstancias normais, os homes non poden amamantar ás crianzas. Non en tanto, nalgúns supostos nos que hai un alto nivel de prolactina, a hormona que axuda ás mulleres a producir leite, pode pasar isto. Ás veces acontece cando se toman medicamentos para as doenzas cardíacas, como a digoxina, segundo un estudo de Scientific American.

O músculo que nos pon a pel de galiña

O porco espiño levanta o seu pelo grazas ao "arrector pili". Foto: Liné 1 / CC BY-SA 3.0.
O porco espiño levanta o seu pelo grazas ao “arrector pili”. Foto: Liné 1 / CC BY-SA 3.0.

Cando os mamíferos tiñan moito pelo, podían usar as súas fibras musculares para buscar unha vantaxe competitiva. O músculo arrector pili (erector do pelo), situado baixo os folículos pilosos podía contraerse para proporcionar illamento grazas á capa de pelo, pero tamén podía xogar o papel contrario: levantar a mata de pelo para que o animal pareza máis grande do que é (de feito, é o mecanismo co que actúa o porco espiño).

A plica semilunaris

Plica semilunaris. Foto: Wikimedia.

Hai paxaros, réptiles e algúns mamíferos que conservan a habilidade de cubrir cunha membrana o globo ocular para axudar á súa limpeza e mobilidade. Os seres humanos e a maioría dos outros primates xa non necesitan esta característica, polo que evolucionou hai moito tempo, pero aínda temos ese anaco de tecido como un vestixio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os primeiros europeos cruzaron os Alpes hai máis de 45.000 anos

O 'Homo sapiens' adaptouse ben ao frío, un ambiente moi similar ao da actual estepa rusa, e na súa dieta destacaba a carne de reno, lobo e cabalo

Non somos unha especie violenta, a pesar do que digan as noticias

Non se fala tanto das interaccións pacíficas e xestos empáticos como do atroz e o inaceptable para o ser humano

Un estudo revela a evolución dos asentamentos humanos en España entre 1900 e 2020

A investigación na que colaborou un equipo da USC podería servir para modelar a influencia do crecemento urbano no cambio climático

A herdanza xenética dos denisovanos inflúe na depresión, no TOC ou na anorexia

O equipo de investigadores identificou a contribución xenética más extendida destes homínidos ata o momento