Os aneis de Saturno son da época dos dinosauros

Unha das últimas medicións da sonda Cassini revela que non se formaron ao mesmo tempo que o planeta, senón que son moito máis recentes

A sonda Cassini, que pasou máis dunha década explorando Saturno, os seus aneis e as súas lúas, ofreceu ata o seu final en setembro de 2017 (no que se desintegrou contra a súa atmosfera) moitos datos sobre o segundo planeta máis grande do Sistema Solar.

Os últimos estudos publicados grazas a esta información aparecen esta semana na revista Science, e revelan que os aneis son moito máis novos ca o planeta. Teñen só entre 10 e 100 millóns de anos, mentres que a antigüidade de Saturno é duns 4.500 millóns de anos. Hai un mes, outra investigación subliñaba que os aneis estaban a desaparecer.

Publicidade

“Coa información de Cassini puidemos determinar a masa dos aneis (sobre 1,54 X 1019 kg), unha medida que achega fortes evidencias de que estes non se formaron ao mesmo tempo que o resto do sistema solar, senón máis tarde. É probable que se creasen cando os dinosauros poboaban a Terra, o que demostra que o universo é moito máis dinámico dos que pensabamos”, declarou á Agencia Sinc Luciano Iess, investigador da Universidade Sapienza de Roma e líder do equipo de científicos que realizou o estudo.

Aneis e estacións de Saturno
Aneis e estacións de Saturno.

Os datos, con todo, non revelan como se formaron os xigantescos aros. “Os aneis deben ser consecuencia dalgún proceso dinámico dentro do sistema ou resultado dun fenómeno abrupto, como a irrupción doutro corpo máis pequeno. Pero non se sabe con exactitude”, precisa o investigador.

Publicidade

Iess engade que “xa tiñamos outros datos de Voyager e Cassini que suxerían que os aneis non se formaron con Saturno, pero agora temos unha evidencia moito máis precisa, que só foi posible obter durante o ‘gran final’ da misión”, informa o investigador italiano.

“De feito, as medicións realizadas por outros instrumentos a bordo da sonda demostraron que os aneis son 99% xeo e que o 1% restante está composto de partículas microscópicas de silicato”, engade. “Pero a masa permitiu estimar a cantidade total de impurezas depositadas (as partículas de silicato), para así determinar o tempo necesario para que se acumulen: entre 10 e 100 millóns de anos”.

O campo gravitatorio

O traballo tamén achega novos datos sobre a gravidade do planeta obtidos na fase final da misión. Coa súa investigación radiocientífica, Cassini tiña o obxectivo de medir o campo gravitacional de Saturno a tan só 3.000 km das súas capas superiores de nubes, mellorando substancialmente os actuais modelos da estrutura interna do planeta e os ventos da súa atmosfera. Segundo os expertos, estes novos cálculos desvíanse das predicións teóricas que se realizaron anteriormente.

“Determinamos o campo gravitatorio de Saturno cunha precisión sen precedentes, o que indica unha rotación diferencial moi profunda no interior de Saturno. É dicir, a rexión ecuatorial do planeta vira máis rápido que o interior”, explica Iess, que conclúe: “Coñecer o comportamento do interior de Saturno pódenos axudar a entender mellor como se formou o planeta”.

O programa internacional Cassini, froito da cooperación entre a NASA, a ESA e a axencia espacial italiana ASI, comezou hai máis de dúas décadas. A nave partiu en 1997 e, tras sete anos percorrendo o sistema solar, chegou a Saturno en xullo de 2004.

Nas 292 órbitas que completou arredor do planeta, a sonda colleitou unha incrible cantidade de datos sobre a composición e dinámica dos aneis. Con todo, ata a fase final non puido estudar a súa masa, algo crucial para calcular a súa idade. Para obter as medidas, a nave tivo que penetrarse a través do oco de 2.000 km que separa Saturno dos seus aneis.

 

Referencia: Measurement and implications of Saturn’s gravity field and ring mass, publicado en Science o 17 de xaneiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Enfermidades do pasado: trilobites feridos, dinosauros coxos e outros males prehistóricos

A paleopatoloxía é a disciplina científica que permite coñecer que doenzas padeceron os organismos que habitaron a Terra en épocas pasadas

Alén Space lidera un proxecto europeo para detectar interferencias de radiofrecuencia dende o espazo

A empresa galega coordina a iniciativa financiada pola Axencia Espacial Europea que terá unha duración de 24 meses

Por que os dinosauros dominaron a Terra? O segredo está nos seus vómitos e feces

Investigadores europeos reconstruíron, a través de restos fosilizados, como foi o auxe destas criaturas nos ecosistemas prehistóricos

Esta é a primeira mostra do mapa do universo elaborado pola ESA e con participación galega

A misión Euclid elaborará a primeira cartografía tridimensional do cosmos, rexistrando as formas, distancias e movementos de millóns de galaxias localizadas a 10 mil millóns de anos luz