Esta é a primeira mostra do mapa do universo elaborado pola ESA e con participación galega

A misión Euclid elaborará a primeira cartografía tridimensional do cosmos, rexistrando as formas, distancias e movementos de millóns de galaxias localizadas a 10 mil millóns de anos luz

A misión espacial Euclid da Axencia Espacial Europea (ESA) presentou esta semana o primeiro fragmento do seu ambicioso mapa do universo, que amosa millóns de estrelas e galaxias. Este primeiro segmento é un enorme mosaico de 208 xigapíxeles e foi revelado nun congreso internacional en Milán (Italia) polo director xeral da ESA, Josef Aschbacher, e Carole Mundell, xefa científica da axencia en Reino Unido. Euclid conta coa participación de investigadores do Centro de Investigación en TIC (CITIC) da Universidade da Coruña.

Polo de agora, a peza tan só representa o 1% da extensa sondaxe que Euclid capturará durante seis anos. Neste período, o telescopio observará as formas, distancias e movementos de miles de millóns de galaxias localizadas a unhas distancias de ata 10 mil millóns de anos luz. Deste xeito, creará o maior mapa cósmico tridimensional xamais realizado.

Publicidade

Influencia da materia e a enerxía escura

O segmento do mapa xa contén arredor de 100 millóns de fontes: estrelas na nosa Vía Láctea e galaxias máis aló. Uns 14 millóns destas galaxias poderían empregarse para estudar a influencia oculta da materia e a enerxía escura no universo.

“Esta impresionante imaxe é o primeiro fragmento dun mapa que en seis anos revelará máis dun terzo do ceo. É só o 1 % do mapa, e con todo, está cheo dunha variedade de fontes que axudarán aos científicos para descubrir novas maneiras de describir o Universo”, reiterou Valeria Pettorino, científica do Proxecto Euclid na ESA.

As cámaras sensibles da nave capturaron un número incrible de obxectos con gran detalle. Ao facer un achegamento profundo no mosaico —esta imaxe está ampliada 600 veces en comparación coa vista completa—, aínda se poden ver claramente as complexas estruturas dunha galaxia con forma de espiral.

Tenues nubes entre as estrelas da nosa galaxia

Unha característica especial visible no mosaico son as tenues nubes entre as estrelas da nosa propia galaxia, que aparecen nunha cor azul clara sobre o fondo negro do espazo. Son unha mestura de gas e po, tamén chamadas «cirros galácticos» ao semellarse aos cirros. Euclid é capaz de ver estas nubes coa súa cámara altamente sensible de luz visible, xa que reflicten a luz óptica da Vía Láctea. As nubes tamén brillan no infravermello, tal e como observou a misión Planck, tamén da ESA.

O mapa publicado é un anticipo do que nos deparará a misión Euclid. Dende que a misión iniciou as súas observacións científicas cotiás en febreiro, completouse o 12% do estudo. A publicación de 53 graos cadrados da sondaxe, incluída unha vista previa das zonas do campo profundo de Euclid, está prevista para marzo de 2025, e o primeiro ano de datos cosmolóxicos da misión poñerase ao dispor da comunidade en 2026.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O mundo micolóxico do Val do Ulla: máis de 660 especies e achados de interese científico

Un proxecto impulsado por AMABUL en colaboración coa Deputación da Coruña identifica máis dunha decena de posibles primeiras citas para Galicia e unha para España

Un equipo da USC e da UVigo crea unha maqueta virtual interactiva para imaxinar o futuro de Galicia

O proxecto do CISPAC crea unha paisaxe alternativa vertebrada en catro eixos temáticos: a comunidade, o hábitat, a enerxía e a alimentación

A provincia da Coruña lidera as emisións galegas de gases de efecto invernadoiro cun 47,4% do total

Un informe do Observatorio Galego da Acción Climática revela o impacto das industrias enerxéticas fósiles no norte da comunidade

Un epistolario inédito revela a rede feminista entre Galicia e Cataluña de principios do século XX

As cartas autógrafas que Micaela Chao Maciñeira enviou en galego á pedagoga catalá Francesca Bonnemaison permiten recuperar unha figura clave do feminismo