A que cheira o teu concello? Un mapa colaborativo para loitar contra os malos olores

A aplicación gratuíta OdourCollect posibilita a calquera persoa rexistrar os ulidos que percibe, sexan agradables ou desagradables

Un experimento de ciencia cidadá busca construír mapas de olores colaborativos baseados en observacións de cheiros en calquera lugar e momento. Para iso, creouse a aplicación gratuíta OdourCollect, na que calquera persoa pode rexistrar os ulidos que percibe, sexan agradables ou desagradables. Un dos obxectivos é crear solucións á contaminación por olores que afecta a determinadas comunidades, coa finalidade de mellorar a calidade de vida da súa poboación.

Esta iniciativa, desenvolta pola enxeñeira química Rosa Arias, fundadora de Science for Change, pon sobre a mesa as ferramentas necesarias para empoderar as localidades afectadas por cheiros molestos, coa pretensión de co-deseñar remedios locais cos actores involucrados (cidadanía, industrias, autoridades, expertos en olores e ciencia cidadá). OdourCollect desenvolveuse grazas ao proxecto D-NOSES (Distributed Network for Odour Sensing, Empowerment and Sustainability), e conta con entidades socias como a Fundación Ibercivis e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT), , así como con financiamento do programa de Investigación e Innovación da Unión Europea Horizon 2020.

Publicidade

Como funciona?

Calquera persoa pode reportar un cheiro na aplicación. Para facelo, o único requisito é rexistrarse previamente. Unha vez localizada a ubicación xeográfica do usuario, comezan as preguntas. A que cheira? —lixo, augas residuais, agricultura…— Para cada categoría pódense elixir diferentes tipos de olores. Por exemplo, no caso dos residuos poden ser frescos, descompostos, lixiviados, biogás, etcétera. Logo a intensidade do cheiro, nunha escala de 1 a 6 (baseada na norma alemá VDI 3882 Parte 1: Determinación da intensidade do cheiro): Na que 1 é moi débil —difícil de percibir— e 6 é extremadamente forte —o olor é case insoportable—.

Calquera persoa pode reportar un cheiro na aplicación. Para facelo, o único requisito é rexistrarse previamente

O ulido, é bo ou malo? A puntuación vai de 4 —se o cheiro é desagradable— a 0 —neutro— e a 4 —se o cheiro é agradable—, segundo a norma VDI 3882 Parte 2: Determinación do ton hedónico do cheiro. A maiores pódese incluír información adicional como canto tempo durou o cheiro ou de onde provén. Se o considera, o usuario pode engadir algún comentario —e pronto se poderán adxuntar imaxes—.

O mapa de olores galegos

En Galicia hai varias localidades con cheiros rexistrados. A capital galega, por exemplo, ten inscritos diferentes tipos de olores. Moitos deles desagradables: camión de lixo, augas residuais, tráfico, animal morto, petróleo. Pero tamén agradables na categoría de bosque/árbores/natureza. A provincia con menos datos é Lugo, na que só hai rexistro de olor a abonos orgánicos en Chantada.

Pantallazo da aplicación.

Na provincia de Pontevedra, destaca por intensidade e fetidez, o olor industrial descrito como “sopa de repolo” e o de augas residuais da propia cidade, así como a industria alimentaria de orixe animal en Redondela. O cheiro desagradable máis repetido entre as localidades que contan con rexistro é o das augas residuais, aínda que en Porriño tamén se reportou olor industrial químico, cunha intensidade 4. Fronte aos malos olores, Caldas de Reis e Silleda destacan polo recendo a bosque, árbores e natureza.

Na comunidade galega, entre os malos olores rexistrados destacan os abonos orgánicos, a industria alimentaria e as augas residuais

Na provincia da Coruña aparecen como olores agradables o mar en Ortigueira, o bosque en Oleiros e Cee ou a industria alimentaria —chama a atención que no comentario se define como cheiro a fariña queimada— na cidade herculina. É curioso o caso de Cambre, no que hai rexistrados numerosos olores: abonos orgánicos, flores, metal, azufre, herba fresca, acetona, comida, contedor de lixo ou cloro, entre outros. Os abonos orgánicos tamén están presentes en Outes, Muxía, Boqueixón, Arzúa ou Ordes.

En Ourense é rechamante que se catalogara o olor industrial a petróleo —na propia cidade— como agradable cunha intensidade de percepción 6, xunto co comentario de “varios peóns estano comentando, algúns din que ule a pólvora”. Na provincia convive o cheiro a abono orgánico dalgunhas zonas co arrecendo a bosque/árbores/natureza doutras.

Os malos olores

A exposición frecuente a cheiros molestos pode causar dor de cabeza, estrés, ansiedade, falta de concentración, insomnio ou mesmo aumentar os problemas respiratorios. Aínda que os olores ambientais son a segunda causa de queixas ambientais despois do ruído en todo o mundo, en moitos lugares non existe unha regulación específica para controlar o problema, o que significa que non hai un marco legal para protexer á cidadanía.

A través de OdourCollect calquera cidadán pode actuar como observador e recompilar datos abertos xeolocalizados sobre un episodio de cheiro, tanto no espazo como no tempo, que poden ser utilizados para construír mapas de olores colaborativos. A partir da análise e validación dos datos, o proxecto detrás da aplicación quere co-deseñar solucións locais xunto coas industrias emisoras de cheiros, os concellos e a veciñanza, para mellorar a calidade de vida da poboación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo revela contaminación por nitratos na Cova do Rei Cintolo

Un equipo da UVigo e da UDC cre que a orixe da polución nas augas do lago pode estar nos xurros que se empregan para abonar prados

Adeus ás fochancas? Un revolucionario experimento busca crear un asfalto que se repare só

Investigadores de Barcelona utilizan líquidos iónicos para tratar de transformar as estradas en espazos máis sostibles e eficientes

Un filtro con ósos de lura: a posible solución sostible para os microplásticos

Os investigadores aseguran que pode eliminar ata o 99,9 % dos pequenos fragmentos contaminantes da auga e utilizarse varias veces

Cal é o risco de seca ou inundación no teu concello en 2050? Consúltao neste mapa

Un atlas internacional reflicte os niveis dos riscos hídricos a nivel mundial e local tanto da actualidade como as previsións de futuro