A borrasca Ciril chega a Galicia con frío inusual e neve en cotas baixas

O venres haberá un forte descenso das temperaturas, tanto en mínimas como en máximas, aínda que remiten os chuvascos e recupérase a influencia anticiclónica

Hai máis dunha semana démoslle a benvida á primavera. Unha estación marcada polas temperaturas suaves que nos prepara para a máis cálida do ano: o verán. Non obstante, estes días vainos acompañar un frío inusual para esta época do ano. Segundo recolle a Agencia Estatal de Meteorología (AEMET) nun informe, dende hoxe e ao longo desta fin de semana rexistrarase un importante descenso das temperaturas, tanto das mínimas como das máximas, que serán inusualmente baixas para esta época do ano. Este episodio de frío deixará, ademais, neve en cotas moi baixas da zona norte.

A borrasca que causará este gran descenso das temperaturas xa ten nome. Ciril será a responsable do episodio de frío no país, que deixará mañá, venres, precipitacións no norte peninsular que serán especialmente intensas e frecuentes na área cantábrica e nos Pirineros. Nestas zonas tamén haberá nevadas significativas, cunha forte caída da cota de neve. Mentres hoxe se sitúa nos 1.000 metros, mañá descenderá aos 200-600 metros no extremo norte e aos 500-1.000 metros no resto da metade norte.

Publicidade

O venres haberá un maior descenso das temperaturas

A situación en Galicia será semellante. Segundo informan dende Meteogalicia, mañá venres será o día máis frío, posto que acaderemos valores de 6ºC e 8ºC por debaixo da media do mes. Aínda que se recupera a influencia anticiclónica e remiten os chuvascos que predominaron durante gran parte do día de hoxe, as temperaturas caerán, facendo que a cota de neve en Galicia descenda ata os 700 metros. De feito, o frío deixarase notar en toda a comunidade, sobre todo en Lugo, cuxa temperatura mínima será de 0º e a máxima non superará os 10º. No extremo contrario estará A Coruña, con 7º de temperatura mínima; mentres que Vigo e Pontevedra rexistrarán as máximas máis altas, que aínda así non superarán os 15º.

Acadaremos valores de 6ºC a 8ºC por debaixo da media do mes

Malia esta masa de aire frío que fará descender considerablemente as temperaturas, o sábado xa comezaremos a voltar á normalidade, polo menos no oeste de Galicia e Portugal, segundo apuntan dende Meteogalicia. A comunidade quedará baixo a influencia das altas presións situadas ao oeste de Irlanda. Espérase unha xornada de ceos pouco anubrados ou despexados pola mañá e con nubes e claros pola tarde. As temperaturas, aínda que seguirán sendo frías, experimentarán un lixeiro ascenso, máis significativo nas máximas.

Publicidade

Durante o domingo seguiremos a ter influencia anticiclónica sobre Galicia, aínda que dende Meteogalicia indican que haberá certa inestabilidade pola entrada de aire frío en capas altas da atmosfera. Os chuvascos serán máis probables no terzo norte, e os ceos alternarán nubes e claros. A cota de neve seguirá estando baixa, entre os 600 e os 800 metros. As temperaturas non experimentarán cambios significativos e, de feito, Lugo volverá ser a cidade que rexistre unhas mínimas máis baixas, acadando incluso -1ºC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia activa o sistema de alerta ante episodios de calor tras un mes de maio “moi cálido”

O último informe de Meteogalicia recolle o evento extraordinario de altas temperaturas rexistrado durante o mes pasado, que deixou máximas de 37,5 graos en Ourense

▪️ Que é a cúpula de calor? O fenómeno detrás dos récords de temperatura en Galicia en pleno mes de maio

MeteoGalicia establece alertas amarelas por calor na zona do Miño de Ourense e no sur de Lugo, con previsións de ata 36 graos

Unha masa de aire ártico afunde as temperaturas en Galicia na fin de semana

A circulación do vento do norte e unha fronte feble causarán chuvascos intermitentes entre venres e domingo, cando se comezará a recuperar a influencia anticiclónica

Galicia rexistrou o cuarto abril máis seco da serie histórica

MeteoGalicia indica que a precipitación media acumulada foi de 35 litros por metro cadrado, que é un 69% inferior ao frecuente neste período