Tendemos a minimizar o acto de deambular polas rúas para desprazarnos. Porén, percorrer os rueiros máis complexos ten a súa recompensa, mentalmente falando. O estudo internacional feito en Francia pola Universidade de Londres e publicado na revista Nature Communications atopou un enlace que vincula as habilidades de orientación co lugar onde crecen as persoas.
Concretamente, o estudo fala de que as persoas que creceron en cidades cuadriculadas teñen peor sentido da orientación que as persoas que medraron nas aforas onde os espazos son máis aleatorios. Os investigadores recolleron unha mostra de máis de 390.000 persoas de 38 países que probaron o videoxogo Sea Hero Quest (SHQ), un xogo de orientación navegando nun barco en busca de criaturas.
Esta forma particular de estudo foi escollida dado o funcionamento do xogo, que mostra as habilidades de navegación das persoas de forma real. De feito, os investigadores empregaron a aqueles usuarios que completaron un mínimo de once niveis para obter unha estimación fiable da capacidade de navegación espacial. Unha vez pasada esta proba, os científicos idearon unha medida da complexidade do trazado das maiores cidades dos 38 países onde procedían os participantes do estudo. Neste punto, a medida indicou que aqueles suxeitos que creceron fóra das cidades ou nas cidades cunha alta desorde conducía con mellor rendemento. Ademais, indican os autores que “isto confirma o impacto que ten o desenrolo do deseño urbano na cognición humana”.

Medindo zona nova versus vella
A maioría dos países incluídos no estudo tiñan niveis de entropía (ou desorde do sistema) similares debido aos típicos patróns de rúas orgánicas nos centros das cidades antigas. O estudo pon de exemplo Francia, Romanía e España e compárao coas cidades de países onde os rueiros teñen unha cuadricula ortogonal e patróns máis simples (como a cidade de Chicago en Estados Unidos). Nunha escala máis pequena, podemos comparar o mapa que hai na zona vella de Santiago de Compostela, o cal é mais complexo que a zona nova (ou do ensanche) da mesma, a cal, é máis sinxela.

Tendo todo isto en conta, parece que as persoas criadas en rueiros máis complexos teñen mellores habilidades, pero a realidade é que o estudo indica que, probablemente, haxa máis mecanismos en xogo cando as persoas evolucionan as súas habilidades. Así pois, estes resultados son coherentes con investigacións feitas con anterioridade en canto á relación positiva entre a exploración de entornas complexas e o crecemento de novas neuronas, o aumento da actividade e o volume do hipocampo coa navegación espacial complexa dos seres humanos.
Referencia: Entropy of city street networks linked to future spatial navigation ability (Publicado en Nature Communications)