Moita xente sente fascinación polas ilusións ópticas. Se as formas e as cores se configuran dunha determinada maneira, o noso cerebro, a través da vista, procesa a información de xeito que unha imaxe fixa se poida mover, ou completando os ocos que falta dunha forma pasmosa. Estes trucos de percepción fan moitas veces que nos cuestionemos como é o mundo que nos arrodea. E ás veces poden servir tamén para detectar como determinadas persoas perciben a contorna a través da vista. É o que acontece cunha ilusión óptica descuberta polo psicólogo xapónes Kohske Takahashi, da Universidade de Chukyo, coa que se amosa a coñecida como cegueira á curvatura:
A cegueira á curvatura
Na imaxe que se ve sobre estas liñas aparece unha sucesión de ondulacións que combinan as cores branca, negra e gris. Que tipo de liñas ves? Son zigzags con aparencia rectilíniea, ou máis ben ondas suaves e curvadas? Podes distinguir dous tipos de ondulacións?
O que pretende esta ilusión óptica é constatar a cegueira á curvatura, unha característica que teñen determinadas persoas, pero que non supón unha patoloxía visual. A maioría das persoas poden distinguir na franxa de fondo gris como a aparencia das ondulacións altérnase entre unha fila máis curva e outra máis rectilínea.
Agora toca mirar ás áreas de arriba á esquerda (fondo branco) e abaixo á dereita (fondo negro). Notas algo distinto? Se as liñas nestas dúas áreas parecen ter a mesma ondulación, pero ao tempo se percibe unha maior aparencia rectilínea na franxa gris, isto evidencia a cegueira á curvatura.
Por que pasa isto?
Segundo o autor da ilusión óptica, esta cegueira á curvatura podería ter relación coa forma na que percibimos as curvas e as esquinas no mundo real, provocando así a confusión no sistema visual do cerebro. “Esta ilusión implica que, para percibir unha curva suave, é preciso satisfacer máis condicións ca percibir unha esquina obtusa”, expón o Takahashi nun artigo en IPerception. “É salientable que as persoas ‘ven’ unha liña ilusoria en zigzag fronte a unha liña ondulada, en lugar de ter unha percepción deficiente”, explica. Diante disto, proponse que “os mecanismos subxacentes para a a percepción da curva suave e os da percepción das esquinas obtusas están competindo entre si dunha maneira desequilibrada, polo que as percepcións da esquina poden ser dominantes no sistema visual”.
En declaracións a The Telegraph, que recolle Science Alert, o psicólogo autor desta ilusión óptica apunta á posibilidade de que os ollos e o cerebro adaptáronse evolutivamente para detectar esquinas de forma máis eficiente que as curvas”. Deste xeito, na área con fondo gris nas que a cor cambia no cumio ou no val das ondas, o cerebro indícanos que hai unha esquina que non se percibe no resto da imaxe.
Referencia: Curvature Blindness Illusion (Publicado en IPerception).