Estudan como os gatos salvaxes devoran corpos humanos grazas a voluntarios

Unha controvertida investigación analiza os patróns de comportamento dos felinos mediante corpos reais cedidos para a ciencia

É difícil non estarrecer ao ler a investigación que desenvolveron varios científicos da universidade de Colorado Mesa, nos Estados Unidos. Querían saber como eran os patróns de comportamento de gatos (Felis catus) nacidos salvaxes cando decidían alimentarse de corpos humanos. E para iso usaron cadáveres de persoas que decidiran doar o seu corpo á ciencia para este curioso obxectivo. O traballo, que publica o Journal of Forensic Sciences, é un auténtico baño de crueza e oportunismo: en caso de ter que alimentarse, os gatos non dubidan en botarse aos humanos.

Este comportamento felino non é descoñecido, xa que se teñen documentado casos nos que os animais domésticos encerrados con propietarios falecidos poden chegar a alimentarse dos seus restos. Porén, os científicos querían saber o que acontecía nun entorno natural para comprender o papel dos gatos como preeiros ocasionais. Alén disto, os datos recollidos poden axudar tamén aos forenses a determinar a hora e a causa da morte en cadáveres en avanzado estado de descomposición.

Publicidade

E así o fixeron: deixaron cadáveres ao aire libre e puxéronse a observar e analizar o que facían dous gatos salvaxes, nacidos e criados na natureza. O primeiro deles centrou a súa atención nunha muller de 79 anos, nos tecidos brandos do brazo e o peito esquerdos, sobre todo pel e graxa, preto de onde os científicos colocaran agullas para fins da propia investigación.

Para ver o que acontecía, os investigadores colocaron unha gaiola sobre o corpo durante unha semana, tempo no que o gato deixou de achegarse ao cadáver. Pero unha vez a retiraron, o animal volveu a alimentarse do corpo case todas as noites durante 35 días ignorando outros 40 restos próximos a este cadáver.

Publicidade

No segundo caso, outro gato centrouse no cadáver dun home de 70 anos ao que se lle fixera unha autopsia. Mastigou a incisión da mesma, no ombreiro esquerdo, e comezou os tecidos brandos do brazo e o abdome do mesmo lado. Regresou durante 10 das 16 noites seguintes, desapareceu durante un mes e logo volveu outras dúas noites. Do mesmo xeito que o anterior, non amosou interese noutros cadáveres próximos.

A conclusión dos investigadores é que os gatos salvaxes adoitan buscar partes brandas e expostas, como os beizos, o nariz, as mans e os pés. Uns patróns que, segundo salientan, aseméllase máis ao dos linces (Lynx rufus) que ao dos gatos domésticos. “Nos dous casos, os gatos escolleron zonas onde a pel xa fora previamente penetrada“, explican os científicos. Engaden que ambos felinos “tiveron preferencia polos corpos en descomposición temperá, o que pode indicar unha preferencia polo tecido máis ‘fresco'”.


Referencia: The Scavenging Patterns of Feral Cats on Human Remains in an Outdoor Setting (Publicado en Journal of Forensic Sciences).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O ‘top 10’ da ciencia galega en 2025

Cirurxías pioneiras, achados paleontolóxicos e curación de enfermidades como a hemofilia B e a vertixe lideran os avances deste ano

Pontevedra convoca unha xornada para analizar os nesgos na ciencia co gallo do 25N

O encontro, organizado por GCiencia e pola Concellería de Igualdade, celebrarase o sábado 29 de novembro no centro social O Gorgullón

Si, aos lagartos gústalles a pizza: esta é a ciencia máis divertida premiada nos Ig Nobel

De vacas raiadas a lagartixas 'gourmet', pasando por uñas, zapatos e a receita cientificamente perfecta de salsa de pasta

Un fármaco experimental controla tumores en gatos e podería axudar en terapias humanas

Unha nova estratexia contra o cancro de cabeza e pescozo dos felinos domésticos demostrou en ensaios clínicos mellorar a súa calidade de vida