Desde hai varios meses, a expansión da rata toupa ou rata de auga setentrional (Arvicola scherman) está causando problemas en varios municipio da montaña lucense. Segundo recolleron medios como Campo Galego, máis de 2.000 hectáreas e 300 explotacións de Pedrafita, Triacastela, Cervantes, Folgoso do Courel, As Nogais ou Samos sufrían os danos do roedor nas pradeiras destinadas a pastoreo e forraxe, reducindo en gran medida a súa produción. E vai ser nun destes concellos, segundo denuncia a asociación ecoloxista Adega, onde este sábado se celebrará o campionato galego de caza do raposo.
Ante isto, a entidade manifesta o seu “estupor” ao ver como “a Xunta autoriza o desenvolvemento do campionato nun dos concellos das serras orientais galegas actualmente máis afectados pola explosión demográfica da rata toupa”. Expoñen que “resulta curioso que, mentres a Consellaría de Medio Rural anuncia investimento e medidas para o control da proliferación desta especie de roedor, pola súa banda, a Consellaría de Medio Ambiente estea a autorizar na zona afectada a caza indiscriminada do raposo, o depredador natural deste roedor”.
Alén da situación respecto da rata toupa, Adega volve criticar a celebración do campionato por consideralo un “tipo de actos anacrónicos, crueis e irracionais”. Recordan, do mesmo xeito, que as argumentacións arredor da necesidade do control cinexético da poboación de raposos están mantidas sobre “pseudo-informes da Federación Galega de Caza ou estudos obsoletos sobre a densidade da poboación galega de raposos”.
O raposo e a rata toupa
A entidade ecoloxista lembra que existen investigacións (ver PDF) que sitúan ao raposo, xunto ao moucho, a curuxa, o armiño ou a martaraña, como un dos principais deprededadores da rata toupa. Ademais, lembran o seu papel na prevención da expansión da enfermidade de Lyme ao ser depredador de especies, entre as que está a propia rata toupa, que poden albergar a bacteria Borrelia burgdorferi, causante da mencionada doenza. Estudos recentes expoñen o alto risco da borreliose en Galicia, con maior incidencia, precisamente, na montaña de Lugo.
Un estudo insiste no elevado risco pola borreliose das carrachas en Galicia
Ante isto, Adega “reclama ante a Subdirección Xeral de Biodiversidade e recursos cinexéticos de Medio Ambiente e ante a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura de Medio Rural a suspensión inmediata do Campionato galego de caza do raposo previsto para este sábado nos concellos de Triacastela e de Láncara”. Ademais insisten en pedir á Administración autonómica a “que rexeiten de forma sistemática a autorización deste tipo de campionatos, que incluso xa están a ser motivo de discrepancias técnicas no seo interno da administración”.
Do mesmo xeito, piden transparencia ante a celebración destas actividades, xa que, segundo apuntan, “incumpren flagrantemente os principios reitores que introducen a a Lei de Caza de Galicia. No mesmo sentido, critican que “a Federación Galega de Caza e a Xunta de Galicia sigan ocultando información sobre os lugares e datas nos que están previstos ou solicitados este tipo de campionatos de caza, incumprindo a obriga de publicitar adecuadamente estes eventos e advertir a cidadanía dos riscos que estes comportan”.