Un estudo insiste no elevado risco pola borreliose das carrachas en Galicia

A investigadora Susana Remesar presentou no campus de Lugo unha tese que afonda no papel das carrachas como vectores desta e outras doenzas

En novembro do ano pasado, despois dunha pregunta formulada por varios representantes da Comisión de Saúde Pública do Parlamento Europeo, a Cámara comunitaria expuxo que a enfermidade de Lyme, tamén coñecida como borreliose, era “un problema de saúde europeo. As estimacións falan de que arredor dun millón de persoas a padecen no continente, sobre todo en persoas ligadas aos sectores agrogandeiros e forestais. Desde Galicia, a ciencia tamén traballa para estudar esta doenza, que se transmite a través da picadura de carrachas e produce erupcións cutáneas circulares en diversas partes do corpo, aínda que nalgúns casos pode causar tamén problemas a nivel neurolóxico, reumatolóxico ou cardíaco.

Unha nova tese, presentada no Campus Terra de Lugo por Susana Remesar Alonso, insiste na probabilidade “elevada” de que as persoas adquiran borreliose e outras doenzas, como a rickettsiose, tamén transmitida polas carrachas. Uns resultados que, por tanto, advirten da necesidade de aumentar a concienciación da poboación respecto dos riscos que poden supoñer para a saúde humana as picaduras de carrachas.

Publicidade

Aumentan en Galicia os casos de Lyme, unha infección que transmite a carracha

O traballo da doutora do grupo de Investigación Sanidade Animal Galicia (Invesaga) da USC foi dirixido polos profesores Patrocinio Morrondo Pelayo, Pablo Díaz Fernández e Gonzalo Fernández Rodríguez. Baixo o título “Dinámica de poboacións das carrachas exófilas no noroeste de España e o seu papel como vectores de axentes infectoparasitarios de importancia veterinaria e médica”, Susana Remesar desenvolveu “un dos estudos máis amplos dos realizados ata a data en en Galicia e no conxunto da península Ibérica respecto dos patóxenos que poden vehicular as carrachas”, segundo informa a USC.

No marco do traballo, a investigadora recolliu 7.000 carrachas, cuxa identificación morfolóxica específica se desenvolveu mediante técnicas de bioloxía molecular, de cinco especies distintas. A máis habitual foi a Ixodes ricinus (99,2%), mentras que Dermacentor marginatus (0,3%), Dermacentor reticulatus (0,2%), Ixodes frontalis (0,2%) e Ixodes acuminatus (0,01%) foron detectadas de xeito ocasional.

Publicidade

A I. ricinus e a única especie de carracha na que se atoparon todos os estadios de desenvolvemento, sendo máis abundantes as ninfas, segundo se recolle na investigación, un traballo que tamén permitiu advertir unha asociación directa entre a fenoloxía de I. ricinus con factores como a temperatura e o fotoperíodo. A relación desta carracha é inversa co aumento da humidade relativa máxima media. Estas variables permiten predicir en que épocas do ano haberá maior número de carrachas na vexetación e por tanto maior risco de exposición e transmisión dos patóxenos que vehiculan, segundo se recolle na investigación.

Así, a aplicación de diversas técnicas de bioloxía molecular permitiu detectar en I. ricinus os 5 xéneros de patóxenos estudados, sendo os máis prevalentes Rickettsia spp. (20,7%) e Borrelia spp. (12,1%), mentres que a prevalencia doutros patóxenos como   Babesia spp., Anaplasma spp. e Theileria spp. foron inferiores ao 2%. Na especie I. frontalis acháronse os patóxenos Rickettsia spp. e Anaplasma spp, mentres que en D. marginatus e D. reticulatus unicamente se detectou o patóxeno Rickettsia spp.

De esquerda a dereita, Fernández, Díaz, Remesar e Morrondo, na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. Foto: USC.
De esquerda a dereita, Fernández, Díaz, Remesar e Morrondo, na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo. Foto: USC.

Unha pequena porcentaxe de I. ricinus e I. frontalis resultaron infectados con Anaplasma phagocytophilum, aínda que mediante o estudo conxunto dos xenes groESL e 16S ARNr comprobouse que a maioría das variantes atopadas non son potencialmente causantes de doenzas. Polo contrario, a investigación serviu para detectar que Babesia venatorum e Babesia microti son variantes potencialmente patóxenas para as persoas. Outras das achegas da investigación realizada por Remesar Alonso atinxen á detección de 6 xenoespecies de Borrelia potencialmente zoonóticas: 5 do grupo B. burgdorferi sensu lato, relacionadas coa Enfermidade de Lyme e unha do grupo das febres recorrentes (B. miyamotoi). Ademais, as prevalencias de B. burgdorferi s.l. e Rickettsia spp., foron significativamente superiores en I. ricinus procedentes da montaña e da costa.

O tribunal encargado de xulgar esta tese de doutoramento estivo presidido pola catedrática emérita da Universidade de Zaragoza Caridad Sánchez Acedo e polo profesor de Parasitoloxía e Enfermidades Parasitarias da Universidade de Mesina (Italia) Emanuele Brianti. O catedrático da Área de Sanidade Animal da USC e profesor na Facultade de Veterinaria de Lugo Pablo Díez Baños actuou como secretario dun tribunal que outorgou a máxima cualificación de sobresaínte cum laude á investigación realizada por Susana Remesar Alonso. Esta tese conta tamén cunha mención internacional grazas á estadía de tres meses realizada pola súa autora na Universidade da República Rexional Norte de Salto de Uruguai.

Ademais, a investigación de Susana Remesar contou co financiamento que o Invesaga, coordinado polo catedrático Pablo Díez Baños, recibe como grupo de referencia competitiva GR2015/003 da Xunta de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os virus do Nilo Occidental e de Crimea-Congo xa non veñen de fóra

Os nomes inclúen zonas xeográficas afastadas de España pero a súa transmisión non ten nada que ver coa chegada masiva de migrantes

Galicia é unha das zonas de España con máis carrachas transmisoras de Lyme

As masas de repoboación de eucaliptos son desfavorables para albergar altas densidades de 'Ixodes ricinus'

España é o segundo país europeo con máis casos de Crimea-Congo despois de Bulgaria

A carracha 'Hyalomma marginatum' provocou 13 casos de febre hemorráxica, chegando ás cinco mortes dende o ano 2013 en todo o Estado

Cales son as zonas de risco de carrachas no Camiño francés? Así o estudan na USC

A Cátedra das Peregrinacións financia tres proxectos sobre a ruta xacobea e destina 2.000 euros a cada unha das investigacións