Galicia acapara 45 dos 50 topónimos máis comúns no territorio español

A Igrexa (611 veces), O Outeiro (525), O Castro (332), Vilar (291) e A Torre (262) encabezan a lista dos topónimos máis habituais no país

A toponimia é un dos maiores tesouros que conserva a lingua galega. As peculiaridades sociais e xeográficas do país que ficaron durante séculos marcaron a ferro a historia dos lugares. Así, debido á característica dispersión da poboación no país, é sabido que case a metade dos núcleos de poboación do territorio español se concentran en Galicia. Xa coñecemos algúns dos máis curiosos, pero en que cantidades se repiten os topónimos? E cales son os máis habituais? Despois dunha consulta no nomenclátor de municipios e entidades de poboación do Instituto Geográfico Nacional, o resultado constata esta riqueza.

Dos 50 topónimos máis comúns no territorio español, 45 deles aparecen nunha grandísima porcentaxe nas catro provincias galegas. Hai que ir ata o número 17 (San Pedro) para atopar un topónimo que se reparte de forma algo máis homoxénea entre o resto de España, aínda que segue estando presente en maior número en Galicia debido á maior proporción de núcleos de poboación na comunidade.

Publicidade

Os datos do IGN, que coinciden cos que recolle o nomenclátor da Xunta de Galicia, evidencian a necesidade de conservar e manter a riqueza toponímica, evitando as deturpacións e castelanizacións dos nomes de lugar e respectando a lexislación vixente en materia de normalización lingüística. Os 10 topónimos máis comúns de toda España son unha radiografía da paisaxe galega e os seus habitantes. A Igrexa repítese 611 veces, seguida por O Outeiro (525), O Castro (332), Vilar (291), A Torre (262), O Pazo (253), Outeiro (236, sen o artigo), O Vilar (230, co artigo), A Casanova (206) e Vilanova (196, que tamén aparece, en menor cantidade, nas zonas de fala catalá).

Topónimos e apelidos

A maioría destes topónimos aparecen tamén na lista dos máis comúns no caso dos apelidos. Porén, neste caso, a castelanización impúxose. Agás o caso de Castro (1º e/ou 2º apelido de case 56.000 galegos e galegas), entre os 20 sobrenomes máis habituais aparecen Iglesias (que levan 52.219 persoas en Galicia) e Otero (que teñen 39.650 empadroados nalgún dos 313 concellos do país).

Publicidade

Alén disto, tal e como se pode ver na táboa, a lista dos 50 nomes de lugar máis habituais só recolle cinco que non se atopan na súa gran maioría na xeografía galega. Son San Pedro, La Estación, San Miguel, La Vega e Paredes. E se a consulta se estende máis cara a abaixo, os nomes galegos seguen ocupando a meirande parte da táboa, con lugares como O Barral e San Paio (84 veces), A Laxe e A Fonte (80), O Couto e A Bouza (78), Os Currás, Seoane, Vilela e Liñares (77), Quintela e A Aldea (76) ou O Carballo, O Igrexario e A Eirexa (74) entre os 75 máis comúns.

A lista recollida polo IGN agrupa aos diferentes niveis de agrupamentos de poboación: desde vilas e cidades ata entidades colectivas (as parroquias), entidades singulares (definidas como as áreas habitables dun termo municipal claramente diferenciadas e cunha denominación específica), e os núcleos diseminados (definidos como as edificacións ou vivendas dunha entidade singular que non poden incluírse no concepto de núcleo).

Podes ler máis sobre topónimos curiosos:

De Paidavella a Pernaviva: 40 lugares galegos con nomes ben curiosos

1 comentario

  1. Se non vos parece mal, quería facer unha suxestión lingüística: ‘meirande’ significa anaco, cacho ou parte máis grande, sempre referido ao tamaño; polo tanto, non se pode utilizar cando o que se pretende dicir é ‘a maior parte’.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dous bens da Coruña elevan a 91 os elementos galegos incluídos na Lista Vermella do Patrimonio

A antiga igrexa barroca de Vimianzo e a Casa Grande do Ribeiro colocan a Galicia no sexto posto nacional por número de inmobles incluídos

As Rías Baixas gardan a maior pegada toponímica da antiga presenza de focas en Galicia

Un estudo identifica 43 talasónimos asociados a estes animais mariños e reconstrúe a súa distribución histórica, con especial concentración na ría de Arousa

O mar acada os 22 graos en Galicia: as claves dun quecemento inusual para maio

Os sistemas de observación detectan valores moi superiores á media habitual para maio, provocados pola acumulación de calor asociada a episodios persistentes

Documentado por primeira vez un gorgoncéfalo vivo en augas galegas

Investigadores do IEO localizan un exemplar xuvenil na Ría de Arousa, o que amplía o límite norte coñecido da especie