Xoves 29 Febreiro 2024

E ti, es pesimista, optimista, cobizoso ou confiado?

Un traballo publicado na revista Science Advances por investigadores da Universidade Carlos III de Madrid, xunto con colegas das universidades de Barcelona, Rovira i Virgili e de Zaragoza, analiza o comportamento de 541 voluntarios ante un centenar de dilemas sociais, con opcións de colaborar ou de entrar en conflito cos demais, en función de intereses individuais ou colectivos.

O traballo emprega a teoría de xogos, que examina as decisións ante os dilemas

O traballo enmárcase na teoría de xogos, unha rama matemática con aplicacións en socioloxía e economía, que examina o comportamento das persoas cando teñen que tomar decisións ante un dilema, con distintas consecuencias en función do que decida tamén a outra parte implicada.

Publicidade

“A esas persoas pedíuselles xogar por pares que cambiaban en cada rolda, pero ademais cada vez o xogo era distinto, é dicir, o mellor podía ser cooperar co outro, facer o contrario que o outro ou traizoalo. Desta maneira temos datos do que fan en situacións sociais moi diferentes”, explica un dos autores do estudo, Anxo Sánchez, da Universidade Carlos III de Madrid (UC3M).

“Os resultados obtidos van en contra de certas teorías como a que apunta que os humanos actúan de maneira puramente racional, e por tanto deberán terse en conta á hora de redeseñar políticas económicas, sociais e de cooperación”. Así o indica Yamir Moreno, do Instituto de Biocomputación e Física de Sistemas Complexos (BIFI).

Despois de facer este experimento social, os investigadores desenvolveron un algoritmo informático para clasificar aos participantes en función do seu comportamento. O computador agrupou ao 90% en catro grupos.

Os cobizosos, aos que non lles importa a ganancia obtida, sempre que sexa superior aos demais, son o grupo maioritario, cun 30%. Os optimistas (20%) deciden pensando que o outro vai escoller o mellor para ambos.

Os pesimistas (20%) elixen a opción menos mala porque cren que o outro lles amolará. Por último, os confiados (20%), que cooperan sempre, son colaboradores natos: dálles igual gañar que perder.

Existe un quinto grupo indefinido, formado polo 10% dos voluntarios, que o algoritmo non puido clasificar porque non responden de maneira determinante a ningún destes patróns.

Anxo Sánchez explícao cun dilema concreto: dúas persoas poden cazar cervos xuntas, pero se están soas só poden cazar coellos. O envexoso elixiría cazar coellos, porque como mínimo estará igual ao outro ou mellor; o optimista escollería cazar cervos porque é o mellor para os dous; o pesimista, coellos porque así se asegura que ten algo; e o confiado coopera e cazaría cervos sen pensarllo dúas veces.

O proxecto desenvolveuse no marco do festival Dau, en Barcelona

O estudo está baseado nun experimento organizado polo Concello de Barcelona e a Oficina de Ciencia Cidadá de Barcelona no marco do festival DAU. “O experimento desenvolveuse de maneira participada pola cidadanía no marco dunha actividade pública da cidade”, apunta Josep Perelló, da Universitat de Barcelona e coordinador da Oficina de Ciencia Cidadá de Barcelona.

“O curioso é que a clasificación a fixo un algoritmo de computador que podería obter un amplo número de grupos e, con todo, arroxou unha clasificación óptima en catro tipos de caracteres”, explica Yamir Moreno.

“Este tipo de algoritmos de clasificación utilizouse anteriormente con éxito noutros campos, como a bioloxía. Con todo, a súa aplicación ao estudo do comportamento humano é revolucionaria, xa que traballos previos prefixan os comportamentos esperados antes de realizar o experimento, en lugar de deixar que un sistema externo nos diga a posteriori de forma automática cales son os grupos máis lóxicos”, comenta Jordi Duch, investigador da Universitat Rovira i Virgili de Tarragona e outro dos autores do estudo.

O galego Anxo Sánchez forma parte do equipo investigador do estudo.
O galego Anxo Sánchez forma parte do equipo investigador do estudo.

Isto reviste unha importancia capital porque “non é algo que impuxeramos os investigadores. A finalidade de empregar as matemáticas era precisamente o de garantir a imparcialidade”, engade Anxo Sánchez.

“Anteriormente, os experimentos realizábanse con decenas de persoas. Con esta plataforma pódese aumentar o volume de participantes no estudo, así como realizar probas con poboación heteroxénea e rexistrar moitos máis datos sobre como actúan. Isto abriunos a porta a probas moito máis complexas”, afirma Jordi Duch.

Nesta mesma liña, tratar de contestar que é o que move o interese colectivo ou individual nos procesos de negociación é útil para a xestión de negocios, organizacións ou para a reformulación de políticas. Ademais, tamén serve para abrir a porta para mellorar as máquinas, a facer “robots máis humanizados”, conclúe Sánchez.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento