A ninguén lle gusta durmir mal, pero é que ademais engorda. Así o revela unha nova investigación levada a cabo polo Weill Cornell Medicall de Doha (Qatar), que detectou que as persoas que perden horas de sono a diario son un 72% máis propensas á obesidade que as que dormen as horas axeitadas.
A perda de só media hora de sono diaria xa presenta consecuencias a longo prazo tanto no peso corporal coma no metabolismo, se é continuada no tempo. O estudo foi presentado na última edición de ENDO 2015, o encontro anual da Sociedade Endócrina celebrado en San Diego, California (EUA).
Para a investigación contouse coa participación de 522 voluntarios diagnosticados recentemente como diabete tipo 2, aos cales se lles realizou unha análise de sangue e se lles tomaron medidas de altura, peso e circunferencia da cintura. Durante os seis meses da primeira parte do experimento, os colaboradores comezaron a levar o control das horas de sono para calcular a súa “débeda” semanal. O exame dos datos revelou a relación entre as horas de sono e a propensión á obesidade.
Tras outros outros seis meses de experimento, os investigadores calcularon que por cada 30 minutos de falta de sono entre semana, o risco de obesidade aumentaba un 17%, e o de resistencia á insulina, un rechamante 39%. “Mentres que os estudos anteriores demostraron que a curta duración do sono se asocia coa obesidade e a diabete, nós encontramos que apenas 30 minutos ao día de débeda de sono pode ter efectos significativos sobre a obesidade e a resistencia á insulina a longo prazo”, explica Shahrad Taheri, líder do estudo.
GCiencia realiza unha reserva expresa das reproducións e usos das obras e outras prestacións accesibles desde este sitio web a medios de lectura mecánica ou outros medios que resulten adecuados a tal fin de conformidade co artigo 67.3 da Real Decreto - lei 24/2021, do 2 de novembro // Auditado por GFK












