Dedos coma uvas pasas: engúrrase a pel das mans ca auga sempre do mesmo xeito?

Unha pregunta duns nenos levou a un grupo de científicos a mollarse para saber se a auga fai sempre as mesmas formas na pel

“Vas quedar como unha pasa”. A todos se nos engurra a pel cando estamos moito tempo na auga. Cando fregamos a louza ou cando desfrutamos dun longo baño. Pero, faino sempre do mesmo xeito? Debuxa a pel do noso corpo os mesmos pregues, ou cada vez faino dunha forma distinta? Un grupo de científicos da Universidade de Binghamton, en Nova York, veñen de mollarse para responder a esta pregunta.

Todo partiu dunha pregunta dos xoves lectores da serie Curious Kids do portal The Conversation, que formularon esas preguntas. O biomédico Guy German decatouse que non tiña a menor idea de se o patrón de engurras nos dedos logo de pasar un bo tempo a remollo era o mesmo, polo que se lanzou a experimentar xunto ca súa colega Rachel Laytin.

Publicidade

A proba de campo, como non podía ser doutro xeito, foi sinxela. Tres voluntarios somerxeron os seus dedos durante media hora en varias ocasións. Tomaron fotos de todo e chegaron á conclusión de que, efectivamente, a orografía da pel, os vales e picos xerados pola exposición á auga, se repetía case sempre ata 24 horas despois.

Os investigadores explican que na medida en que a auga se filtra polos condutos sudoríparos abertos cara á pel baixa a concentración de sal na capa externa. As fibras nerviosas alertan ao cerebro sobre este cambio de estado da pel, o que provoca a retracción automática dos vasos sanguíneos. Cando o fan, arrastran consigo ao órgano máis grande do corpo humano, enrugando os dedos das mans e dos pés até quedar como unha pasa.

Publicidade

“Os vasos sanguíneos cambian moito de posición; móvense un pouco, pero en relación con outros vasos sanguíneos son bastante estáticos. Isto significa que as engurras deberían formarse do mesmo xeito, como acabamos de demostrar”, sinala Guy German.

Unha adaptación ao medio

A resposta da nosa pel á exposición á auga non é só un efecto secundario aleatorio, senón que tamén responde a motivos de adaptación ao medio. As engurras en mans e pés permiten aos humanos moverse mellor en condicións de humidade, para camiñar ou agarrar obxectos empapados con máis facilidade.

Un estudo feito na Universidade de Binghamton súmase a outros traballos realizados para afondar neste fenómeno. En 2016, rexeitouse a idea orixinal de que a inchazón causaba enrugas na pel mollada porque, cando menos, necesítase un 20% para que aconteza. Ademais, tamén se descubriu que ás persoas con dano nervioso non se lle engurran os dedos.

Uns avances que, máis alá de responder ás preguntas dos máis pequenos, poderían ter impacto na investigación forense, por exemplo, para mellorar os procesos de investigación de cadáveres expostos de forma prolongada á auga despois de desastres naturais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta

Vacinas nasais: unha nova e prometedora vía para frear a transmisión dos virus respiratorios

A modalidade xera unha defensa intensa nas vías respiratorias superiores ao administrarse o aerosol ou as gotas directamente sobre a mucosa do nariz

Como de sostibles son os bioplásticos?

Trátase dunha nova alternativa aos plásticos convencionais, fabricados con menos enerxía e biodegradables mediante compostaxe

O polbo galego estase a mudar ao Reino Unido?

Os pescadores do suroeste de Inglaterra viviron en 2025 o maior 'boom' de 'Octopus vulgaris' nos últimos 75 anos