Descobren que un suposto círculo lítico prehistórico foi feito nos anos 90

A paisaxe da fotografía ben podería estar en Galicia, pero está ao leste de Escocia. Aquí, hHai pouco máis dun mes, os xornais escoceses daban conta dun curioso achado. “Un antigo círculo lítico que ficou descoñecido para os arqueólogos durante milleiros de anos acaba de ser recoñecido oficialmente”, contaba The Press and Journal. O suposto círculo prehistórico foi atopado nunha granxa de Alford, en Aberdeenshire.

Aínda que se conservaba nun sorprendente bo estado, ningún organismo reparara nel. As primeiras estimacións, segundo Neil Ackerman, un arqueólogo que asesoraba á área municipal de Aberdeenshire, apuntaban a que o monumento podería ter entre 3.500 e 4.500 anos de antigüidade. Porén, chamaba a atención que o tamaño das pedras do círculo era menor do habitual.

Publicidade

“Este abraiante achado enriquece o coñecemento destes monumentos únicos e o patrimonio prehistórico da zona”, dixo naquel momento Ackerman, engadindo que “é raro que estes sitios permanezan sen identificar por tanto tempo, especialmente nunhas condicións tan boas”. Algo xa facía dubidar aos investigadores. Porén, as autoridades locais xa quixeron destacar o potencial do achado. “Este novo lugar remarca a importancia internacional do patrimonio arqueolóxico de Aberdeenshire”, dixo a política local Moira Ingleby.

A verdade do círculo lítico

Non en tanto, ao recabar novos datos sobre o suposto monumento, apareceu a verdadeira historia. Ao contactar co antigo dono da leira onde apareceu o círculo para buscar máis información, o home confesou que el mesmo construíra a estrutura nos anos 90, como unha especie de homenaxe aos auténticos círculos líticos existentes en toda Escocia, segundo recolle The Guardian.

Publicidade

Ao escoitar aquilo, os investigadores rectificaron a tempo: “Obviamente é unha decepción, pero tamén lle dá valor ao lugar. Unha réplica tan exacta amosa o coñecemento, o compromiso e o aprecio que a comunidade lle ten á arqueloxía”, dixo Ackerman. O arqueólogo mesmo fixo unha brincadeira a través das redes sociais cando a historia comezou a circular. “Se estás tendo un mal día, polo menos non es ese home que identificou diante da prensa un círculo lítico prehistórico que realmente ten uns 20 anos de antigüidade”, escribiu.

“Espero que as pedras continúen a ser aproveitadas; aínda que non son prehistóricas, están nun lugar fantástico e paga a pena velas na paisaxe”, concluíu.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O equipo de Santa Clara cre que o cerebro saponificado pertenceu a unha monxa de entre os séculos XVII e XIX

O órgano atopouse durante e escavación de tres tumbas no coro baixo da igrexa e agora está depositado nunha cámara frigorífica da USC para garantir a súa conservación

Unha investigación da USC descobre por primeira vez mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

Dous estudos científicos revelan que as mostras procedentes do illote de Guidoiro Areoso destacan por presentar os valores máis altos rexistrados na análise

Achada no Castro de Esemelle unha peza dun colar con posible orixe na illa grega de Rodas

A escavación, impulsada pola UDC e o Concello de Ferrol, tamén sacou á luz fragmentos dunha vaixela con decoración sogueada, moi característica da cultura castrexa

O achado de estribos de cabalo achega novas claves sobre a ocupación medieval do xacemento das Torres

A campaña arqueolóxica en Tomiño revela varios elementos metálicos de carácter militar e permite avanzar na cronoloxía e evolución do complexo defensivo