Corría o ano 1996 cando apareceron os primeiros casos da pandemia, despois de que un fotógrafo retratara varios exemplares con lesións na cara. O diaño de Tasmania (Sarcophilus harrisii) sobrevive como un dos escasos mamíferos marsupiais de Australasia que resistiu á gran extinción da fauna causada pola chegada da colonización a esta rexión do planeta.
É unha xoia da evolución, que destaca pola forza da súa mandíbula, a súa ferocidade e o cheiro que transmite como mecanismo de defensa. Pero despois de moitos miles de anos de resistencia, o diaño de Tasmania (célebre en todo o mundo pola súa aparición nos debuxos dos Looney Tunes) corre serio perigo por un cancro facial contaxioso que xa levou por diante a un 80% da poboación desta especie única.
A enfermidade, coñecida como DFTD polas súas siglas en inglés, comeza con pequenas lesións e vultos arredor da boca e o fociño, que medran e se espallan pola cara e o pescozo, e ás veces, nos peores casos, a outras partes do corpo. É un feito estraño, xa que só se coñecen seis tipos de cancro contaxioso en especies animais. E letal, porque a mortalidade chega a ser do 100% en períodos de entre 12 e 18 meses. Alén dos propios danos que a expansión do cancro provoca, os animais afectados adoitan morrer de fame, pola dificultade que teñen para inxerir alimentos.
Transmítese dun a outro individuo a través do contacto directo, como por mordeduras, durante a copulación ou en loitas entre eles. Os investigadores que estudan a doenza explican que “as células tumorais pasan dun individuo a outro, xa que son capaces de ‘esconderse’ do sistema inmune e non son rexeitadas”.
Vendo que a doenza avanzaba a toda présa, a ciencia volcouse na salvación do diaño de Tasmania. Comezaron entón os estudos moleculares e xenéticos sobre o cancro, que aínda non conseguiron ralentizar a mortalidade, pero si houbo avances prometedores. En 2010 publicouse en Science un traballo que revelaba a orixe do cancro e nos últimos anos, os científicos atoparon outro feito sorprendente: o propio organismo de determinadas poboacións do marsupial desenvolveu unha resistencia maior ao cancro contaxioso,
o que lle deu aos investigadores numerosas pistas para seguir avanzando. E estes datos, segundo subliñaron os propios científicos, poderían axudar a descubrir novos factores de regresión de tumores noutras especies, como o Homo sapiens.
Así, estas particularidades xenéticas dentro das poboacións abren a esperanza para salvar ao diaño de Tasmania. O goberno da illa está desenvolvendo un plan para salvar a especie, con importantes investimentos en investigación e divulgación. O reloxo corre en contra, pero parece que se chegou a tempo.