Sábado 27 Abril 2024

Arde sobre queimado: o lume repítese nos mesmos montes

Unha comparativa entre o incendio desta semana en Rianxo e a vaga de lumes de 2006 pon de manifesto os problemas en determinadas zonas

Unha vez apagadas as últimas lapas do incendio de Dodro e Rianxo (é, á altura do 1 de abril, o máis grande que tivo lugar no territorio español no que vai de ano, con 1.162 hectáreas de terreo queimado) comezaron as análises desde diversas perspectivas para coñecer como se desenvolveu o lume. Unha das cuestións que chamou a atención desde o primeiro momento aos expertos foi a coincidencia no mapa do lume da pasada semana con outro que tivo lugar durante a tráxica vaga de incendios de 2006.

As imaxes recollidas polos satélites do programa Copernicus da Axencia Espacial Europea (despois de que a NASA capturase tamén o longo ronsel de fume entrando no Atlántico) amosan un trazo moi semellante, empurrado polo vento do nordés, e que, segundo explican os expertos, se repite en numerosas zonas de Galicia. A partir da publicación da canle de divulgación Aula Silvicultura, da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra, comezaron a xurdir achegas e comentarios sobre a “memoria do lume” da que falan moitos coñecedores do sector. Unha situación que se da non só no Barbanza, senón tamén noutras partes do país, como as comarcas de Verín ou Viana, con varios puntos negros en canto ao problema dos incendios.

Publicidade

Alén de 2006 e 2019, a hemeroteca tamén dá conta doutro incendio en 2014 na mesma área. E outro dato que tamén xurdiu coa vaga de lumes da semana pasada: volveron arder Tállara, en Lousame, e Argalo, en Noia, dúas parroquias veciñas que destacan pola actividade incendiaria desde hai tempo. Tállara en especial é tristemente coñecida entre axentes forestais e investigadores pola gran cantidade de incendios que se producen. Así, é unha das parroquias incluídas na lista do plan Pladiga da Xunta, na que se determinan as parroquias de alta actividade incendiaria (PAAI) segundo o número de lumes que se producen e a superficie de terreo queimado, entre outros factores.

Factores e causas

Da comparación das imaxes saen numerosas leccións: “O máis importante é que outra vez os grandes incendios forestais volven sobre os seus pasos, sobre todo se a causa do primeiro lume o territorio se abandona e homoxeiniza, acumulando biomasa en condicións de entrar facilmente en dispoñibilidade”, explican desde esta canle. En moitos puntos das frontes de lume, o incendio só se parou cando chegou ao ‘final’ do monte, en terreos agrícolas ou aldeas.

“Hai elementos que inflúen máis ca outros“, afonda Diego Cidrás, investigador predoutoral na Facultade de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela. Mais as diferentes partes coinciden en que o gran problema coa xestión forestal é unha das causas que explica en maior medida a reprodución dos grandes lumes, mesmo con risco para as vidas humanas. “Nas vías de comunicación próximas ao incendio de Rianxo parece que non se cumpren as faixas de protección, e algunhas aldeas están nunha situación vulnerable”, engade Cidrás. Unha situación que, de novo, remite á traxedia de Pedrógrao Grande, en xuño de 2017 en Portugal.

Os axentes forestais: “Ignóranse as causas de moitos incendios, e vaise ao fácil”

Un problema máis de xestión ca de árbores

En pleno debate sobre o eucalipto e a súa industria chegou o lume da pasada semana, nunha zona na que a maior parte da superficie arborada que ardeu era de piñeiros e eucaliptos. Diego Cidrás, que desenvolve a súa tese sobre a conflitividade social desta última árbore, explica que o problema “é unha cuestión de relato, de onde se pon o foco do problema, dise que o eucalipto non ten a culpa, pero si é certo que factores asociados a el teñen parte de responsabilidade”.

Así, expón o xeógrafo: “A min preocúpame máis o absoluto empobrecemento da silvicultura tradicional e a falta dun modelo para o futuro. As especies de eucalipto que se dan en Galicia son pirófitas (que se recuperan con maior facilidade despois do lume) e certamente a maior carga de biomasa nos eucaliptais axuda a propagar con maior velocidade os incendios ca outras especies autóctonas, pero o problema é de fondo, de modelo”. Así se expón cos habituais problemas en Ourense, onde arde todos os anos a maior parte da superficie queimada en Galicia, e apenas existe o eucalipto.

Por tanto, segundo o investigador da USC, “un conflito tan extenso temporal e espacialmente como o do eucalipto xa transcendeu de maneira máis que evidente ao conxunto da sociedade galega, pero a maioría de discusións formalizadas a día de hoxe sobre este asunto estanse a dar en espazos pechados ou semipechados á cidadanía”. Pregúntase: “Os debates vixentes sobre eucalipto cales son? A súa posible catalogación como especie invasora; o seu grao de regulación no Plan Forestal… Son discusións moi limitadas ao asesoramento especializado, onde a cidadanía ten unha escasísima participación. Entón, é posible resolver o conflito do eucalipto exclusivamente dende estes marcos de discusión? Eu creo que non. É preciso abrir outras canles participativas no debate, alén das que mencionei anteriormente, como poden ser os instrumentos de ordenación paisaxística”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

Galicia no informe europeo do clima: récords de calor, incendios e anomalías nas chuvias

O documento foi publicado este luns por ser o Día Mundial da Terra e esgrime fenómenos extremos como o "estrés térmico"

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica