Cales eran os nomes máis frecuentes na túa década? Descúbreos con esta ferramenta

Os Mateos e Sofías predominan en Galicia, pero Manuel e María dominaron case todo o século pasado

GAlicienciamiercoles1
Nenos nun obradoiro da feira Galiciencia.

Sofía, Noa, Martina, Lara, Valeria ou Mateo, Martín, Lucas, Hugo, Leo. Son nomes que non deixarás de escoitar se estás nun parque infantil en Galicia. Son os nomes máis repetidos na última década, tal como recolle o Instituto Galego de Estatística (IGE).

Coincide algún deses nomes co teu? Non? Queres saber cal era o nome máis frecuente de nena ou neno cando naciches? O IGE dáche a oportunidade de sabelo a través desta ligazón

Dende os anos 30 do pasado século e ata o 2020, o IGE recolle na súas estatísticas os nomes de nena e neno máis frecuentes en cada década en Galicia, e desglosados por provincias, comarcas e concellos.

Facendo unha análise máis polo miúdo podemos ver como dende os anos trinta ata a década dos sesenta do século XX, os nomes repítense de xeito xeneralizado: os nenos chámanse José Manuel, José, Antonio, Ramón, Francisco, e as nenas levan o de Carmen, Dolores, Josefa ou Rosa. Nas décadas do sesenta e setenta a rapazada pasar a levar nomes compostos, iso si, na mesma liña. Así as nenas pasan a ser case todas Marías: María del Carmen, María José, María Dolores o Ana María e entre os nenos abondan os Josés: José Manuel, José Antonio e José Luis e tamén os Francisco Javier.

Un punto de inflexión salientable rexístrase na década dos 80 cando toman posicións nomes como David, Daniel, Pablo ou Diego, entre os rapaces; e María, Patricia, Cristina, Beatriz ou Marta entre as rapazas. Nomes que se repiten na década seguinte aínda que con incorporacións como as de Adrián, Alejandro ou Iván, por unha banda, e Alba, Andrea, Sara ou Marta, pola outra.

Chega o século XXI

Coa chegada do século XXI son as Lucía, María, Sara o Paula as que van situándose nos primeiros postos, así como os Adrián, Alejandro e Daniel. Algúns destes nomes perduran na estatística do 2010, no que entran con forza e para quedarse ao fronte das listaxes nomes de nena como Sofía, Noa ou Martina e de nenos como Mateo, Martin, Lucas e Leo.

Malia ter lingua propia, atopamos moi poucos nomes galegos na lista de nomes máis habituais de Galicia. Hai máis de neno: Brais, Iago, Anxo, Antón, Xoel ou Roi, aínda que todos eles a partir do décimo posto, cando falamos do conxunto da comunidade. No caso das nenas destaca Noa, que se sitúa como o segundo máis frecuente en 2020,  aínda que logo temos que baixar á posición 20 e 21 para atopar outros dos nomes galegos: Uxía e Antía.

Non é ata o ano 2000 cando aparecen nas estatísticas do IGE os primeiros nomes en galego entre os nacidos na terra, sempre por debaixo dos 10 primeiros postos e con maior asiduidade entre nenos, sendo Antón o máis repetido. Tamén comezan a normalizarse nomes de nenas como Iria, Sabela ou Mariña, aínda que por debaixo do posto 20.

As listas de nomes de nenos e nenas máis comúns son moi semellantes se os dividimos por provincias, ou se comparamos distintas cidades e vilas. Hai variacións na orde dos nomes elixidos pero as máis das veces coinciden tres ou catro nomes entre os cinco primeiros de cada lista. Aínda asi, danse casos, cando menos curiosos, como o de Enzo que está no terceiro lugar dos nomes máis frecuentes de nenos en Ourense no 2020 e no quinto posto en Vigo; ou Gael que se erixe como o terceiro máis habitual en Lugo e o sexto máis repetido na Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.