Rosalía de Castro brilla no ceo no seu día: dous anos dando nome a unha estrela

A Unión Astronómica Internacional rebautizó en 2020 a estrela HD 149143 co nome da escritora galega máis universal

O 23 de Febreiro é unha data singular. Canto máis este ano no que, por primeira vez, e após o achado dunha acta notarial coa data real do seu nacemento, Galicia celebra nesta xornada o día de Rosalía de Castro. A novelista, xornalista, poeta e símbolo das galegas e galegos. Porén, e desde hai xa uns anos, é algunha cousa máis.

Rosalía de Castro tamén é, desde o 17 de decembro de 2019, unha estrela amarela anana, un pouco máis masiva que o Sol (1,21 veces a da nosa estrela) e dun radio algo maior (1,49 veces). Sitúase a 240 anos luz da Terra, cunha luz que se emitiu, en realidade, a comezos de 1780. Arredor dela órbita o seu exoplaneta Sar, cunha masa 1,33 veces a de Xúpiter e descuberto en 2015. Como o río na obra da escritora galega, o xigante gasoso atópase moi preto da súa estrela, completando unha órbita arredor dela en só catro días. 

Publicidade

Unha muller de importancia universal

Pertencentes á constelación de Ofiuco, o serpentario, o astro e o seu exoplaneta eran anteriormente coñecidos como HD 149143 e  HD 149143 b.  Porén, e no marco da iniciativa Name ExoWorlds da Unión Astronómica Internacional (IAU), a campaña impulsada pola Fundación Rosalía e a Agrupación Astronómica Ío, que gozou de gran apoio popular e institucional tanto no país como fóra del, conseguiu que Rosalía de Castro figure no mapa do Universo.

Con todo, a estrela Rosalía de Castro non é o primeiro lugar fóra da Terra que leva como nome o da autora galega. Desde 1994 xa tiña un cráter en Venus, concedido no marco dunha campaña para bautizar con nomes de muller os accidentes xeográficos deste singular planeta. Trátase dun cráter de impacto de 22,6 kilómetros de diámetro, situado no punto de latitude 3,4ºN e 233,9º de lonxitude dun planeta cuxa superficie ten unha temperatura media de 463 graos. Así, a súa única semellanza con Galicia é o estar cuberto de nubes.

Publicidade

A estrela da mañanciña

Por mor do seu aniversario, semella que estes días a estrela de Rosalía anda madrugando algo máis. Para poder albiscala debemos mirar cara ao norte a partir da 1 da madrugada. Desde ese momento, e ata a saída do Sol e o seu brillo, o astro será visíbel no horizonte. A medida que nos acheguemos á primavera, a situación da estrela de Rosalía no ceo irase movendo cara ao sur, e despois ao oeste. Así, ao longo de marzo, só haberá que agardar á medianoite para vela erguerse no ceo co paso das horas e indo cara ao sur. Arredor do solsticio de verán, será visible durante as horas de noite.

Cómpre recordar que a magnitude aparente da HD 149143 é de 7,89, algo menor que as estrelas visibles nunha contorna urbana e as estrelas febles visibles ao ollo humano en zonas con pouca contaminación luminosa. Secasí, cuns ceos ben despexados e, de afastarmonos da contaminación luminosa, durante boa parte do ano poderemos observar, grazas a un telescopio ou mesmo con só uns prismáticos, a Rosalía de Castro brillar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Onde están as mulleres? Só sete homenaxes en 62 anos de Letras Galegas

Rosalía de Castro, Francisca Herrera, María Mariño, María Victoria Moreno, Xela Arias, Luísa Villalta e as cantareiras son a única pegada feminina

Da botánica á psiquiatría: o saber científico de Rosalía de Castro máis alá da súa poesía

A USC inaugura no Colexio de Fonseca unha exposición sobre o vínculo da autora galega coa ciencia e co pensamento ilustrado do século XIX

O manuscrito esquecido de Dolores del Río, a premiada escritora galega de comezos do século XX

A investigadora Ana Belén Feijoó descobre unha carta da autora coruñesa dentro da primeira edición do seu libro 'Ráfagas', datado en 1908

Descuberto un intrigante mundo de tamaño similar á Terra

O exoplaneta Gliese 12 ten características parecidas a Venus e está a 40 anos luz de distancia