Esta arteria adicional mantense en moitos humanos despois do nacemento.

Cada vez máis persoas teñen outra arteria extra no antebrazo

Unha nova investigación no Journal of Anatomy revela que avanza a prevalencia deste vaso sanguíneo que só era operativo ante de nacer

Unha arteria adicional no noso antebrazo que irriga a nosa man. Pode parecer unha vantaxe evolutiva, pero polo de agora é un fenómeno da nosa anatomía que sorprende aos científicos sen que teña unha explicación clara.

Imaxinar como podería ser a nosa especie nun futuro afastado convida a pensar en espectaculares cambios na altura ou no tamaño do cerebro. Pero poucas veces reparamos en pequenos cambios sutís na nosa anatomía que amosan o impredicible que pode ser a evolución.

Podemos coller algo tan mundano como un vaso sanguíneo adicional nos nosos antebrazos, que seguindo as tendencias actuais podería ser algo común dentro de poucas xeracións. Porque investigadores da Universidade Flinders e a Universidade de Adelaida en Australia veñen de detectar que unha arteria que corre polo medio dos nosos antebrazos mentres aínda estamos no útero materno, e que non desaparece con tanta frecuencia como adoitaba facelo. Iso significa que hai máis adultos que nunca que andan polo mundo co que equivale a ser unha canle adicional de tecido vascular que flúe debaixo do pulso.

“Desde o século XVIII, os anatomistas estiveron a estudar a prevalencia desta arteria en adultos e o noso estudo amosa que está a aumentar claramente”, di Teghan Lucas, anatomista da Universidade de Flinders. “A prevalencia era dun 10 por cento nas persoas nadas a mediados da década de 1880 en comparación co 30 por cento nos nados a fins do século XX, polo que é un aumento significativo nun período de tempo bastante curto, cando se trata de evolución”.

A arteria mediana fórmase bastante cedo no desenvolvemento de todos os humanos, transportando sangue polo centro dos nosos brazos para alimentar as nosas mans en crecemento. Sobre as 8 semanas, xeralmente retrocede, deixando a tarefa a outros dous vasos: o radial (que podemos sentir cando tomamos o pulso a unha persoa) e as arterias cubitais.

Os anatomistas saben desde hai algún tempo que este desaparición da arteria media non está sempre garantida. Nalgúns casos, queda un mes máis ou menos despois do nacemento. Ás veces nacemos con el aínda bombeando, alimentando só o antebrazo ou, nalgúns casos, tamén a man.

Para comparar a prevalencia desta canle sanguínea persistente, Lucas e os seus colegas Maciej Henneberg e Jaliya Kumaratilake da Universidade de Adelaida examinaron 80 membros de cadáveres, todos doados por australianos de ascendencia europea.

Ao observar a frecuencia coa que atoparon unha arteria mediana grosa capaz de transportar unha boa dose de sangue, compararon as cifras con rexistros extraídos dunha procura bibliográfica, descontando unha porcentaxe de erros no cómputo de vasos.

O feito de que a arteria pareza ser tres veces máis común nos adultos de hoxe que nos de fai máis dun século é un achado sorprendente que podería suxerir que a selección natural está a favorecer a aqueles que se aferran a esta cantidade extra de sangue. Pero os investigadores barallan outras alternativas: “Este aumento podería ser o resultado de mutacións de xenes involucrados no desenvolvemento da arteria media ou problemas de saúde nas nais durante o embarazo, ou ambos en realidade”, di Lucas.

As funcións desas partes do corpo que parece que non valen para nada

Ter unha arteria mediana persistente podería dar facer os dedos ou antebrazos fortes, cun impulso confiable de sangue moito despois de que nacemos. Con todo, ter unha nova arteria tamén nos pon en maior risco de síndrome do túnel carpiano, unha condición incómoda que nos fai menos capaces de usar as nosas mans.

Precisar os tipos de factores que xogan un papel importante nos procesos de selección dunha arteria mediana persistente requirirá moita máis investigación. “Se esta tendencia continúa, a maioría das persoas terán a arteria mediana do antebrazo para o 2100”, di Lucas.

Este rápido aumento da arteria mediana en adultos non é diferente á reaparición dun óso do xeonllo chamado fabela, que tamén é tres veces máis común hoxe que hai un século.

Aquí podes consultar a investigación publicada no Journal of Anatomy

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.