(Hydrochoerus hydrochaeris), propia de América do Sur, é o roedor máis grande do mundo, e pode acadar os 130 centímetros de longo e superar os 60 quilos. Como outros moitos animais, o seu sistema vomeronasal, que se compón dun conxunto de receptores ou neuronas sensitivas situadas nunha bolsa conectada coas fosas nasais e que detectan substancias químicas do ambiente como as feromonas, posúe un elevado grao de madurez, que acaba de ser analizado polo grupo de Morfoloxía Animal (Morfan) da Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo da USC.
A revista Scientific Reports, do grupo Nature, publicou recentemente un artigo no que se recollen os estudos realizados polo investigador de doutoramento estradense Mateo Vázquez Torres, xunto aos seus compañeiros Paula R. Villamayor, Irene Ortiz Leal e Pablo Sánchez Quinteiro. Tamén asinan o traballo Andrea Ferreiro e José Luis Rois, do Parque Marcelle Natureza, que puxo a disposición dos investigadores da USC exemplares de capibara de curta idade para a devandita investigación e que persegue entre os seus cometidos a colaboración científica para a conservación das especies animais.
Os dous principais obxectivos do estudo sobre o capibara realizado polos investigadores de Lugo centráronse en verificar se o capibara se axusta ao modelo de sistema vomeronasal aceptado en roedores, unha pescuda encamiñada en evitar o risco de extrapolar información de cepas de roedores de laboratorio. A maioría das investigacións xa desenvolvidas ao respecto, segundo apunta a USC, fixéronse en ratas e ratos, roedores moitas veces sometidos a unha presión xenética grande por mor da domesticación. A segunda premisa establecida foi a de valorar o grao de desenvolvemento do sistema vomeronasal do capibara nos primeiros días de vida deste roedor salvaxe, a fin de coñecer a súa relevancia na súa supervivencia perinatal.
As conclusións das pescudas desenvolvidas por Mateo Vázquez Torres en colaboración co seu director de tese de doutoramento e outros integrantes do grupo de Morfoloxía Animal da USC permiten determinar que o sistema vomeronasal do capibara ten unha “gran madurez” tanto morfolóxica como funcional, un factor que deixa constancia da relevancia deste sistema para a supervivencia temperá do animal. Asemade, os investigadores apuntan tamén a posible existencia de vínculos xa establecidos entre nai e cría na vida prenatal desta última.
O traballo de Mateo Vázquez Torres dá continuidade ás pescudas xa realizadas en coellos pola súa compañeira do grupo de investigación Morfoloxía Animal da USC Paula Rodríguez Villamayor. Neste caso, é relevante a análise ao tratarse dun animal exótico, unha especie cuxa área de distribución se estende por case toda Suramérica, onde historicamente cazaron este roedor para a obtención de pel e carne, un tipo de vianda magra, de olor forte e boa calidade, xa que presenta escasa graxa e moi baixo contido de colesterol.
Referencia: The vomeronasal system of the newborn capybara: a morphological and immunohistochemical study (Publicado en Scientific Reports).