Xoves 28 Marzo 2024

Alégrate, porque o Blue Monday non é o día máis triste do ano

A suposta fórmula matemática coa que se calcula este día procede dun estudo pagado por unha axencia de viaxes para vender máis

Moito antes de que a lenda do Blue Monday como o día máis triste do ano comezara a circular polo mundo xa existía unha canción do mesmo título, un dos grandes éxitos da banda británica New Order. Os músicos orfos despois do suicidio de Ian Curtis, líder de Joy Division, decidiron sacar adiante un novo grupo que publicou en 1983 esta canción.

A letra da canción non invita precisamente á festa (Pensaba que che dixera que me deixaras cando baixaba cara á praia; Dime como te sentes cando o teu corazón se arrefría), mais o seu adictivo ritmo de sintetizadores converteuno nun himno dos 80 que hoxe perdura. Pero entón, cando se inventou o Blue Monday? Quen está detrás?

Publicidade

A invención do Blue Monday

The Guardian contaba hai uns anos a orixe da leria do Blue Monday. En 2005 comezou a circular polos medios de comunicación un estudo do psicólogo Cliff Arnall, difundido pola axencia de viaxes Sky Travel. O home afirmaba que descubrira unha fórmula matemática coa que atopara o día máis depresivo do ano. Tiña en conta, segundo el, as condicións meteorolóxicas, o tempo pasado desde o Nadal, e o feito de que os luns son máis duros de levar por mor da volta ao traballo.

“É puro lixo”, sentenciaba o autor do artigo no xornal inglés, Pete Etchells. Pouco despois do texto difundido pola axencia, a universidade de Cardiff, onde traballara Arnall, non tardou en desmarcarse das afirmacións deste psicólogo. Tempo despois sóubose a verdade.

A investigación que mencionaba Cliff Arnall estaba pagada pola axencia de viaxes, que buscaba vender os seus paquetes de vacacións facendo crer á xente que a perspectiva duns días de lecer lonxe da rutina poderían axudar a levar mellor o Blue Monday.

Non foi a única estraxexia comercial para intentar sacar proveito da tristura. Unha empresa de bebidas afirmaba ter outro estudo no que se dicía que era a primeira semana de xaneiro a máis triste do ano, aplicando unha fórmula diferente. Parecía que non había consenso.

E en 2019 o bulo segue sendo aproveitado por grandes empresas para colocar os seus produtos. Abonda un repaso polas redes sociais para ver descontos e ofertas co argumento do Blue Monday en viaxes, produtos electrónicos ou de beleza.

En 2009, un artigo do divulgador Ben Goldacre argumentaba do mesmo xeito que as afirmacións sobre o Blue Monday carecían de base científica. Goldacre facía unha revisión sobre estudos que analizaban as cifras de suicidios e depresión, nas que apenas se atopaban diferenzas significativas entre as estacións. Moito máis temerario era, por tanto, enfocar unha suposta tendencia á depresión nun día concreto.

Crear bulos sobre depresión non axuda a ninguén“, concluía Goldacre, cando si se sabe que hai moitas outras causas asociadas a esta doenza, como o illamento social, os acontecementos traumáticos, pobreza, abuso infantil ou o entorno social no que vivimos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmado: hai unha estreita relación entre a microbiota e a deterioración da saúde mental

Un estudo realizado en Corea do Sur estimou unha probabilidade 1,4 veces maior de padecer depresión se mediaba unha dieta xenerosa en ultraprocesados

Así funciona a mente dun psicópata

Como funciona o cerebro destas persoas? Investigadores da Universidade Internacional da Rioja analizan o seu comportamento

Un equipo galego identifica un novo biomarcador da depresión

O estudo pioneiro do IDIS postula a posibilidade de diagnosticar patoloxías psiquiátricas como a esquizofrenia a través dos niveis da hormona IGF-2

A herdanza xenética dos denisovanos inflúe na depresión, no TOC ou na anorexia

O equipo de investigadores identificou a contribución xenética más extendida destes homínidos ata o momento