Venres 26 Abril 2024

Un informe di que 1.000 persoas morren cada ano en España por acudir a pseudoterapias

A Asociación para Protexer ao Enfermo de Terapias Pseudocientíficas (APETP) analiza o impacto na saúde pública destas prácticas

A Asociación para Protexer ao Enfermo de Terapias Pseudocientíficas (APETP) presentou esta fin de semana o seu informe sobre falecidos por mor das pseudoterapias en España. O documento, segundo sinala a entidade, vén cubrir o baleiro da “ausencia de estudos oficiais por parte das autoridades competentes, o que dificulta obter unha cifra exacta para arroxar luz sobre un grave problema de saúde pública”.

As estimacións da APETP, baseadas nas informacións aparecidas en prensa e na literatura científica, sitúan a cifra entre as 1.210 e as 1.460 mortes ao ano, aínda que, segundo expón o documento, “debido ás limitacións na cantidade e calidade de estudos, as cifras poderían estar altamente infraestimadas”.

Publicidade

O texto, asinado por Fernando Cervera, José Manuel Gómez e Fernando Frías, realiza tamén unha extrapolación dos datos á situación demográfica de España, e é, segundo a entidade impulsora, “o primeiro paso na dirección de estimar mellor este problema, unha cuestión que deberán abordar, en todo caso, as administracións sanitarias”.

As principais causas dos falecementos atribúense ao abandono das terapias convencionais (como a quimioterapia ou radioterapia no caso do cancro) e a perda de oportunidade terapéutica, ou tamén os danos directos ao paciente. Alén disto, tamén se expón que estas terapias moitas veces chamadas ‘alternativas’ supoñen un notable prexuízo económico aos afectados, xa que adoitan ser moito máis caras que as convencionais.

A investigación recolle algúns casos que tiveron bastante repercusión nos medios, como a intoxicación por queroseno dunha muller que consumiu un produto homeopático, a morte do mozo Albert López, de só 21 anos, que decidira acudir á “medicina natural” para tratarse, unha muller que morreu durante unha sesión de crioterapia, a coñecida historia de Rosa Murillo, que faleceu de cancro de mama tras renunciar ao tratamento, ou o caso de Mario Rodríguez, un mozo que tamén morreu tras buscar a cura nas pseudoterapias, e cuxo pai iniciou unha batalla legal para pedir responsabilidades.

O traballo subliña “a multitude de problemas e distorsións” que houbo na súa elaboración pola eiva de estudos a nivel estatal neste sentido. “É precisa, por tanto, unha maior implicación por parte dos organismos competentes para entender un problema que ata hai pouco estivo inexplorado”. Conclúese que “o feito de que o primeiro informe destas características fose elaborado por unha asociación sen ánimo de lucro debe entender que non se acadará unha solución ao problema ata que a loita contra estas prácticas deixe de ser un labor social, para converterse en responsabilidade do Estado, asumida por todos os actores políticos e sociais”.

Tamén pon o acento o estudo na responsabilidade de universidades, farmacéuticos e medios de comunicación. O estudo pon de relevo que algunhas institucións académicas manteñen títulos propios baseados en terapias como a homeopatía ou acupuntura (este último é o caso da USC).

A investigación subliña a carencia de estudos e investigacións a nivel estatal sobre este problema de saúde pública

Por último, o texto presenta unha análise de cal é a situación actual en España, e analiza os motivos do auxe de prácticas pseudocientíficas que implican a moitos actores, entre eles as universidades, os concellos, os colexios de médicos, os medios de comunicación e os diferentes organismos do estado encargados de facer cumprir as leis sobre centros e profesións sanitarias.

Podes ler o informe completo nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificado o risco de miocardiopatía dilatada nos portadores xenéticos

O estudo liderado polo investigador Pablo García-Pavía analiza as posibilidades de herdanza da enfermidade en familiares

Investigadores de Vigo proban con éxito un deseño de antena para un vehículo lunar

O dispositivo facilitará o sistema de comunicación durante as incursións das covas atopadas no satélite

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Un neno maltratado ten tres veces máis risco de desenvolver unha adicción de adulto

O estudo dunha investigadora da Universidade de Queensland analiza as consecuencias do maltrato infantil a longo prazo