Houbo un tempo no que a xente vía ovnis. O punto culminante desta moda comezou en 1947, co chamado caso Roswell e o presunto accidente en Novo México dunha nave extraterrestre cun alieníxena a bordo. O fenómeno durou cinco décadas e esmoreceu a finais do século XX, co remate da Guerra Fría (e as súas paranoias) xunto á aparición das cámaras dos teléfonos móbiles, que complicaban xustificar calquera visión, incluíndo as aparicións de carácter relixioso.
Pero o fenómeno ovni foi máis serio do que semella. De feito, científicos do prestixio de Carl Sagan estudaron arreo moitos casos UFO, que tamén foron tratados por filósofos da categoría de Carl Gustav Jung, que analizou o mito e a psicoloxía que acompañaban aos avistamentos. Tamén se fixeron estudos e informes por numerosos estados, incluíndo o Ministerio de Defensa de España, que en 2016 desclasificou as 1.900 páxinas dos seus ‘expedentes X‘. Canda eles, tamén houbo unha pléiade de falabaratos e oportunistas que fundaron a ‘ufoloxía’ mentres os medios de comunicación de todo o planeta frotaban as mans coas historias e teorías máis alucinantes.
Galicia, por suposto, tampouco foi allea ao fenómeno. Cando se cumpren 80 anos da emisión radiofónica (30 de outubro de 1938) de ‘A guerra dos mundos’ por Orson Welles, imos facer repaso dos cinco casos máis soados dos expedientes ovni en Galicia.
O UFO de Becerreá
O caso de Becerreá foi o de máis importancia, pois obrigou a abrir unha investigación por parte do Ministerio de Defensa. O avistamento tivo lugar “no quilómetro 476 da estrada Madrid-Ferrol”, por un condutor ás 20.00 horas do 2 de abril de 1969. O home enviou unha carta ao Exército do Aire en Madrid declarando que vira un obxecto “redondo, dun diámetro máis ou menos de dous metros cunha punta rematada en forma de obús e a outra plana”, que “estaba na súa totalidade iluminado por unha luz fantástica, parecía que o seu exterior era de anaquiños, coma se fose gresite en múltiples cores”.
Aínda que os xornais da época dedicaron centos de páxinas ao chamado ‘ovni de Becerreá’, a investigación de Defensa concluíu como o máis probable que se tratase “dunha ilusión óptica orixinada polo reflexo do sol nunha rocha granítica”, debido a que a zona “é rica en rochas” deste tipo, “con forte compoñente de mica e moi erosionadas, o que lles proporciona contornos redondeados de múltiples formas“.
Nestes expedentes hai tamén dous casos de avistamentos en Noia, e un en Ferrol en 1966, cando o ministerio investigou que ás 23.30 horas do día 2 de abril, na estación de radio da Carreira un cabo que se atopaba de garda, un celador e dous mariñeiros “observan no ceo un obxecto voluminoso de luz opaca que varía de forma cada cinco minutos aproximadamente”. Tamén se recolle o testemuño dun mariñeiro que desde Xubia, Narón (A Coruña), observou o mesmo obxecto situado sobre a estación de radio. No seu caso sobre as 23.00 horas do mesmo día. Este caso quedou arquivado por Defensa sen atopar unha explicación oficial.
O ovni de Minguela
Máis mediático que estes casos investigados polo Ministerio de Defensa foi o chamado ‘ovni de Minguela’, un coñecido perruqueiro vigués que presumía de lle ter cortado o cabelo ao rei Juan Carlos cando era príncipe e vivía en Marín. Un día de 1970, Miguela chamou aos medios de comunicación para contar que un inmenso prato voador ‘cheo de luces’ aterrara diante da súa casa en Viladesuso, no concello de Oia.
O Faro de Vigo recollía o testemuño do perruqueiro: “Cando me incorporei, vin á beira da miña casa, sobre as rochas, algo como un Vitrasa de grande, que brillaba. Collín a escopeta de caza que tiña, pero de inmediato deixeina. Non sei, notei como que alguén me dicía que non tivese medo. Metinme na cama e durmín. Ao día seguinte pensaba que fora un soño, pero o meu can desaparecera e nas rochas quedara unha marca de que algo se pousou encima. Non era un soño”. Meses antes, o chapapote do petroleiro Polycommander asolagaba en preto esa mesma costa. Mingela sostiña que as turbinas do prato voador fixeran evaporar o fuel nas rochas onde se posou.
Faro de Vigo recolle outro dato ‘sobrecolledor‘ na súa crónica: “Unha anciá que vivía pola zona recorda que espertou no medio da noite e sentiu unha rara calor interior”.
Minguela fíxose tan famoso que o levou ao seu programa en TVE José María Íñigo e mesmo foi convidado a unha viaxe aos Estados Unidos para falar do seu ovni cos grandes expertos en ufoloxía.
O ‘fake’ dos cazabombardeiros
Este ‘avistamento’ data do ano 2009 e, malia estar fóra do gran fenómeno UFO, conseguiu que varios medios de comunicación internacionais deran a nova como certa. En realidade, tratouse dunha broma relacionada con Terra Noticias, a canle de internet do grupo Telefónica.
O Roswell galego
Tamén espertou grande atención mediática o Caso Outes, coñecido nos xornais como o ‘Roswell galego’. O 18 de xaneiro de 1994, os veciños dende Outes ata a Arzúa viron pola noite unha bóla de lume que surcaba o ceo. Días máis tarde, aparecía no lugar de Cando de Arriba unha fochanca de 13 metros de ancho e 1,5 metros de profundidade. A imaxinación popular deu por feito que alí aterrizara unha nave espacial alieníxena.
Segundo recollen os medios da época, o foxo arramplou coas árbores da zona, arrincándoas de raíz e levándoas a moitos metros de distancia. A Garda Civil levantou atestado do suceso. E todo foron conxeturas ata que os científicos interviron para dar claridade ao caso.
O astrónomo José Ángel Docobo, director do observatorio Ramón María Aller da Universidade de Santiago, concluíu que non había relación entre o bólido observado e a fochanca no terreo. En varios artigos científicos, amosou que o foxo se producira por un movemento de terras, relacionado coas fortes choivas dos días anteriores ao suceso.
O concelleiro abducido
Rematamos esta listaxe, que podería ser máis ampla, cun caso significativo, porque implica o que os ufólogos chamaban unha ‘abdución‘. E disto tamén houbo en Galicia… na imaxinación popular. Nun libro de título suxerente, “Secuestrados por los ovnis”, do xornalista galego Manuel Carballal, xa aparecen dous irmáns de Monte Alto, na Coruña: Olga Lombao Iglesias e o seu irmán Manuel, que relatan como en 1969 entraron nun prato voador cheo de luces, no que había “tres seres totalmente vestidos de branco, manipulando unha especie de paneis de mandos” no que semellaba ser “un mapa estelar“. Os alieníxenas explicaron que viñan da estrela Aldebarán, a 65 anos luz da Terra.
Pero neste capítulos das abducións, a máis alucinante é a que conta o escritor Jesús María Reiriz no seu libro “Galicia oculta y negra” (Ed. Arenas, 2010), onde relata como un concelleiro coruñés da primeira corporación democrática, e que responde ás sigras de A.M.P., foi ‘contactado’ con alieníxenas en varias ocasións, ata o punto de coñecer a un deles polo seu nome (“Antar”) e de consideralos xa como os seus “irmáns cósmicos“.
Pero este caso só serve para rematar unha listaxe de grandes momentos da ‘ufoloxía’ en Galicia. Cando se cumpren 80 anos da emisión da ‘Guerra dos Mundos‘ de Orson Welles, o fenómeno ovni semella definitivamente superado. Pero non podemos esquecer que marcou unha época e deixou milleiros de titulares nos xornais.
Aquí podes ler o Informe do Ministerio de Defensa sobre o Ovni de Becerreá
E aquí o Informe do Ministerio de Defensa sobre o Ovni de Ferrol