Os humanos son os animais con maior capacidade de adaptación ao medio. Habitan as xeadas chairas árticas e os abrasadores desertos. En boa parte, grazas á tecnoloxía para combater o frío ou a calor. Pero hai fronteiras que non se poden cruzar. Unha delas é a da altitude. Traballamos mellor a nivel do mar, onde os niveis de osíxeno son adecuados para o noso cerebro e pulmóns.
Por iso é tan complicado o alpinismo a máis de 8.000 metros. E, de feito, para alcanzar o cume do Monte Everest, o pico máis alto do mundo (8.848 metros), os montañeiros teñen que enfrontarse ao que se coñece como “A Zona da Morte“, a altitude por riba dos 8.000 metros onde se atopa tan pouco osíxeno que o corpo comeza a morrer, minuto a minuto e célula a célula.
O recente ateigamento no Everest provocou a morte de polo menos 11 persoas na semana pasada. Ás que hai que sumar outros 8 desaparecidos esta mesma semana.
Na Zona de Morte, os cerebros e os pulmóns dos escaladores carecen de osíxeno, o risco de ataque cardíaco e accidente cerebrovascular aumenta, e o seu xuízo deteriórase rapidamente. O testemuño dun montañeiro resulta clarificador: subir ao Everest é como ‘correr nunha cinta e respirar a través dunha palla’.
A nivel do mar, o aire contén aproximadamente o 21 por cento de osíxeno. Pero cando os humanos alcanzan altitudes por riba dos 3.700 metros, os niveis de osíxeno son un 40 % máis baixos. E para os nosos corpos isto ten un custo enorme.
Outro intre do ateigamento no Everest.
Jeremy Windsor, un médico que subiu ao Everest no 2007 como parte da Expedición Everest do Caudwell Xtreme, dixo logo que as mostras de sangue tomadas de catro montañeiros na Zona de Morte revelaron que os escaladores sobrevivían con só unha cuarta parte do osíxeno necesario a nivel do mar. “Estes resultados son comparables ás cifras atopadas en pacientes a piques de morrer”, dixo Windsor.
Os escaladores deben afacerse á falta de osíxeno, pero facelo pode poñer ás persoas en risco de sufrir un derrame cerebral ou un ataque cardíaco. Cando a cantidade de osíxeno no seu sangue cae por baixo de certo nivel, a súa frecuencia cardíaca elévase ata 140 latexos por minuto, o que aumenta o risco dun accidente cardiovascular.
Os escaladores teñen que adestrarse para que o seu corpo se adapte a estas condicións estremas. As expedicións xeralmente fan cando menos tres viaxes pola montaña desde o Campo Base (que é máis alto que case todas as montañas en Europa a máis de 5.000 metros sobre o nivel do mar), indo uns poucos centos de metros máis arriba con cada viaxe sucesiva, antes de facer o derradeiro esforzo por alcanzar o cume.
A máis de 8.000 metros o teu corpo morre minuto a minuto, célula a célula
Co transcurso das semanas, o corpo comeza a producir máis hemoglobina (a proteína dos glóbulos vermellos que axuda a transportar o osíxeno desde os pulmóns ao resto do corpo) para compensar o cambio de altitude.
Pero demasiada hemoglobina pode espesar o sangue, o que dificulta que o corazón bombee para osixenar o corpo. Iso pode provocar un derrame cerebral ou a acumulación de líquido nos pulmóns.
Unha revisión rápida cun estetoscopio pode revelar un son característico cando o líquido que se filtra aos pulmóns vibra, unha situación chamada edema pulmonar de grande altitude (HAPE). Os síntomas inclúen fatiga, unha sensación de sufocación inminente na noite, debilidade e unha tose persistente que produce un líquido branco, acuoso ou con escuma. Ás veces a tose é tan severa que racha ou separa as costelas.
Os escaladores con HAPE sempre teñen dificultade para respirar, mesmo cando están a descansar. Na Zona de Morte, o seu cerebro pode comezar a incharse debido á falta de osíxeno, o que pode provocar náuseas e unha forma de psicose a grande altura.
Un dos maiores factores de risco a 8.000 metros de altura é a hipoxia, a falta de circulación axeitada de osíxeno a órganos como o cerebro. Se o cerebro non recibe osíxeno, pode comezar a incharse, causando un edema cerebral a grande altitude (HACE), que é a versión do HAPE para o cerebro.
Os síntomas inclúen náuseas, vómitos e dificultade para pensar e razoar. Un cerebro famento de osíxeno tradúcese en que os escaladores ás veces esquecen onde están, entrando nun delirio que algúns expertos consideran unha forma de psicose a gran altura.
O xuízo dos escaladores hipóxicos deteriórase, e sábese que fan cousas estrañas como comezar a quitarse a roupa ou falar con amigos imaxinarios. Outros perigos posibles inclúen perda de apetito ou e vómitos.
A cegueira pola neve
Ademais, o resplandor da neve e o xeo poden causar cegueira pola neve, perda temporal da visión ou estalido dos vasos sanguíneos nos ollos. Algúns escaladores lesiónanse ou perecen por mor dos resultados indirectos destes problemas de saúde a grande altura.
Resumindo, escalar na Zona da Morte é “un inferno en vida”, como lle dixo ao escalador do Everest e membro da expedición NOVA 1998 David Carter. Polo xeral, os escaladores deben subir e baixar nun só día de actividade frenética, pasando o menor tempo posible na Zona de Morte antes de regresar a altitudes máis seguras.
O ateigamento na subida ao Everest. Foto: Twitter @ nimsdai
Lhakpa Sherpa, que alcanzou o bico do Everest nove veces (máis que calquera outra muller na Terra), contou á revista Business Insider como é un día de ascenso ao mítico cume. Arredor das 10 da noite, os escaladores deixan o seu refuxio no Campamento Catro a 7.900 metros de altitude, xusto na entrada na Zona de Morte. A primeira parte do ascenso realízase totalmente na escuridade, iluminada pola luz das estrelas. Sete horas máis tarde, os escaladores chegan ao bico do Everest. Despois dun breve descanso cheo de celebracións e fotografías, as expedicións dan a volta, facendo a viaxe de 12 horas de regreso, chegando (en condicións favorables) antes do anoitecer.
Por iso é tan perigoso que a zona de escalada estea abarrotada. O pasado 22 de maio, 250 escaladores tentaron chegar ao cume da montaña e moitos deles tiveron que esperar nunha ringleira para subir e baixar da montaña. Estas horas extra non planificadas na Zona de Morte marcaron a diferenza entre a vida e a morte para 11 persoas. E a traxedia non rematou: a pasada fin de semana, outros 8 montañeiros desapareceron cando tentaban convivir coa Zona de Morte.