A primeira noite que durmimos nun lugar novo,o hemisferio esquerdo do cerebro permanece máis esperto para vixiar.
A primeira noite que durmimos nun lugar novo,o hemisferio esquerdo do cerebro permanece máis esperto para vixiar.

A neurociencia explica o “efecto primeira noite”

Cando a xente se deita nun lugar novo por primeira vez, moitas veces sente que non durmiu ben. Agora, un equipo de investigadores da Universidade de Brown (Providence, EEUU) descubriu por que sucede isto.

Segundo comenta Yuka Sasaki, investigadora de ciencia cognitiva, psicolóxica e lingüística desta universidade, e autora principal do traballo, a razón estriba en que “un dos hemisferios do cerebro mantense máis esperto durante o soño para vixiar”, explicou á axencia Sinc. É o que popularmente se coñece como durmir cun ollo aberto en situacións novas ou de perigo.

O estudo, publicado na revista Current Biology, explica o que subxace tras o efecto de primeira noite, un fenómeno que expón inconvenientes tanto para os viaxeiros de negocios como para os propios investigadores do soño.

“Un dos hemisferios do cerebro mantense máis esperto durante o soño para vixiar”

“O soño é a miúdo considerablemente peor durante a primeira noite tanto nun hotel como  nun laboratorio do soño. Neste último contexto, os investigadores adoitan ter que planear unha noite de adaptación nos seus experimentos”, di a autora.

Co obxectivo de buscar unha explicación, o equipo utilizou técnicas de neuroimaxe avanzada para analizar o cerebro durmido de 35 voluntarios.

Esas imaxes revelaron algo que non esperaran: durante a primeira noite de soño, os dous hemisferios do cerebro mostraron diferentes patróns de actividade. Un dos lados do cerebro tiña un soño máis lixeiro que o outro. Por razóns que os investigadores aínda non comprenden, a parte máis esperta do cerebro foi sempre a esquerda.

Sasaki di que as persoas poderían reducir leste este efecto levando consigo a súa propia almofada ou aloxándose en hoteis con habitacións similares. Tamén poderían aprender a “apagar” este sistema de vixilancia.

“O cerebro humano é moi flexible e acaba adaptándose a novas situacións”. A investigadora indica que o seu laboratorio está agora tratando de noquear temporalmente a parte esperta do cerebro mediante a estimulación magnética transcraneal para ver se mellora o soño.

Unha solución: aprender a apagar o sistema de vixilancia

A científica sinala que aínda non se sabe por que o cerebro mantén un estado de alerta nun só hemisferio. Con todo, hai moitos exemplos de asimetría hemisférica en animais durante o soño de ondas lentas. Nos mamíferos mariños isto ocorre presumiblemente debido a que necesitan ir á superficie de maneira regular para respirar, mesmo durante o soño.

O grao de asimetría nos patróns cerebrais estaba relacionado coa dificultade dos participantes en durmirse, unha medida crítica no efecto de primeira noite. Os científicos tamén viron que o hemisferio coa profundidade do soño reducida mostrou maior resposta aos sons. Esas asimetrías observadas durante a primeira noite non foron evidentes nas sesións posteriores de soño.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.