Alfonso Fernández, investigador da UVigo; Fernando Las Heras, catedrático da Universidade de Oviedo; Itziar Goicoechea, directora da Área de Transferencia; María Consuelo Pérez, vicerreitora de Transferencia,; Yolanda Rodríguez, investigadora da UVigo; Antonio Pino, catedrático da UVigo e David Regades, delegado da Zona Franca. Foto: Duvi.
Alfonso Fernández, investigador da UVigo; Fernando Las Heras, catedrático da Universidade de Oviedo; Itziar Goicoechea, directora da Área de Transferencia; María Consuelo Pérez, vicerreitora de Transferencia,; Yolanda Rodríguez, investigadora da UVigo; Antonio Pino, catedrático da UVigo e David Regades, delegado da Zona Franca. Foto: Duvi.

Un proxecto vigués gaña o “Oscar do espazo” á mellor idea do ano

A iniciativa CX-Geodrone, que desenvolve sistemas de xeolocalización por satélite, recolleu este mércores o galardón en Helsinki

Entre máis de 300 propostas emprendedoras de toda Europa baseadas na navegación por satélite, o proxecto CX-Geodrone, impulsado polas universidades de Vigo e de Oviedo, foi elixido como a mellor idea do ano nos Space Oscar 2019. Os seus promotores recolleron o galardón esta pasada noite en Helsinki na entrega dos premios da convocatoria Galileo Másters, promovida pola Axencia Europea GNSS, a Axencia Espacial Europea, o Centro Aeroespacial Alemán e o Ministerio Federal Alemán de Transporte e Infraestruturas Dixitales.

O catedrático Antonio Pino e a investigadora Yolanda Rodríguez, do grupo de Antenas, Radar e Comunicacións Ópticas -integrado dentro do centro de investigación atlanTTic- xunto con Fernando Las Heras, catedrático da Universidade de Oviedo foron os encargados de recoller o premio, acompañados por María Consuelo Pérez, vicerreitora de Transferencia e María Itziar Goicoechea, directora da Área de Transferencia. Con eles viaxou tamén David Regades, delegado do Consorcio Zona Franca de Vigo, xa que o CX-Geodrone chegou á final continental tras gañar a fase rexional de Galileo Másters patrocinada pola Zona Franca. A gala, impulsada polo goberno finlandés e a Comisión Europea, é xa coñecida como os ‘Oscar do espazo’.

A idea básica da que parte CX-Geodrone, como explica a súa promotora Yolanda Rodríguez, “é instalar sensores radar en drones en voos a baixa altura, unha sensórica que abre todo un novo abano de posibilidades de uso”. Entre as aplicacións nas que están a traballar está a localización de minas anti-persoa soterradas, a detección de masas forestais ou de verteduras como fuel-oil ou lixo no mar ou mesmo de restos arqueolóxicos.

Localizar minas anti-persoa ou masas forestais

Yolanda Rodríguez explica que a idea naceu dunha colaboración de máis de oito anos entre as universidades de Vigo e Oviedo que acabou por materializarse no proxecto RadioUAV, financiado pola convocatoria Ignicia, e xermolo de CX-Geodrone. Actualmente o equipo está formado por dez enxeñeiros e enxeñeiras de Telecomunicación e, no seu nome, Rodríguez recoñece que obter un “premio deste calibre é un recoñecemento a todo o traballo feito”, ao tempo que tamén lles serve para darse a coñecer a nivel europeo. Porén, apostan por seguir cos pés na terra, “os premios son importantes porque recoñecen un traballo ben feito ata agora”, pero a vista téñena posta no seu verdadeiro reto: “levar de maneira exitosa esta tecnoloxía ao mercado e solucionar problemas reais”.

Unhas das posibles aplicacións deste sistema de xeolocalización por satélite é a localización de minas anti-persoa, “un problema moi grave en varios países africanos”, como lembra Yolanda Rodríguez. Un dos países con máis IED (dispositivos explosivos improvisados) sen localizar é Angola, onde se estima que quedan sen detectar dous millóns de dispositivos que mutilan cada día a persoas e non permiten facer uso de moita da superficie produtiva do país. “O noso sistema, mediante un radar montado nun drone, detecta cunha precisión alta minas e dispositivos soterrados”.

Con todo, remarca a investigadora, “se queremos ser sostibles empresarialmente necesitamos aplicacións con mercados maduros”, como é o caso da detección de masa forestal. Este é outro dos eidos no que CX-Geodrone pode atopar un nicho de mercado, xa que permite coñecer con exactitude e con pouco investimento cantas toneladas de madeira hai nunha zona. Esta información pode ser, segundo os impulsores do proxecto, “de moita utilidade xa que permite unha mellor xestión dos recursos, cálculos relacionados coas emisións de CO2, xestión de tarefas asociadas á repoboación forestal ou limpeza de montes”.

Obxectivo empresarial

Co premio á Mellor Idea do Ano Galileo Masters 2019, o xurado recoñece, ademais dos beneficios sociais inherentes a estas aplicacións, a visión empresarial clara que ten o proxecto. De feito, a idea do grupo de investigadores de Vigo e Oviedo é crear unha empresa o próximo ano co fin de comercializar a tecnoloxía desenvolvida. Para isto contan co apoio de Zona Franca que, como gañadores rexionais do concurso, lles proporciona a incubación no viveiro do edificio Aeroespacial de Porto do Molle durante un ano. Isto inclúe a asistencia no desenvolvemento  do produto, acceso a expertos, consultoría, formación e orientación económica para converter a súa idea de negocio.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.