As pantallas de Tudder imitan as aplicacións humanas para ligar.

Tudder, a aplicación para que vacas e touros poidan ‘ligar’

Chega a aplicación para o apareamento entre vacas e touros. Se os humanos teñen o ‘Tinder‘, a app máis popular do mundo para ligar, no Reino Unido veñen de lanzar Tudder, que xa conta con máis de 42.000 perfís no país británico.

A golpe de click e desde o salón de casa, os gandeiros poderán atopar “a alma xemelga” para a súa res. Representada a través dunhas ubres, o funcionamento da aplicación é moi similar ao de Tinder: o dono sobe fotografías do seu respectivo animal cos detalles da súa idade, localización da granxa e información do propietario. Despois, só ten que esperar a que aparezan os interesados ou interesadas.

Deslizando a esquerda (para rexeitar) ou dereita (para aceptar), os gandeiros poderán elixir entre milleiros de perfís a parella perfecta coa que cruzar ao seu animal. Un “muuu” indica que o animal tivo un “match”, o que redirixe aos propietarios a un sitio web privado chamado “Sell My Livestock” (propiedade de Hectare Agritech) para que inicien unha conversa.

“Tudder busca unir animais de granxa coas súas almas xemelgas” reza a descrición da aplicación na App Store.

Consola da aplicación Tudder.

Deixando de lado a ironía da definición, a rede ten un propósito moi claro: axudar aos gandeiros para cruzar aos animais dun xeito máis rápido que o convencional, que xeralmente inclúe longos procesos que involucran custosos gastos en transporte e perda de tempo.

“A través de Tudder podes coñecer todos os detalles sobre o animal, moito máis do que podes obter nunha feira. Cando estás nun destes sitios non hai tempo nin forma para saber toda a información de todos os animais, pero a través do móbil é moito máis sinxelo”, declarou un gandeiro usuario da app a Reuters en Hampshire.

Segundo explica Doug Bairner, director executivo de Hectare Agritech, a plataforma de comercio de produtos agrícolas que deseñou a aplicación, “que se produza match entre o gando bovino é máis fácil que entre as persoas, pois se dispoñen de moitos máis datos que permiten predicir con máis certeza como será a descendencia”.

Un terzo das granxas de Reino Unido xa dispón de perfil en Tudder. Segundo os medios de comunicación británicos, os agricultores ingleses valoran de forma moi positiva a aplicación, como demostran tamén os comentarios en App Store.  “A pesar da visión que ten a humanidade sobre a agricultura e a gandería, que semella moi arcaica e tradicional, a realidade é outra. A gandería está moi impulsada e axudada pola tecnoloxía”, declarou Bairner referíndose a algúns avances tecnolóxicos como os aparellos de fumigar, as unidades leiteiras automatizadas ou a ciencia xenética. Agora, chega esta app para que vacas e touros atopen a parella perfecta.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.