A rede Galicia Nomeada valida os topónimos e os localiza por coordenadas.

Recuperan 9.000 tóponimos grazas á rede Galicia Nomeada

A iniciativa da Real Academia Galega é un éxito coa participación de máis de 600 voluntarios que achegaron nomes de 140 concellos

Galicia Nomeada, a aplicación posta en marcha pola Real Academia Galega e a Xunta de Galicia para a recolleita colaborativa da microtoponimia, recibiu dende a súa posta en marcha o pasado 20 de decembro máis de 600 solicitudes de persoas interesadas en rexistrar e xeorreferenciar nomes do territorio da súa contorna.

En menos de dous meses, os usuarios e usuarias dados de alta introduciron na plataforma máis de 4.000 topónimos de montes, leiras, fontes e mesmo penedos ou rochas da costa en 140 dos 313 concellos galegos, un traballo colectivo de gran valor que amosa a boa recepción cidadá que está a merecer a plataforma. Esta cifra súmase aos máis de 6.000 colleitados na fase de probas. A Academia xa validou uns 9.000 microtopónimos dos 10.273 enviados en total a través de Galicia Nomeada.

Alén de compartir os nomes da terra e identificalos sobre a imaxe aérea do territorio galego dispoñible na plataforma, boa parte dos usuarios e usuarias achegaron audios coa súa pronuncia ou con lendas asociadas, e numerosas fotos de elementos de interese cultural como cruceiros, muíños, capelas, fontes ou pontes existentes na súa zona de traballo. Unha vez validada esta información pola Real Academia Galega, calquera persoa poderá consultala entrando na ficha de cada topónimo no visor de Galicia Nomeada.

Por provincias, A Coruña é a que suma máis microtopónimos recuperados nas primeiras semanas de funcionamento da aplicación colaborativa, uns 1.500 que representan o 40 % dos 4.000 recolleitos ata o momento. Os nomes rexistrados pertencen a 47 concellos, a metade dos que hai no territorio coruñés.

En Silleda, alumnos e profesores do IES Pintor Colmeiro mobilizáronse para colleitar máis de mil topónimos

En Pontevedra recolléronse a cuarta parte dos microtopónimos, algo máis de 1.000, en case a metade dos seus concellos (29 de 61); os  usuarios e usuarias de Ourense achegaron 767 novos nomes (19,5%) dende 20 dos seus 92 concellos (22%) e 553 rexistros dos máis de 4.000 realizados en apenas oito semanas (14 %) proceden da metade dos 67 concellos lugueses.

En canto ao traballo compartido polas persoas rexistradas, salientan as contribucións individuais dende Rianxo, onde a colaboradora Susana Silva achegou máis de 630 topónimos, e dende O Irixo, con máis de 509 topónimos incluídos por Xulio Dobarro. Destacan ademais achegas colectivas como os 1.025 topónimos xeorreferenciados en Silleda polo profesor Xoán Carlos García Porral mais o alumnado do IES Pintor Colmeiro.

Os máis de 4.000 microtopónimos que se incluíron no que vai de ano súmanse aos máis de 6.000 que durante a fase de probas da aplicación Galicia Nomeada achegaron colaboradores como Alberte Reboreda, que documentou 2.150 en varias parroquias dos concellos de Mondariz, Mondariz Balneario, Covelo e Cercedo Cotobade; Ana Bravo, que recompilou 635 nas parroquias de Isorna e Leiro, en Rianxo; ou Rocío Romar, que identificou medio milleiro na parroquia de Baio, no concello de Zas, e noutras parroquias do concello de Malpica.

En total, os microtopónimos rexistrados a través de Galicia Nomeada son xa 10.273, dos cales a gran maioría, uns 9.000, xa foron validados lingüisticamente polo equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que coordina e revisa este traballo.

Todos estes nomes da terra súmanse aos topónimos de entidades de poboación do Nomenclátor de Galicia e aos máis de 430.000 rexistrados polo Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011) —que se centrou na recollida da microtoponimia—, de tal maneira que a cifra de topónimos recompilados actualmente supera os 482.445.

Nestes momentos xa é posible visualizar uns 291.406 topónimos sobre a imaxe aérea de Galicia e descargar a información dispoñible sobre eles (coordenadas, tipoloxía xeográfica ou fonética) tanto na aplicación Galicia Nomeada coma no visor de topónimos do Portal Toponimia de Galicia. Os microtopónimos do Proxecto Toponimia de Galicia pendentes de xeorreferenciar iranse incorporando á base de datos de Galicia Nomeada e a este visor a medida que o Instituto de Estudos do Territorio (IET) complete este labor.

Como colaborar en Galicia Nomeada

Malia a boa marcha do proxecto, son aínda moitos os concellos pendentes de incorporarse a Galicia Nomeada. As persoas interesadas en colaborar nesta tarefa colectiva de recuperación do noso patrimonio toponímico poden contactar con Galicia Nomeada nesta ligazón. Posteriormente, o seu equipo técnico contactará coas persoas que soliciten unha conta para comezar a introducir topónimos ou facer suxestións sobre os existentes na súa zona de traballo.

Galicia Nomeada conta cunha versión de escritorio e tamén está dispoñible nunha aplicación para móbiles Android e iOS. Esta plataforma foi desenvolvida ao abeiro dun acordo coa Xunta de Galicia no que a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) asumiu a parte tecnolóxica. O proxecto conta co financiamento do proxecto Geoarpad, como acción integrada no Programa de Cooperación Interreg V  España – Portugal (POCTEP 2014-2020).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.