O proxecto Bewats acada notables avances no seguimento do lixo mariño desde satélites

A iniciativa liderada desde o atlanTTic da UVigo presentou os resultados despois de 18 meses de traballo realizado nas rías de Vigo e Pontevedra

Balsas plásticas flotantes colocadas en Toralla, coincidindo co paso do satélite Sentinel 2, para probar algoritmos de detección de plástico. Foto: Duvi.
Balsas plásticas flotantes colocadas en Toralla, coincidindo co paso do satélite Sentinel 2, para probar algoritmos de detección de plástico. Foto: Duvi.

A loita contra o lixo mariño desenvólvese en múltiples frontes, pero a estratexia máis eficiente é evitar que estes residuos rematen nos océanos, xa que a súa retirada, en moitos casos, é imposible. É o que sucede cos microplásticos, partículas de menos de 5 mm froito da degradación de envases, botellas, prendas, etc. Para controlar e frear a chegada destes obxectos aos ecosistemas mariños, a comunidade científica está a desenvolver diversos sistemas e mecanismos que permitan coñecer a súa orixe e percorrido. Un dos proxectos que se está a desenvolver neste eido é Bewats (Beach Waste Tracking System), impulsado por investigadores da Universidade de Vigo e do Instituto de Ciencias Matemáticas (CSIC-UAM-UCM-UC3M) e financiado polo programa Pleamar 2019 da Fundación Biodiversidade. O seu obxectivo é desenvolver ferramentas innovadoras para  monitorear a procedencia e o destino do lixo mariño a través de imaxes de satélite e de vehículos aéreos non tripulados equipados con cámaras.

Tras un ano de traballo, o equipo liderado por Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) de atlanTTic acaba de presentar os resultados do proxecto, unha continuación da iniciativa europea LitterDrone. Bewats naceu en decembro de 2019 e centrou o seu traballo en tres frontes: por unha banda, a mellora dos resultados obtidos no proxecto predecesor; por outra, a aplicación de modelos de correntes e mareas para predicir puntos de orixe e destino do lixo e, finalmente, a detección por satélite de residuos plásticos flotantes no mar.

O proxecto centrouse nas rías de Vigo e Pontevedra, incluíndo o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, xa que “ás costas galegas chegan refugallos mariños, principalmente plásticos, impulsados polas fortes correntes oceánicas”, explican os investigadores.

Fernando Martín explica que neste ano e medio de traballo conseguiron mellorar os resultados obtidos en Litterdrone en diversos eidos. Por unha banda, integraron na aplicación “un método sinxelo para crear mosaicos de imaxes a partir de fotos soltas, aínda que sen chegar ao nivel de aplicacións profesionais como Photomodeler ou Pix4D, pero útil en voos rectos”.

Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) de atlanTTic. Foto: Duvi.
Fernando Martín, investigador do Grupo de Procesado de Imaxe e Realidade Virtual (GPI-RV) de atlanTTic. Foto: Duvi.

Tamén foron quen de integrar métodos que permiten fusionar imaxes de varios voos ou de varias cámaras nun mesmo voo “para poder utilizalas conxuntamente, así como integrar novos métodos de detección de residuos, coa posibilidade de elixir método e configurar parámetros en tempo de execución”. Ademais, engade, tamén traballaron na investigación de métodos específicos para detectar plásticos flotantes con imaxe infravermella e no desenvolvemento de cámaras experimentais para esta labor e na integración de novos métodos de identificación para tipos de residuos comúns, como botellas, latas ou tapóns…

O segundo bloque de traballo, centrado na aplicación de modelos de correntes e mareas para predicir puntos de orixe e destino do lixo, correu a cargo do Icmat, Instituto de Ciencias Matemáticas, en concreto do grupo dirixido por Ana Mª Mancho. Estudaron “os fluxos nas Rías Baixas e norte de Portugal detectando un fluxo importante entre a desembocadura do río Miño e as Rías Baixas (illas Cíes, ría de Pontevedra, ata Sanxenxo).

Para o terceiro bloque, sobre a detección por satélite de residuos plásticos flotantes no mar, subcontratouse a GMV, unha empresa con ampla experiencia en tecnoloxía satélite, que desenvolveu un método que ofrece resultados prometedores para localizar pequenas cantidades de plástico. Para iso crearon un innovador enfoque baseado en datos remotos para a detección do lixo empregando imaxes do satélite Sentinel-2, proporcionadas polo programa Copernicus, e técnicas de Machine Learning. atlanTTic, pola súa banda, creou outro método útil para grandes masas (dispoñible nesta ligazón). “Tamén colaboramos con GMV colocando ‘dianas’, unha serie de obxectos de plástico en posición coñecida, a veces na praia, outras flotando, para poder validar o seu método”. Entre os experimentos levados a cabo, instaláronse nas inmediacións da illa de Toralla balsas plásticas flotantes á hora na que pasaba o satélite Sentinel-2. Isto permitiu probar algoritmos de detección de plástico e obter imaxes mediante drones. Tamén desenvolveron probas na desembocadura do río Miño ou na praia de Rodas, nas illas Cíes.

Finalmente, o grupo de investigación I-Mark da UVigo, pertencente ao centro Ecobas, realizou un estudo sobre a posible aplicación comercial da tecnoloxía desenvolvida. Os investigadores concluíron que os resultados son “prometedores contando con clientes no sector público”.


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.