Esta imaxe leva tempo dando a volta ao mundo porque resulta desacougante. Na foto vemos moitos obxectos que nos resultan familiares, pero non podemos distinguir ningún en concreto. Nos Estados Unidos foi compartida por centos de miles de persoas tras aparecer na rede Reddit e de ser publicada en Twitter polo usuario @melip0 co seguinte reto: “Nomea unha cousa nesta foto”.
Name one thing in this photo pic.twitter.com/zgyE9rL2XP
— dumbass ass idiot (@melip0ne) 23 de abril de 2019
Algúns usuarios tiñan explicacións para unha imaxe tan rara. A que máis éxito tivo sinala que así é como ve a realidade unha persoa tras sufrir un ictus que afectase ao seu lóbulo occipital. O ollos envían información ao cerebro e o suxeito ve, aínda que non pode identificar nada concreto. É unha teoría imaxinativa.
Pero a foto tivo tanto éxito que espertou o interese dos científicos. O doutor Frank McAndrew, profesor de psicoloxía no Knox College de Illinois, dixo ao portal Live Science: “Tentar interpretar unha imaxe ambigua como esta xera incerteza, o que pode levarnos a sentirnos asustados”. Cando unha persoa non está segura de se algo podería ser daniño, é normal experimentar unha sensación de inquietude , explicou McAndrew.
Steven Schlozman, psiquiatra na Facultade de Medicina de Harvard sinala que o noso cerebro entra en bucle buscando unha explicación: “Creo que o arrepiante provén dos intentos dos nosos cerebros de recoñecer un patrón. Xuro que vexo un chimpancé nesa foto. Pero logo convértese noutra cousa, e logo noutra cousa. Non podo completar o crebacabezas”.

O misterio que xa está case resolto é a orixe desta foto. Porque case todos os expertos coinciden en que foi xerada dixitalmente por Intelixencia Artificial. Janelle Shane, unha investigadora de enxeñería eléctrica que adestra redes neuronais, un tipo de IA que “aprende” dun xeito similar a un cerebro, dixo a Live Sience que estaba “95% segura” de que esta imaxe fora creada por unha rede neuronal chamada BigGAN, un algoritmo adestrado por Google para compoñer fotos con gran detalle partindo dende cero.
Este tipo de intelixencia artificial xa demostrou ser moi eficaza para crear rostros humanos que parecen asombrosamente reais.
Pero estas redes neuronais tamén poden crear fotos mesturando categorías distintas. E meter un can nunha burbulla, por exemplo.
Aí é onde entra a explicación desta foto na que vemos moitas cousas pero non indentificamos ningunha. De feito, nós mesmos poderíamos fabricar doadamente este tipo de imaxes, creando fotos pantasmais da mestura de fotos e categorías diversas. Para iso existe a web Ganbreeder, que algúns utilizan para crear auténticas obras de artes visuais e outros simplemente xeran mostros.
Se queres botar unha ollada o probar Ganbreeder podes seguir esta ligazón.














