Galicia dá un salto adiante cara ás tecnoloxías intelixentes co novo CiTIUS

O centro compostelán renova a súa identidade para converterse no único deste ámbito no país e un dos tres a nivel estatal

A revolución tecnolóxica que xa está provocando a intelixencia artificial en todo o mundo tamén se escribe desde Galicia. Un dos centros singulares do país, o CiTIUS de Santiago de Compostela, mantén o nome, mais muda a súa identidade para converterse no Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, o único de Galicia e un dos tres que existen en toda España.

Este luns, o CiTIUS acolleu o acto de presentación deste proxecto, un novo rumbo que é “confirmación dun éxito, unha iniciativa xurdida en 2010 que hoxe é un brillante realidade que redefine os seus obxectivos”, apuntou o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López.

Publicidade

Ademais do cambio da denominación e da definición de novos obxectivos investigadores, esta etapa orientada ás tecnoloxías intelixentes leva parella unha reorganización xa que o catedrático Senén Barro será o director científico e o profesor Paulo Félix Lamas director adxunto.

Como novo Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, o CiTIUS consolida así a súa aposta científica nun ámbito crucial, o das tecnoloxías intelixentes. Estas tecnoloxías, entre as que se atopan a aprendizaxe automática, as tecnoloxías da linguaxe, a robótica ou a visión artificial, teñen na actualidade un enorme e crecente impacto socioeconómico, que está transformando sectores tan importantes como a industria 4.0, ou a enerxía e o medio ambiente, a saúde e o benestar, a intelixencia de negocio ou os sectores financeiro e de seguros, entre outros.

Publicidade

Na súa intervención, Senén Barro apuntou, mencionando datos da consultora McKinsey, que “estamos a falar do maior impacto transformador ata o momento, capaz de achegar 13 billóns de dólares ao PIB mundial en 2030, cun incremento medio anual do 1,2% na produtividade”. Neste mesma liña tamén aludiu á consultora Boston Consulting Group, quen considera que a Intelixencia Artificial, e en particular a aprendizaxe automática, é “a gran forza motriz da industria dixital. Nunha macroenquisa realizada recentemente por esta compañía, máis do 90% das empresas consultadas afirmaron que están a dirixir as súas inversións de maneira maioritaria á cara a este dito ámbito”.

Pola súa banda, a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar fixo fincapé na importancia do capital humano da investigación universitaria galega, “o voso talento, de científicos do máis alto nivel, é o que que fai que os centros nos que traballades sexan os máis excelentes do Sistema Universitario Galego”.

Neste senso, segundo destacaron as autoridades que tomaron a palabra no acto, unha das fortalezas do CiTIUS é a transferencia da súa investigación á sociedade e ao tecido empresarial. Así o acreditan resultados como as dúas spin-offs creadas nos últimos catro anos, as empresas Situm e Imagames, que contan xa con preto de medio cento de empregados e presenza en 40 países, ou os contratos de I+D con empresas globais como Indra, IBM, Johnson & Johnson e Babcock, e un bo número de empresas da contorna, como Finsa ou Mestrelab Research.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Cen anos d’O Mariscal, a obra teatral que pintou a Pardo de Cela como símbolo das liberdades galegas

A Real Academia Galega celebrará un acto conmemorativo de entrada libre o xoves 15 ás 16:30 horas no Museo de Ramón Cabanillas, en Cambados

Galicia avalía a realidade virtual como alternativa para tratar as fobias específicas

Un informe de Avalia-t analiza a súa eficacia fronte a outros modos de terapia de exposición, o tratamento recomendado polas Guías de Práctica Clínica

Dun rosco de palabras a localizar o teu concello: coñece a nova plataforma de pasatempos en galego

A páxina web Ludogal ofrece catro xogos en liña gratuítos de vocabulario e xeografía para promover o uso do galego

Do Café Moderno de Pontevedra aos ‘Seis poemas galegos’: esta é a Galicia de Lorca

O poeta granadino visitou dúas veces a cidade, mantivo vínculos con destacados intelectuais e deixou unha fonda pegada na cultura, a paisaxe e a lingua