Plague: o xogo que arrasa ao recrear o coronavirus de Wuhan

O impacto mediático da doenza multiplica as descargas do popular videoxogo, cuxo obxectivo é destruír o planeta cunha pandemia contaxiosa

A industria do videoxogo segue medrando con pasos de xigante para converterse nunha das referencias do ocio en todo o planeta. E non é allea, como é lóxico, a actualidade internacional. A última mostra é a impresionante difusión que está a ter nos últimos días  Plague Inc., un xogo de estratexia cuxo obxectivo é provocar unha pandemia que acabe con todos os seres humanos do planeta. Co gallo da propagación do coronavirus que comezou a propagarse desde a cidade de Wuhan, na China, o impacto acadado foi tal que acabou saturando a páxina web de Ndemic Creations, o estudo británico que desenvolve o xogo desde 2012.

O obxectivo de Plague Inc

O videoxogo Plague mestura estratexia e simulación para levar ao xogador ou xogadora a un escenario canto menos desacougante: o usuario debe decidir onde sementa un virus ou bacteria que deberá propagar posteriormente usando todo tipo de ferramentas. Desde o comezo, é posible nomear á enfermidade, e comezar a modificar o seu código xenético para facela máis resistente a diferentes climas e espazos, a aumentar a súa capacidade de mutación.

Publicidade

Unha vez que a doenza está en marcha sobre o terreo, é posible facilitar a súa transmisión mediante os diversos síntomas, que aumentan a capacidade de contaxio entre persoas, así como a súa gravidade, e os medios de difusión do virus, que provocan unha maior propagación en función de diversas áreas do planeta: mosquitos en zonas cálidas, gando en zonas rurais, roedores en zonas urbanas, condutos de ventilación ou abastecemento de auga, para facilitar a súa difusión polos medios de transporte, etc. Do mesmo xeito, tamén é posible investir os puntos obtidos co avance da doenza en estratexias para frear os traballos na investigación dun posible antídoto.

Propagación da doenza polo planeta no xogo "Plague". Fonte: Ndemic Creations.
Propagación da doenza polo planeta no xogo “Plague”. Fonte: Ndemic Creations.

Porén, ante a relevancia que acadou Plague nos últimos días, os seus creadores víronse na obriga de emitir un comunicado de prensa para advertir de que o xogo “non é un modelo científico”, recomendando que “os xogadores obteñan a súa información directamente das autoridades sanitarias”.

Publicidade

Así, segundo salienta Ndemic, “cada vez que hai un abrocho dunha doenza, observamos un aumento nos xogadores, na medida en que as persoas procuran ter máis información sobre como se propagan as enfermidades e comprender a complexidade dos brotes virais”. E engaden: “Deseñamos especificamente o xogo para que sexa realista e informativo”.

Porén, tal e como lembran desde Ndemic Creations, o estudo ten desenvolvido vías de colaboración con institucións como o Centro para a Prevención e Control de Enfermidades (CDC) dos Estados Unidos para achegar á cidadanía e á opinión pública novos métodos de divulgación para a prevención de enfermidades contaxiosas.

O impacto de Plague nas últimas semanas constátase cos datos achegados por plataformas de Google. No caso dos videoxogos, leva varios días ocupando os postos de cabeza nos máis descargados. E en Google Trends, tal e como se pode ver baixo estas liñas, as procuras medraron en gran medida desde a pasada semana.

Procuras sobre o videoxogo nos últimos tres meses. Fonte: Google Trends.
Procuras sobre o videoxogo nos últimos tres meses. Fonte: Google Trends.

Mentres, o coronavirus segue preocupando as autoridades sanitarias internacionais. A OMS e o Goberno chinés constatan xa máis de 2.000 casos e 56 falecementos.

As claves do novo virus nado en China que preocupa á OMS

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

12 mitos sobre a endometriose

Unha paciente típica adoita ter regras moi dolorosas, e pode sufrir problemas dixestivos, dor coas relacións sexuais e infertilidade, entre outros síntomas

Por que se esgotou (outra vez) o papel hixiénico o día do apagamento?

O comportamento colectivo de compra compulsiva é un patrón habitual das crises, e así aconteceu durante a pandemia de 2020

Reducir ata un 15% o risco de padecer demencia? A resposta pode estar no teu tensiómetro

Un ensaio clínico na China rural marca diferenzas entre a poboación hipertensa á hora de desenvolver esta enfermidade

“A ‘enfermidade X’ pode chegar a ser unha ameaza para a nosa forma de vida”

A doutora María Eugenia Puentes alerta da necesidade de mellorar protocolos e prepararse ante futuros desafíos epidemiolóxicos