Piar de luz: o fascinante fenómeno captado no ceo do norte de Galicia

Era arredor da medianoite do venres ao sábado da pasada semana cando desde o alto da Curuxeira, no municipio lucense de Muras, apareceu algo estraño no ceo. Era un piar de luz, un raro fenómeno óptico que moi poucas veces se consegue inmortalizar. Alí estaban Marcos López e Sete Vázquez, dous fotógrafos que pertencen á sección de Astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural. “Normalmente facemos fotografía nocturna e de ceo profundo na zona, pero cando as condicións non son boas aproveitamos para facer foto de paisaxe, e era o que estabamos facendo esa noite”, conta López.

Nesas estaban cando de súpeto apareceu un brillo estraño no ceo ao mirar cara a zona onde se vía a luz da vila das Pontes de García Rodríguez. “Comenteillo a Sete, e preparamos rapidamente os equipos para intentar captalo da mellor maneira posible”. O primeiro no que pensaron foi nunha pequena aurora boreal, “pero pareceunos moi difícil que puidera chegar a verse aquí”, e ademais estaba inmóbil no ceo. Durou uns 15 minutos.

Publicidade

Mentres comezaban a tomar imaxes, Sete e Marcos contactaron cun compañeiro tamén fotógrafo para constatar que aquilo que estaban vendo era, como sospeitaban, o fuxidío piar de luz que se ten captado en distintas partes do mundo cando as condicións da atmosfera son as axeitadas. E así foi.

Piar de luz captado en Muras. Fotografía: Sete Vázquez.
Piar de luz captado en Muras. Fotografía: Sete Vázquez.

O piar de luz

Para que teña lugar o fenómeno do piar de luz teñen que darse unhas circunstancias determinadas, segundo explica Marcos López. “Ten que haber aire particularmente frío en altura, e o ceo debe ter unha transparencia determinada”. Ademais, debe haber algo de contaminación luminosa, ese factor que tantas veces é inimigo da observación do ceo nocturno. Neste caso, foi a luz das Pontes a que fixo posible o feixe de luz.

Publicidade

En varias ocasións, a NASA escolleu o retrato do piar de luz como a súa foto astronómica do día. Na súa explicación, a axencia salienta que para ver este fenómeno, debe haber cristais de xeo no aire a unha altura relativamente baixa. Tal e como se pode ver neste esquema, os cristais actúan como unha especie de pantalla entre a fonte de luz e o observador.

Esquema do piar de luz. Fonte: Les Cowley / atoptics.co.uk.
Esquema do piar de luz. Fonte: Les Cowley / atoptics.co.uk.

Aínda que é habitual velo de noite, o piar de luz tamén pode xurdir durante o día, formado pola luz do sol. Os piares solares teñen, por tanto, unha xénese semellante. Ben por enriba ou ben por debaixo da luz solar, os cristais de xeo debuxan un fermoso feixe.

O fenómeno do piar de luz súmase así ao arquivo de imaxes nocturnas do ceo de Muras, un concello que aspira a obter a certificación Starlight pola boa calidade dos seus ceo.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

En 2025 rexistráronse 14 bólidos sobre o ceo de Galicia

A lista recompilada pola rede de investigación SPMN sinala outubro como o mes con máis observacións

Un novo bólido sorprende en Galicia: como identificar este tipo de fenómeno astronómico

O CSIC confirma que o meteoro se puido observar dende diversos enclaves distribuídos por Ourense, O Porriño, Arteixo e Vigo

Próxima cita astronómica en Galicia: o 28 de agosto haberá unha eclipse lunar parcial

O evento poderá observarse a simple vista dende toda a comunidade galega sen necesidade de lentes ou aparellos especiais

Dende Doniños ata Francia: así viviron as grandes científicas e científicos galegos a eclipse total de Sol

O fenómeno do 12 de agosto reuniu a referentes da ciencia en distintos puntos do mapa, que o viron en praias e xardíns