Mércores 24 Abril 2024

O Obradoiro, Príncipe, María Pita… Así lles afectaría o cambio climático

Científicos de Quebec crean unha ferramenta que simula escenarios catastróficos en calquera rúa grazas á intelixencia artificial

A Praza do Obradoiro completamente inundada. O buque insignia do turismo galego, asolagado por choivas torrenciais. Talvez a rúa do Príncipe e a Praza de María Pita tamén puidesen ser vítimas de fenómenos meteorolóxicos extremos: incendios devastadores ou néboas tóxicas. Son escenarios onde se cerne a catástrofe. E aínda que parezan improbables, é preciso concienciar sobre os devastadores efectos que pode ter o cambio climático nos próximos anos. Esta é a intención de The Climate Does Not Exist, unha ferramenta en liña desenvolvida polo Instituto de Intelixencia Artificial do Quebec, que mostra, a través de imaxes simuladas, o impacto que o cambio climático podería ter en distintas partes do mundo. Incluso na túa propia rúa.

Frear o cambio climático

O funcionamento é ben sinxelo. Tan só hai que acceder á páxina web, teclear o enderezo que prefiras —a túa casa, a túa oficina…— e escoller un escenario: inundacións, incendios ou smog. A partir de aí, unha serie de algoritmos fan o seu traballo e xeran unha imaxe realista en función do lugar e do fenómeno escollido. O obxectivo deste proxecto é instar a que se tomen medidas, tanto individuais como colectivas, que contribúan a frear o cambio climático. Segundo indican os creadores do proxecto na páxina web, queren axudar “a reducir a distancia psicolóxica” que hai respecto deste fenómeno que, en ocasións, pode parecer abstracto. A partir das súas simulación xa se pode comezar a percibir como unha ameaza e así instar á acción.

Publicidade

Queren reducir a distancia psicolóxica co cambio climático, que pode parecer un fenómeno abstracto

De igual modo, dende The Climate Does Not Exist advirten que o seu proxecto “non é un exercicio de predición climática”. Tan só é un algoritmo que recrea unha situación —neste caso catastrófica— independentemende da dirección introducida. Polo tanto, non son imaxes reais, tan só simulacións baseadas na intelixencia artificial para espertar conciencias. E, sobre todo, para entender que aínda que a túa rúa non se estea vendo afectada hoxe en día polo cambio climático, si hai zonas do mundo nas que se están a observar consecuencias nefastas.

Como funciona?

Este proxecto naceu en Mila, no seo do Instituto de IA de Quebec, fundado no 1993 e dirixido polo profesor Yoshua Bengio, recoñecido internacionalmente. De feito, no 2018 recibiu o premio AM Turing xunto con Geoff Hinton e Yann LeCun; un galardón ao que se lle coñece popularmente como o Nobel da Informática. Así é que Bengio, xunto ao seu equipo, deseñou This Climate Does Not Exist. O proxecto comezou no 2019 e acaban de lanzar o sitio web.

A páxina funciona grazas a uns algoritmos denominados “redes xenerativas antagónicas” ou GAN. Son os que permiten que o ordenador cree e transforme imaxes. É dicir, que sexa capaz de xerar contido novo. Así é que para poder recrear o escenario da inundación aplícanse estes algoritmos, que indican onde se pode agregar auga á escena orixinal. Logo píntase na imaxe de entrada, tendo en conta o contexto inicial. Algo semellante ocorre cos outros dous fenómenos: os incendios e o smog.

As inundacións

Que lle acontecería ás rúas e prazas máis representativas de Galicia? Tan só hai que ver as imaxes de The Climate Does Not Exist. Comecemos pola rúa do Príncipe, en Vigo, totalmente anegada. Unha inundación, talvez causada por choivas torrenciais, cobre unha das principais avenidas da cidade. Antes de xerar a imaxe, na páxina web ofrecen unha serie de datos. Como, por exemplo, que as inundacións son os desastres naturais máis frecuentes e mortíferos. Que son capaces de causar a morte de 5.000 persoas ao ano. Ou que o nivel do mar, a finais de século, aumentará dous metros.

Unha chamada á atención e á concienciación que, en Vigo, se vería así:

Que acontecería noutra cidade, como A Coruña? Como quedaría a Praza de María Pita se estivera asolagada?

Os lumes

Outro dos fenómenos que máis azoutan Galicia son, sen dúbida, os incendios. Que acontecería se un lume descontrolado afectase á Praza do Obradoiro? Como veriamos ese espazo?

Simulación da Praza do Obradoiro afectada por un gran incendio. Foto: This Climate Does Not Exist
Simulación da Praza do Obradoiro afectada por un gran incendio. Foto: This Climate Does Not Exist

Os incendios tamén son devastadores. Son o segundo depósito natural máis importante de absorción dos gases de efecto invernadoiro, despois dos océanos, tal e como indican en This Climate Does Not Exist. Se quedamos sen eles, a solución para o cambio climático estará cada vez máis afastada. Porque as cifras de destrución do lume tamén son impactantes. En 2015, queimaron arredor de 980 000 kmde bosques de todo o mundo.

As néboas contaminantes

Por último, o smog. Unha néboa contaminante e tóxica que recobre as principais cidades do mundo e que é capaz de causar afeccións respiratorias. Está causada, en gran medida, polo tráfico dos coches ou a actividade industrial. As cifras tampouco nos deixan indiferentes, e pénsase que o smog é o causante de 4,2 millóns de mortes prematuras ao ano. Case nada. Algo que entra dentro do razoable se pensamos que o 91% da poboación mundial vive en lugares do mundo onde a contaminación do aire supera os niveis permitidos, segundo a Organización Mundial da Saúde. Pero… Como afectaría á Praza de María Pita?

Simulación da Praza de María Pita cuberta de "smog". Foto: This Climate Does Not Exist
Simulación da Praza de María Pita cuberta de “smog”. Foto: This Climate Does Not Exist

This Climate Does Not Exist non predí, alerta. É unha chamada de atención a través de imaxes impactantes. E, sobre todo, de imaxes importantes. De como se vería afectada a túa rúa, o teu negocio, a túa oficina. Como quedaría o parque ao que vas pasear ou a túa praia do verán. Escenarios que non son reais, pero que poderían selo. Talvez estamos aínda a tempo de reverter os cambios ou, polo menos, de frealos. O importante é que o que hoxe son simulacións, mañá non se convertan en realidades.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A lamprea, en caída libre en Galicia: de 23.000 quilos capturados a 3.000 en dez anos

O catedrático da USC Fernando Cobo apunta que a presión pesqueira e a captación de auga ilegal fomentan a diminución de especies

Cales foron as causas da seca que precedeu aos incendios de Australia? Un equipo de Ourense ten a clave

A investigadora Milica Stojanovic, do grupo EphysLab da UVigo, centrou o seu traballo en analizar as fontes de humidade da zona

A praia de Barra agocha unha aldea soterrada: un cambio climático invadiu todo de area hai 500 anos

Unha investigación publicada por Andrés Pino analiza o impacto social e económico da Pequena Idade do Xeo no asentamento de Cangas

Galicia rexistra o cuarto inverno máis cálido en 60 anos

As precipitacións foron un 18% superiores ao habitual para este período, sendo especialmente abondosas en febreiro