Un estudo galego pioneiro vincula os cambios na materia branca co avance do Alzheimer

O traballo, de científicos da USC e o Hospital de Santiago, abre a porta a cambiar o foco das terapias actuais, centradas na materia gris

A primeira investigación a nivel mundial que constata o vínculo entre os cambios na materia branca do cerebro co avance da enfermidade de Alzheimer ten selo galego. O traballo, realizado por investigadores do CiMUS da USC e do IDIS, en colaboración con médicos do Servizo de Neuroloxía e Medicina Nuclear do CHUS (Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela), “abre a porta a un novo biomarcador de seguimento da enfermidade e mesmo a cambiar o foco das actuais terapias, que se enfocan a reducir o amiloide na substancia gris e que fracasaron a maioría de elas”, explica o investigador Pablo Aguiar, autor principal do artigo.

O estudo, publicado no European Journal of Nuclear Medicine and Molecular Imaging, analiza, por primeira vez, a proteína amiloide na materia branca do cerebro, converténdoa nun novo biomarcador asociado ao avance clínico desta enfermidade. “Ata o de agora todas as investigacións centrábanse en medir os depósitos de proteína amiloide na materia gris do cerebro, obviando a materia branca”, engade Aguiar.

Publicidade

Un estudo en 800 pacientes

O traballo enmárcase na tese de doutoramento do investigador Alexis Moscoso, finalizada o ano pasado, na que se comprobou como os depósitos de proteína amiloide na materia branca do cerebro están relacionados coa progresión clínica do Alzheimer. Para levalo a cabo contaron cunha mostra de 795 participantes. “O amplo tamaño da mostra é xusto unha fortaleza de estudo xa que nos permite cubrir todo o espectro da enfermidade do Alzheimer”, sinala Aguiar.

Para poder analizar os depósitos de proteína amiloide na materia branca do cerebro dos pacientes utilizouse a técnica por imaxe PET (tomografía por emisión de positróns) como ferramenta central de traballo. Estes escáneres realizáronse en numerosos países de todo o mundo, coordinados desde Estados Unidos, sendo a base de traballo para esta investigación que analizou os datos referidos a cada un deles durante un seguimento de máis de cinco anos.

Publicidade

“As probas realizáronse en estado basal dos pacientes para poder dispoñer de datos lonxitudinais da evolución da enfermidade. A través destas probas puidemos comprobar como os pacientes que presentaban proteína amiloide na materia branca do cerebro eran os que cognitivamente evolucionaban peor”, indica o investigador.

A relevancia da materia branca

O tecido chamado “materia gris”, presente no cerebro e na medula, coñécese tamén como substancia gris e está composto por corpos de células neuronais. Coñécese por este nome porque os núcleos que compoñen as neuronas fan que adquira unha tonalidade desta cor cando se analiza o cerebro. Está implicado en funcións como o control muscular, o fala, as emocións, a toma de decisións ou a memoria.

Pola súa banda a materia branca está composta por fibras nerviosas. Coñécese por este nome porque a mielina dos axóns das súas neuronas fai que adquira esta cor cando se analiza o cerebro. Está situada entre a substancia gris, o corpo estriado e a parte media do cerebro e o seu principal papel dentro do sistema nervioso central é a comunicación máis que o procesamento, aínda que tamén se encarga de regular funcións inconscientes como a temperatura corporal, a fame, a sede, a presión sanguínea e o ritmo cardíaco.


Referencia: 18F-florbetapir PET as a marker of myelin integrity across the Alzheimer’s disease spectrum (Publicado en European Journal of Nuclear Medicine and Molecular Imaging).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Un centro da USC lidera unha rede europea arredor dos mecanismos xénicos das enfermidades humanas

O proxecto DECODES, coordinado polo CiMUS, contará con 4,5 millóns de euros e formará 15 investigadores predoutorais para estudar o papel do ‘splicing’