Sábado 20 Abril 2024

Amtega e Cultura impulsan a Memoria Dixital de Galicia

A estratexia valerase das novas tecnoloxías para conservar, difundir e permitir o acceso desde todo o mundo ao patrimonio cultural do país

“Crear un novo modelo de xestión e conservación do patrimonio cultural galego baseado nas TIC, que garanta a súa preservación, difusión e a accesibilidade desde calquera lugar do mundo”. É unha das arelas do proxecto da Memoria Dixital de Galicia, unha estratexia impulsada pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e Consellería de Cultura, Educación Ordenación Universitaria.

A pasada semana celebrouse unha xornada de traballo para avanzar na consolidación da Memoria Dixital do país. Foi na Biblioteca da Cidade da Cultura, no monte Gaiás, onde a Xunta xa dispón dun fondo dixitalizado do patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia dun Centro de Proceso de Datos Integral (CPDI) que está previsto ampliar.

Publicidade

Na reunión participaron unha trintena de profesionais das entidades beneficiarias, que coñeceron da man dos técnicos das áreas de Arquivos, Museos e Bibliotecas da Administración autonómica os requisitos e protocolos para a dixitalización dos seus fondos documentais e a súa futura incorporación a Galiciana. O encontro foi inaugurado pola directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), Mar Pereira, e secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Manuel Vila.

A Memoria Dixital de Galicia

A Memoria Dixital de Galicia busca contar coa participación dos axentes implicados na xestión do patrimonio cultural galego, baixo a denominación das institucións da memoria, entre os que están o Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ou as Universidades públicas galegas.

O proxecto busca a unión de forzas e colaboración entre as entidades públicas, privadas e calquera axente con responsabilidade no patrimonio cultural para acadar o maior nivel de catalogación, preservación e difusión, independentemente da súa ubicación ou propiedade.

Para contribuír á sustentabilidade dos fondos dixitalizados, en termos económicos e tamén sociais, impulsará un modelo de participación que facilite a cidadáns, empresas e institucións achegar recursos para contribuír á universalización do patrimonio cultural de Galicia.

A Galiciana é unha das iniciativas que xa sustentan o proxecto da Memoria Dixital de Galicia.
A Galiciana é unha das iniciativas que xa sustentan o proxecto da Memoria Dixital de Galicia.

Liñas de actuación

A estratexia identifica unhas liñas de actuacións, que constitúen o punto de partida para o desenvolvemento de actuacións concretas. En primeiro lugar, sinala a necesidade de definir un marco técnico común para todos os axentes e institucións involucrados na conservación do patrimonio, coa normativa, directrices, criterios e estándares para a dixitalización e preservación dos elementos patrimoniais.

En segundo lugar, está a aplicación das TIC para a catalogación, inventariado e xestión patrimonial, o que implica a dotación de infraestruturas e ferramentas tecnolóxicas así como a capacitación no seu uso.

A terceira liña céntrase no aproveitamento das TIC para facilitar a visibilización e a promoción do patrimonio cultural, grazas á aplicación das novas tendencias, ferramentas e dispositivos tecnolóxicos para desenvolver técnicas novas e interactivas para o acceso, a conservación, restauración e posta en valor do patrimonio cultural.

En cuarto lugar, aplicarase a tecnoloxía para mellorar a accesibilidade ao patrimonio desde o punto de vista presencial e virtual. No primeiro caso, para mellorar os servizos prestados directamente en arquivos, bibliotecas, museos e calquera outra instalación que custodie os recursos patrimoniais. No segundo, incrementando e mellorando as solucións dixitais de acceso ao patrimonio, adaptándoas ao perfil e ás necesidades do usuario, desde o público en xeral a profesionais, docentes, investigadores…

A quinta liña, a das TIC como elemento dinamizador da produción cultural impulsa a creación de contidos dixitais culturais e a súa correspondente promoción, e por tanto, o desenvolvemento de oportunidades de desenvolvemento económico na sociedade galega.

Innovación tecnolóxica

O proxecto da Memoria Dixital de Galicia implica aplicar a innovación tecnolóxica actual e futura a todo o ciclo de vida da preservación do patrimonio e da xestión da actividade cultural. Así, o uso de sistemas de información xeográfica para xeorreferenciar os elementos do patrimonio cultural material e inmaterial é unha das ferramentas fundamentais previstas.

O emprego de técnicas de dixitalización en 2D e 3D serán esenciais para dispoñer de copias dixitais de seguridade e para a elaboración de catálogos dixitais, que favorezan a difusión e faciliten tarefas de restauración e investigación.

A aplicación de solucións en mobilidade e a realidade aumentada, que combina elementos virtuais en contornas reais para achegar información ao usuario en tempo real, son outras das innovacións tecnolóxicas que contempla a estratexia.

Tamén o emprego do Big Data e Linked Open Data, que permitirá o tratamento masivo de datos que xerará a Memoria Dixital para mellorar sistemas e servizos para os usuarios e  a súa reutilización por parte de terceiros.

Iniciativas en marcha

A Memoria Dixital de Galicia aséntase en catro iniciativas, xa en marcha, vinculadas a dixitalización e difusión do patrimonio cultural galego.

A entrada en funcionamento do Arquivo Electrónico Patrimonial, que ten como obxectivo a xestión do patrimonio documental galego e, que desde outubro, estará accesible a través dun portal web.

A Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia  que conta xa con máis de 1,7 millóns de páxinas e 175.000 obxectos dixitalizados procedentes de arquivos, museos, bibliotecas e outras coleccións E que será tamén a canle de difusión do noso patrimonio cara as redes transnacionais como pode ser Europeana.

A apertura nos vindeiros meses dunha convocatoria de axudas para a dixitalización de fondos das institucións implicadas por un importe de 800.000 euros.

As actuacións vinculadas a recolección e xeoreferenciación da toponimia galega, como patrimonio inmaterial e como elemento nuclear para xeorreferenciar o patrimonio cultural galego.

Orzamento

A Memoria Dixital de Galicia conta cun orzamento público de 9,1 millóns de euros, dos cales 5 millóns proceden da cuarta liña estratéxica da Axenda Dixital de Galicia 2020, “Aceleración da Economía Dixital”, que  contempla actuación para a avanzar “Da preservación á accesibilidade dixital do patrimonio cultural”. Os  4,1 millóns restantes proveñen dunha candidatura conxunta da Xunta e 15 socios ao Programa Operativo Interreg para avanzar cara unha memoria dixital transfroteiriza Galicia-Norte de Portugal, aliñada coa Memoria Dixital de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Expertos en tecnoloxía, ciencias e humanidades asesoran a Xunta para o uso ético da IA

A comisión de especialistas elabora recomendacións para impulsar accións formativas e a sensibilización na administación e empresas

A Plataforma Dixital Agroforestal de Galicia empregará intelixencia artificial ao servizo do campo

Agricultores, gandeiros e silvicultores poderán cumprir obrigas coa administración e vixiar as súas explotacións, entre outras funcións

As aulas CeMIT formaron a 900 persoas en impresión 3D, robótica ou programación

Amtega distribuíu máis 1.300 novos dispositivos este ano nunha rede que xa conta con máis de 113.000 usuarios

A incorporación de maiores a Internet aumenta en Galicia máis dun 15%

Un estudo elaborado polo Observatorio da Sociedade da Información reflicte a redución da fenda dixital