Maite Abeleira, Pedro Diz e Jacobo Limeres, da Unidade de Pacientes Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía, con Marina, de Down Galicia. Foto de Óscar Dacosta para o calendario de Down Compostela.
Maite Abeleira, Pedro Diz e Jacobo Limeres, da Unidade de Pacientes Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía, con Marina, de Down Galicia. Foto de Óscar Dacosta para o calendario de Down Compostela.

Científicos galegos buscan nas persoas con síndrome de Down un remedio contra a carie

Investigadores da USC e do SERGAS descubriron unha bacteria que podería combater esta doenza, con moita menor incidencia nos pacientes con esta síndrome

Algo teñen as persoas con síndrome de Down que as protexe contra a carie nos dentes. Pola contra, padecen moito máis a periodontite, ou piorrea, unha inflamación nas enxivas que pode acabar causando un dano irreparable na base dos dentes. As estatísticas falan: entre o 90 e o 100% das persoas coa síndrome maiores de 20 anos teñen piorrea; e pola contra, en estudos realizados en xemelgos (un deles sen Down), viuse que o 58% dos irmáns non sindrómicos estaba libre de carie, porcentaxe que subía ata o 78% nos outros irmáns.

Estes foron os datos que puxeron en marcha a investigación realizada na USC, encabezada polo catedrático de Estomatoloxía Pedro Diz Dios, xunto a outros expertos como Jacobo Limeres, Maximiliano Álvarez e Lucía Martínez (estes dous últimos do Servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro). Desde hai tempo sabíase xa da existencia dunha bacteria con actividade protectora contra a carie, e a hipótese do equipo galego foi, por tanto, que as persoas con síndrome de Down poderían ter este microorganismo en maior cantidade.

“Estabamos traballando cun grupo piloto e levamos unha sorpresa”, conta Pedro Diz. “Atopamos unha bacteria nova, non descrita ata o momento; era un estreptococo que combate as bacterias responsables da carie, e algunhas das que toman parte na piorrea”. Un avance moi prometedor, que xa captou o interese no sector. “Fixemos máis estudos in vitro e xa vemos que ten un potencial anticarie importante, polo que podería ser posible fabricar un probiótico para combater a doenza”.

As persoas con síndrome de Down padecen moito máis a peridontite, pero menos a carie

Resultados favorables contra a carie

Despois dos primeiros ensaios, o equipo da USC probou nun modelo de boca artificial, na que esta nova bacteria, ofrecía tamén bos resultados en contacto cun entorno máis diverso, competindo e interactuando con máis microorganismos: “Vimos que a placa bacteriana que acaba causando carie cústalle máis pegarse aos dentes e medrar“, conta o catedrático Pedro Diz.

Non en tanto, unha vez descuberta esta bacteria, realizouse un estudo epidemiolóxico para ver a súa prevalencia. E o resultado foi agridoce para os investigadores: “Atopámola só nun 1% dos pacientes con Down; e polo tanto podemos concluír que de por si non é a responsable de que eles non teñan carie”, apunta Diz. Non en tanto, hai unha lectura positiva. “Temos unha bacteria moi escasa e infrecuente, cun demostrado efecto anticarie, e por tanto, un antimicrobiano novo, polo que presumiblemente moitas bacterias van ser sensibles a el. Se a maioría de poboación  xa a tivera na boca non sería efectiva, pero ao tela tan pouca xente, pode funcionar”, explica o investigador da USC.

Na actualidade, os científicos galegos traballan para obter un composto que secreta a bacteria. “Cremos que é unha proteína, xa que o organismo non combate directamente os outros microbios, senón que os ataca a través desta substancia. E se somos quen de obter esta proteína, sería moi positivo, porque mesmo a poderiamos crear de forma sintética“, afonda Pedro Diz Dios.

“Estreptococo downii”?

A investigación desta posible bacteria contra a carie conta coa participación de numerosas familias da federación Down Galicia. O seu presidente, Delmiro Prieto, subliña que “é unha fortuna poder colaborar da man de persoas como Pedro Diz e Jacobo Limeres nun proxecto tan interesante”. O Dr. Diz, lembra Prieto, leva máis de 20 anos colaborando coa entidade, investigando e atendendo clínicamente a persoas con Down na Unidade de Pacientes Especiais da Facultade de Medicina e Odontoloxía.

Engade o presidente da federación que esta colaboración enriquece o traballo de Down Galicia, na medida en que “somos unha entidade aberta, porque non só estamos en disposición de demandar servizos, senón tamén en achegar todo o que esté na nosa man para axudar ao ben común”.

E neste sentido, os investigadores queren tamén deixar un oco na historia para o colectivo. “Xa solicitamos o rexistro para nomear á bacteria como Estreptococo downii, para recoñecer a colaboración que nos están prestando os pacientes e as súas familias, e todo o esforzo que levan feito durante tanto tempo”, lembra Pedro Diz. A nomenclatura está agora pendente da aprobación das autoridades competentes.

Mentres, a investigación segue, e por bo camiño. O proxecto xa recibiu financiamento da Axencia Galega de Innovación (Gain) para seguir o seu percorrido. O tempo dirá se os científicos da USC, do SERGAS e Down Galicia acabarán sendo artífices dun tratamento contra a carie.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.