Máis de 110.000 galegos realizan xestións coa Xunta a través do móbil, grazas á aplicación XuntaEu. A Administración autonómica puxo en marcha esta app o pasado ano co obxectivo de simplificar a relación dos cidadáns cos servizos dixitais aproveitando o uso, practicamente universal, dos dispositivos móbiles.
A app permite consultar notificacións, expedientes, recibir avisos, xestionar citas, acceder a certificados, tarxetas e carnés emitidos pola Xunta. Ademais, entre as últimas funcionalidades incorporadas están a posibilidade de achegar documentación aos expedientes e unha canle de WhatsApp para consultar dúbidas técnicas da aplicación.
XuntaEu está dispoñible para os sistemas operativos iOs e Android e, una vez descargada, a persoa usuaria pode acceder dun xeito seguro aos servizos dispoñibles empregando Chave365, o DNI electrónico ou un certificado dixital.
Grazas a XuntaEu as persoas usuarias poden consultar, aceptar ou rexeitar desde o móbil as notificacións que a Administración lles faga chegar a través do sistema notifica.gal, Ademais, poden acceder á información básica dos seus expedientes e presentacións e acceder de xeito directo á sede electrónica para tramitalos.
Tamén se poden consultar as citas programadas coa Administración e acceder ou dar de alta apoderamentos do Rexistro Electrónico de Apoderamentos de Galicia. Outras utilidades que proporciona XuntaEu son a xestión da baixa no sistema de Chave 365, a posibilidade de consultar ou modificar os datos persoais almacenados na Carpeta Cidadá e a recepción de avisos personalizados.
Certificados profesionais
Actualmente, a aplicación permite o acceso a un total de 12 tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta de Galicia, que poden ser validados por terceiros directamente dende o dispositivo a través dun código QR. XuntaEu proporciona, tamén, acceso aos certificados dos que dispoña a persoa usuaria. Neste momento, os documentos dispoñibles son o certificado de habilitacións profesionais, a licenza de pesca marítima de recreo en superficie, a licenza de pesca marítima de recreo submarina e a licenza de pesca marítima de recreo en embarcacións.
Outra das funcionalidades que inclúe XuntaEu é a de comprobar a validez de documentos asinados electronicamente, tanto de maneira manual como mediante o uso da cámara para escanear o código QR.
Desde a súa publicación a aplicación vén incorporando melloras e novas utilidades. Entre as últimas novidades implementadas está a posibilidade de achegar documentación aos expedientes e unha canle de WhatsApp para consultar dúbidas técnicas da app.














