Máis de 200 persoas asistirán aos Google Devoloper Groups galegos

O GDG DevFest celebrarase o 26 de outubro na Escola Superior de Enxeñaría Informática e nel terán lugar conferencias e obradoiros de carácter tecnolóxico

O próximo sábado 26 de outubro máis de 210 persoas daranse cita na Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense na edición galega do GDG DevFest 2019. A actividade, organizada neste caso polos Google Developer Groups galegos, preséntase segundo a organización como “o evento tecnolóxico gratuíto máis grande de Galicia” cuxo principal obxectivo é “crear comunidade” entre as persoas e entidades que traballan no eido da informática e a tecnoloxía na comunidade autónoma.

Os GDG DevFest, explican desde a súa organización, “son eventos a grande escala dirixidos por e para a comunidade que se celebran anualmente por todo o mundo”. “Non hai dous DevFest iguais, todos están alimentados pola crenza de que cando os desenvolvedores se reúnen para intercambiar ideas, cousas incribles poden suceder”, indican.

Publicidade

A cita que se celebrará en Ourense está organizada polos GDG de Ourense, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, A Coruña e Lugo e conta co apoio da Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus, de Google e de StartupGalicia e co patrocinio de RaiolaNetworks, Plexus, Teimas, Dinahosting, Gradiant e Idealista, entre outros. “As comunidades Google Developer Groups (GDG) están presentes nas principais cidades galegas e xuntas organizamos este evento tecnolóxico co obxectivo de mellorar a comunidade tecnolóxica galega e posibilitar as relacións entre os asistentes”, comentan desde a organización, facendo fincapé no carácter gratuíto desta iniciativa, que xa cumpre a súa terceira edición. “Calquera persoa, independentemente da súa situación laboral e económica, poderá asistir ao DevFest se o desexa”, recalcan.

Conferencias e talleres

A programación do evento inclúe un amplo panel de conferencias que se presentan como “charlas de tecnoloxía de menos dunha hora, interactivas, amenas e adaptadas a calquera público de perfil tecnolóxico”. O programa tamén inclúe talleres onde as e os asistentes poderán “adquirir conceptos de forma práctica e guiada, executando o código directamente no seu propio computador”. Para impartir estas actividades, participarán na cita relatores e relatoras “de primeiro nivel chegados de todo o territorio nacional, que compartirán os seus coñecementos sobre tecnoloxía coas persoas asistentes”. Algúns deles, detallan desde a organización, “son grandes referentes nos seus campos, como Moisés Martínez, recoñecido como experto en intelixencia artificial dentro do programa Google Developer Expert”. A construción de modelos para dispositivos edge TPU, o traballo en remoto, os principios de Solid ou a unha introdución a HTML5 e CSS3 son algunhas das temáticas que se abordarán ao longo da sesión que se celebrará no campus de Ourense.

Publicidade

Estes encontros anuais rotatorios, lembran desde a súa organización, están deseñados como xornadas técnicas, informáticas, que abranguen todo tipo de temáticas, desde servidores a programas, podendo incluír algún aspecto menos técnicos, como nesta edición o traballo remoto ou os perfís técnicos, tal e como comenta Toni Martínez, coordinador do GDG Ourense. O obxectivo último desta programación, apunta, “é intentar promover comunidade, neste caso a nivel galego”. O GDG Ourense, lembra o seu coordinador, é un grupo sen ánimo de lucro que está formado por máis de 600 persoas, non só de Ourense, e que ten como obxectivo “crear comunidade técnica en Ourense”, creando un espazo de interacción entre “a xente que traballa no ámbito da informática e sistemas”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo galego propón novos criterios para identificar áreas de lonxevidade extrema

Investigadores do IDIS e da UVigo publican por primeira vez un marco metodolóxico que inclúe parámetros demográficos e epidemiolóxicos

Arden máis os espazos protexidos? Cando os datos non xustifican o relato

Os estudos dispoñibles non demostran que a protección aumente o risco de incendio nin que unha maior intervención sobre a vexetación sexa a resposta
00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Máis aló da madeira: o proxecto galego que busca novos aproveitamentos do monte dende Baroña

Multi-Forest, unha iniciativa impulsada dende Feuga, aplica imaxes satelitais para diversificar os usos do territorio, dende a micoloxía ata o certificado de calidade