Os mapas permiten comparar en cada área a poboación que chega e sae. Fonte: INE.
Os mapas permiten comparar en cada área a poboación que chega e sae. Fonte: INE.

Os desprazamentos durante o confinamento, concello a concello

O estudo de mobilidade durante o estado de alerta amosa que a cidadanía galega é das que máis se segue movendo nestas semanas

Canto poden dicir de nós os teléfonos móbiles nunha época na que son case apéndices do corpo de moitas persoas? A recollida de grandes volumes de datos xerados polos propios usuarios xa é a principal fonte de ingresos de numerosas empresas no mundo. E agora, ante a crise xerada pola pandemia do coronavirus, moitos gobernos están a desenvolver e facer públicas as análises de mobilidade coas que pretenden mellorar a resposta fronte á crise e seguir os desprazamentos da cidadanía. Ademais dun bo feixe de información, a interpretación dos datos axuda a explicar a xeografía humana de cada rexión. E tamén é o caso de Galicia.

Segundo os datos dos estudos difundidos nos webs do Ministerio de Transportes e o Instituto Nacional de Estatística, os habitantes de Galicia son dos que máis se moven en España en relación ao período anterior á pandemia. Isto non quere dicir, porén, que se estea a respectar menos o confinamento, senón que pode amosar, de novo, as pecularidades de cada territorio.

A mobilidade en cada comunidade autónoma

Mobilidade por CCAA no último día con datos dispoñibles, o mércores 15 de abril. Galicia é a comunidade (gráfico inferior) na que máis xente realiza máis de 2 viaxes e a na que menos xente non realiza ningunha viaxe. Fonte: Ministerio de Transportes.
Mobilidade por CCAA no último día con datos dispoñibles, o mércores 15 de abril. Galicia é a comunidade (gráfico inferior) na que máis xente realiza máis de 2 viaxes e a na que menos xente non realiza ningunha viaxe. Fonte: Ministerio de Transportes.

Segundo se pode ver no gráfico sobre estas liñas, correspondente ao pasado mércores 15 de abril, en Galicia houbo un 51% menos de desprazamentos respecto á semana tomada como referencia (14-20 febreiro). Porén, na imaxe inferior, obsérvase un dos detalles que constata a maior mobilidade durante estas semanas en Galicia respecto a outras comunidades e o conxunto da súa poboación: o pasado mércores estímase que máis de 800.000 persoas (o 30% da mostraxe) realizaron en Galicia máis de dous desprazamentos, e que algo máis e 1.326.000 (un 48%), non se desprazou en todo o día. A primeira cifra é a maior de toda España, e a segunda, a menor.

Galicia é a comunidade na que unha maior porcentaxe de persoas fan máis de dúas viaxes, e na que menos proporción de xente non se move da casa

“A principal conclusión é a ampla redución da mobilidade dos galegos e galegas; o estudo dinos que cerca de 60% das persoas non saen da casa, e as que saen son para desprazamentos curtos (menos de 10km), como poden ser facer a compra ou ir o traballo”, explica Enrique Costa Montenegro, profesor e investigador do Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI), integrado no centro atlantTTic da Universidade de Vigo. Porén, a porcentaxe de desprazamentos é bastante menor que no resto de España. “A mobilidade fóra de Galicia sufriu un descenso de entre o 80 e o 90%, mentres que se mantén na rexión en torno a un 60%”, engade Costa.

O método

Os dous estudos (do INE e o Ministerio) utilizan métodos semellantes: a análise da posición dos móbiles mediante triangulación e o estudo dos seus movementos. “Varían nas diferentes formas de amosar os datos ou o tipo de análise que se fai deles, pero os resultados xerais son os mesmos”, apunta Enrique Costa. Mentres que o INE difunde datos día a día, o Ministerio de Transportes está recollendo e publicando información mesmo hora a hora desde os primeiros días de marzo.

Para recoller os movementos dos cidadáns, os dous estudos compilan a información que achegan as operadoras de telefonía móbil. A técnica usada é a de triangulacións de estacións base, “que non é a máis precisa, pero suficiente para o obxectivo do estudo”, detalla o investigador da Universidade de Vigo. A mostraxe, de máis de 10 millóns de dispositivos móbiles, é moi grande, polo que o estudo resulta “bastante fiable”. Con todo, pode haber variacións puntuais, sobre todo nalgunhas rías, ao triangularse nalgúns casos a través de antenas que non son as de residencia, como se ve baixo estas liñas:

A mobilidade en Galicia

O estudo do INE é o que permite obter unha visión máis detallada da mobilidade en Galicia, toda vez que amosa a nivel máis local os datos. Na meirande parte dos casos, as cuadrículas correspóndense con cada concello. Porén, hai situacións nas que as agrupacións de poboación varían (un territorio máis pequeno nas cidades e unha área de varios concellos nas zonas menos poboadas), como se pode ver no mapa.


Exemplos da mobilidade en Galicia durante o estado de alarma. A porcentaxe de movementos sobre o total da poboación é meirande canto máis escura sexa a área. Preme na imaxe para consultar os datos no web do INE.

Mapa de fluxos: preme na imaxe para ver os datos no web do INE:

Como se pode interpretar isto? Rubén Lois, catedrático de Xeografía da Universidade de Santiago de Compostela, expón dúas hipóteses sobre esta maior mobilidade a pesar das restricións de desprazamento, aínda que, segundo advirte, “habería que contrastar mellor os datos para sacar conclusións claras ao respecto”. Lois apunta, por unha banda, que “Galicia mobiliza moita man de obra ao resto de España en sectores como o da construción, algo máis acusado nestas datas, coas restricións de fronteiras, o que limita moito máis a chegada de traballadores de Portugal, outra fonte de man de obra tamén importante”.

Ademais, neste sentido, o xeógrafo incide na mobilidade das áreas metropolitanas que se ve reflectida nos datos das cidades galegas. “Temos que ter en conta que a poboación vinculada a Vigo é de case medio millóns de persoas, e a de Santiago é habitualmente o dobre da súa poboación censada; por tanto, cando o resto das zonas paran, isto agroma máis”, resume.

Así se constata cos fluxos de persoas detectados nestes días en áreas como o polígono de San Cibrao das Viñas, un dos máis importantes da área de Ourense, as áreas industriais dos arredores de Vigo e Porriño, Agrela, na Coruña, e Lourizán. Tamén na Coruña se detecta movemento na zona na que se atopa o Chuac. 

Mobilidade cara á area industrial de Agrela, na Coruña, onde tamén se percibe a importante afluencia cara á zona do Chuac (en laranxa).
Mobilidade cara á area industrial de Agrela, na Coruña, onde tamén se percibe a importante afluencia cara á zona do Chuac (en laranxa).
Área de San Cibrao das Viñas (Ourense).
Área de San Cibrao das Viñas (Ourense).
Mobilidade cara ás áreas industriais e localizacións dos hospitais nos arredores de Vigo.
Mobilidade cara ás áreas industriais e localizacións dos hospitais nos arredores de Vigo.

A relevancia do sector alimentario

Ademais disto, outras das razóns que achega Lois para explicar este menor descenso da mobilidade ten que ver co sector alimentario: “Galicia é unha reserva alimentaria en relación co mercado español, e máis nun contexto como o actual, con maior consumo nacional debido tamén ao peche de fronteiras”. Así, tanto no eido agroalimentario, coa recollida de leite e outras materias primas, ou no sector marisqueiro e pesqueiro, co movemento dos barcos e desde e cara as lonxas, constátase a relevancia deste traballo en Galicia: “Cando en Madrid ou Barcelona non se move tanto a xente, vese moito máis claro como se desenvolve a cadea alimentaria”, expón Rubén Lois.

A importancia do estudo de mobilidade

Segundo engade Enrique Costa, a información recollida axudará a “certificar que a poboación está cumprindo o confinamento” e, a partir disto, “indicar que tipos de desprazamentos son máis usuais, así coma detectar desprazamentos non desexados, coma poderían ser de cidades a zonas de segundas residencias”. Ter estes datos na man, apunta o investigador da UVigo, “pode axudar a decidir, se se produce o desconfinamento asimétrico por zonas, para ver cales son máis cumpridoras coas diferentes restricións”.

“Se estamos preocupados polos nosos datos, debería preocuparnos máis o que temos no móbil ca este estudo de mobilidade”

Privacidade

A análise dos datos dos usuarios conleva moitas veces críticas pola suposta invasión de privacidade dos cidadáns. “Se nos fiamos da metodoloxía utilizada, os identificadores dos datos convértense en hash anonimizados; o único que se fai é unha agregación de datos, non debería preocuparnos xa que tendo os datos non se pode inferir información persoal”, destaca Enrique Costa. Ademais, “os datos foron obtidos por triangulación de sinais móbiles, que non é unha técnica que de moita precisión”.

Conclúe o experto galego que “a información de posicionamento que ten o sistema operativo dos nosos móbiles, Android e iOs principalmente, e todas aquelas aplicacións ás que lle damos permisos de localización, é moito máis exacta por basearse en GPS ou redes wifi, ademais de poder asociar a posición o dono do móbil”. E conclúe: “se estamos preocupados polos nosos datos, debería preocuparnos máis o que temos no móbil que o estudo de mobilidade pola Covid-19″.


Para ver máis:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.