The Mind Guardian. Ese é o nome dunha innovadora aplicación baseada en intelixencia artificial para a detección precoz da deterioración cognitiva. Así o anunciou Samsung este martes no acto de lanzamento do videoxogo, celebrado en Madrid. Detrás deste avance está un equipo do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Telecomunicación (atlanTTic) da Universidade de Vigo (UVigo) encabezado polos catrdráticos Luis Anido e Manuel Fernández Iglesias. O traballo, desenvolvido ao longo de máis de 10 anos, presenta unha proba de autoavaliación de memoria para o cribado a gran escala de signos de deterioración cognitiva, un síntoma frecuente nas fases temperás de enfermidades como o alzhéimer, que en España afecta a 800.000 persoas.
Gratuíto, accesible e cunha precisión do 97%
Este videoxogo, cunha precisión do 97% preséntase como unha ferramenta autoadministrable, gratuíta e accesible, deseñada especificamente para persoas maiores de 55 anos sen síntomas evidentes de deterioración cognitiva. O seu aspecto máis innovador é a combinación de tres elementos científico-tecnolóxicos: a gamificación de probas de memoria convencionais para a detección da deterioración cognitiva usados en contornas sociosanitarias, e a análise baseada en intelixencia artificial e na aprendizaxe automática (machine learning), cumprindo os criterios de validez psicométrica na construción dos tests dixitalizados.
A principal misión de The Mind Guardian é ofrecer un apoio tanxible tanto ás persoas afectadas como ás súas familias e coidadores, considerando a detección temperá como un vector de mellora significativa na calidade de vida facilitando intervencións máis efectivas desde as etapas iniciais da enfermidade. O seu gran valor radica na capacidade de detectar de maneira precoz os primeiros signos de deterioración cognitiva que poden ser orixe de enfermidades como o alzhéimer, o que pode contribuír a aumentar a calidade de vida ata en 10 anos e reducir os efectos das demencias ata nun 40%.
Un proxecto que arranca hai máis de 10 anos
O proxecto de investigación que fixo posible o desenvolvemento de The Mind Guardian remóntase a 2014, coa creación dun grupo de investigadores multidisciplinar dos ámbitos tecnolóxico e sociosanitario nas universidades de Vigo e de Santiago de Compostela para a combinación de técnicas de gamificación e intelixencia artificial, con criterios de validez psicométrica, como instrumento de cribado de deterioración cognitiva. A resultas dos seus avances, o Grupo de Enxeñería de Sistemas Telemáticos de atlanTTic encargouse dunha batería de seis videoxogos para avaliar a memoria episódica, executiva, memoria de traballo, memoria semántica, memoria procedemental e atención; cada un deles baseado nun test convencional usados en contornas sociosanitarias.
Probas piloto en centros de día, asociacións…
Entre 2016 e 2023 leváronse a cabo diferentes probas piloto con esta batería de videoxogos en diferentes centros de día, asociacións de persoas maiores e entidades vinculadas co tratamento das demencias, como a Asociación galega de familiares con Alzhéimer (Afaga). Os resultados máis recentes cobren 152 usuarios con valores de validación cruzada que alcanzan o 97% en precisión e confirman a usabilidade e aceptabilidade do instrumento por parte das persoas participantes.

Como consecuencia do proceso de adestramento dos algoritmos de aprendizaxe automática e as avaliacións realizadas a persoas maiores ao longo do proxecto, identificouse que era suficiente enfocarse na memoria episódica, semántica e procedemental para concluír uns resultados estatisticamente significativos para identificar a unha persoa como sa, con deterioración cognitiva leve ou con demencia nun proceso de cribado.
Adicionalmente, levouse a cabo a validación de usabilidade no marco dun proxecto europeo, con 150 persoas adicionais en diferentes países utilizando o Technology Acceptance Model (TAM). Este traballo de investigación culminou nunha tese de doutoramento defendida na UVigo, así como en diferentes publicacións en revistas científicas de alto nivel.
A UVigo é a titular dos dereitos
En 2022, Samsung Iberia e a UVigo comezan a explorar a posibilidade de ofrecer estas probas en formato de aplicación gratuíta para autoavaliación en ámbito domiciliario e facilitar así un cribado inicial a grande escala para, finalmente, asinar en 2024 un convenio de colaboración para impulsar o desenvolvemento e posta ao dispor de The Mind Guardian, de cuxos dereitos é titular a UVigo.
O videoxogo deseñouse tamén coa colaboración desde o ámbito clínico do Grupo de Neurociencia Traslacional do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, a axencia Cheil Spain como titular da aplicación e a súa distribución os usuarios finais, e Innatial Developers S.L., firma galega experta en integración de sistemas Android.
Samsung, como socio tecnolóxico, xogou un papel crucial, achegando os recursos necesarios para escalar o proxecto desde o ámbito académico ata a súa transformación nun videoxogo, cun especial foco no deseño e usabilidade para optimizar a experiencia de usuario garantindo que a aplicación sexa intuitiva e funcional para o seu uso polo público obxectivo e nunha contorna autoxestionada.
Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.
Que bueno que alguien haya trabajado en estos temas tan importantes.
Como es la demencia.