Sábado 20 Abril 2024

Os 25 anos do Cesga, o gran cerebro que move á investigación en Galicia

Poucas cousas cambiaron tanto o mundo como a creación dos sistemas informáticos de procesamento e almacenamento de datos. En maio de 1993, cando o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) abriu as súas portas, gran parte da cidadanía era allea a Internet, que se acababa de crear apenas uns anos antes no CERN. Hoxe, albiscar a vida sen estar conectados á rede é case imposible. Esta semana, o Cesga celebrou os seus 25 anos cun acto ao que asistiron, ademais das autoridades, moitos dos científicos e científicas que nestes anos puideron desenvolver as súas investigacións apoiados polo gran cerebro que supón o centro de supercomputación baseado en Santiago. Desde hai poucas semanas, o centro conta con novo director, Mauro Fernández Dabouza, que substituíu a Javier García Tobío despois de case 20 anos á fronte do centro.

A lista de investigacións que se desenvolven en Galicia ao abeiro do Cesga, que conta con 30 profesionais, son moitas e moi diversas: desde a intelixenia artificial, a impresión 3D ou a previsión meteorolóxica ata a a secuenciación xenética, as técnicas da industria agroalimentaria, os cálculos do tráfico marítimo ou a observación por satélite. Referentes da ciencia galega, como o xenetista Ángel Carracedo, teñen recoñecido o papel esencial que ofrece o Cesga para desenvolver os seus traballos.

Publicidade

Servizos do Cesga

Neste senso, o Cesga, impulsado por unha fundación patrocinada pola Xunta de Galicia e o CSIC, ofrece servizos non só ás universidades e centros de investigación, senón tamén a empresas tecnolóxicas e redes de telecomunicacións, á industria tecnolóxica de Galicia e a outros recursos como a aprendizaxe en liña ou os sistemas de información xeográfica.

Durante os actos de celebración do 25º aniversario, o presidente da Xunta anunciou que en 2019 se iniciarán os traballos para dotar ao Cesga dun novo ordenador, que será adquirido polo CSIC e a Administración autonómica. O equipo, previsto para comezar a funcionar en 2020, ten o obxectivo de que “o Cesga siga estando na elite dos centros de supercomputación”, despois de que o superordenador Finisterrae chegase a estar na lista dos 100 máis potentes do mundo.

O Cesga participou en máis de 200 proxectos de I+D+i que mobilizaron 550 millóns de euros

Así, nestes 25 anos, o Cesga participou en máis de 200 proxectos de I+D+i que mobilizaron máis de 550 millóns de euros; presta o seu servizo de procesamento e almacenamento de datos a máis de 700 usuarios, entre empresas, grupos de investigación ou particulares; colabora actualmente con 48 departamentos de investigación das tres universidades galegas, con 33 departamentos de investigación do CSIC e presta servizo á práctica totalidade dos centros tecnolóxicos de Galicia; e só o pasado ano participou en 57 proxectos con 80 empresas galegas, por un importe total de 3 millóns de euros.

Nos últimos anos, o centro de supercomputación non deixou de avanzar para actualizar as súas instalacións e equipamentos ás esixencias da nova realidade tecnolóxica, marcada polo ‘Big Data’. Así, en novembro de 2017, anunciouse que se quintuplicaba a capacidade dos seus servidores grazas a un novo equipamento de 1,5 petabytes, financiado pola Xunta e a Unión Europea.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Si, pódese crear acuarela con bacterias: a UDC impulsa a divulgación a través da arte

CICAGallery estrea a súa primeira edición con cinco artistas que convivirán con distintos grupos de investigación da universidade

Exoplanetas de spray e tinta: ciencia e arte alíanse nun proxecto internacional con selo galego

O artista vigués Tono Carbajo realiza unha residencia artística en Cataluña para desenvolver a súa obra visual e sonora a partir de evidencias astronómicas

Que fai a supercomputación galega nun xacemento exipcio de hai 3.500 anos?

O CESGA almacena nun repositorio seguro a información das campañas de escavación que se desenvolven na antiga cidade de Tebas

Inmaculada Rodríguez: “Antes faciamos empresas de parafusos, agora de ciencia e tecnoloxía”

A directora xeral de Unirisco reclama dar o salto da investigación á empresa nas xornadas 'Investir en Ciencia si é rendible’, que organiza xunto a Noso Capital