AtlanTTic acadou preto de 20 millóns de euros e xerou 10 patentes en catro anos

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo participa actualmente en máis de 30 proxectos

Como “un centro con impacto internacional con forte proxección no territorio” describe Carlos Mosquera Nartallo o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación, atlanTTic, que dirixe e que “este ano 2019 situou á Universidade de Vigo, por primeira vez entre as 200 mellores institucións do mundo no ámbito das telecomunicacións”, destaca Mosquera. Preto de 170 persoas, das que 40 son mulleres, desenvolven a súa actividade no centro singular de investigación, que recentemente acadaba por segundo ano consecutivo un proxecto europeo sobre fotónica integrada para a formación de doutoras e doutores neste ámbito, “algo que no programa H2020 ocorre moi raramente”, aclara o director de atlanTTic.

No período 2016-2019 o Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación acadou preto de 20 millóns de euros de financiamento e outorgáronselle unha decena de patentes. “Así mesmo, nestes catro anos concedéronnos arredor de 50 proxectos competitivos de I+D+i, dos que neste intre hai 33 activos. No caso concreto do H2020, comezaron seis proxectos e hai cinco activos na actualidade”, detalla Carlos Mosquera, que sinala que os ingresos procedentes destes proxectos se incrementaron un 14%, fronte ao 5% do ano anterior.

Publicidade

Máis de 300 artigos e catro spin-offs creadas

Un total de 349 artigos publicaron nos últimos catro anos en revistas as e os investigadores de atlanTTic, “cun impacto medido polo ránking de Shanghai en 2019 que nos sitúa de cuartos en España e Portugal”, explica o director do centro, que tamén lembra que segundo a Área de Servizos Bibliométricos da Universidade de Vigo, tres dos seis artigos de maior impacto da institución na última década corresponden a investigadoras e investigadores do centro: un de Ramón Hermida do ámbito da saúde; outro de Rebeca Díaz e Ana Fernández sobre xogos na aprendizaxe e outro de Nuria González sobre 5G.

Investigadores do novo laboratorio de 5G. Foto: Duvi.
Investigadores do novo laboratorio de 5G. Foto: Duvi.

No período 2016-2019 un total de catro spin-offs naceron ao abeiro de atlanTTic. En 2016 creábase da man de José Luis Alba Castro relEYEble centrada na tecnoloxía de análise facial para os sectores de publicidade, retail e seguridade. O ano seguinte vía a luz CAT&D de Ramón Hermida, que se ocupa do desenvolvemento de sistemas para a cuantificación individualizada de risco e identificación precoz de complicacións vasculares, renais e metabólicas. E xa este ano, púñanse en marcha Alén Space da man de Fernando Aguado Agelet, dedicada a desenvolver solucións completas de pequenos satélites e Ancora, promovida por Felipe Gil Castiñeira, para o desenvolvemento de ferramentas para o uso do teléfono móbil en contornas profesionais.

Publicidade

Aposta de futuro

“Nestes anos acometéronse investimentos estratéxicos en persoal e propostas de investigación que comezaron a dar os seus froitos”, asegura Carlos Mosquera, que tamén destaca o incremento experimentado neste período na contribución dos proxectos europeos, así como no número de estudantes de doutoramento doutros países, aínda que “se agarda apostar con máis forza pola incorporación de investigadores novos postdoutorais nos próximos anos para reforzar o cadro de persoal, aspecto no que aínda hai moito camiño por percorrer”.

Os avances na profesionalización da xestión do centro, a cohesión interna e a imaxe de marca, son outros aspectos positivos que o director de atlanTTic destaca destes últimos anos, así como a inminente posta en marcha do novo laboratorio de 5G. Esta instalación servirá para potenciar e reforzar a capacidade de traballo nas tecnoloxías amparadas baixo a etiqueta 5G e, como detalla Mosquera, “está concibido como un laboratorio de investigación, que ao mesmo tempo pode dar soporte as colaboracións co tecido produtivo, como poden ser operadores de telefonía móbil ou xestores de infraestruturas de telecomunicación”. O orzamento total do laboratorio é de 843.852€.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O catálogo ‘Quero ser investigadora’ alcanza a súa 6ª edición con dez historias de científicas da UVigo

O evento inclúe unha guía didáctica, contidos gamificados e unha versión audiolibro que conta cunha versión de lectura fácil

Unha quinta alumna sinala o profesor da UVigo por suposto acoso sexual: “Acurraloume e abrazoume nun corredor”

Unha nova estudante describe un episodio acontecido durante o curso 2022/2023 co docente da Facultade de Filoloxía e Tradución acusado por ata catro rapazas máis

Un estudo relaciona a debilitación das correntes oceánicas con idades de xeo máis longas e intensas

Unha investigación con participación da UVigo achega nova información sobre a evolución do clima e o papel do océano Atlántico no fenómeno
00:06:10

Dopamina e lampreas: así descifra o CINBIO o sistema que inflúe nas nosas decisións e que nos fai sentir pracer

O grupo Neurocircuits investiga como o cerebro procesa datos novos e calcula o valor das nosas accións cun modelo animal de máis de 500 millóns de anos